- “O camiño para chegar aos Xogos foi unha carreira de obstáculos. Se engadimos, ademais, que se trata dun deporte feminino, é o resultado de case 20 anos de loita”.
- “Somos realistas en canto á envergadura do reto, pero estamos preparadas para pelexar por alcanzar o soño de colgarse unha medalla”.
- “Síntome nunha nube de felicidade. Non teño dúbidas de que vai ser unha experiencia que xamais vou a esquecer”.
Case 20 anos de loita para alcanzar o que ela mesma denomina como un soño. María Victoria Alonso, ‘Vicky’, participará nos seus primeiros Xogos Paralímpicos en Tokyo 2020. A mellora manifesta do nivel feminino no baloncesto en cadeira de rodas tradúcese agora nun reto: alcanzar os metais.
Ata nove participacións en campionatos europeos, dous Mundiais… E, por fin, a tan ansiada clasificación a uns Xogos Paralímpicos. Foi un camiño duro?
O camiño ata acadar os Xogos foi una carreira de obstáculos. Interveñen moitos factores, sobre todo nun deporte minoritario como é o deporte adaptado. Se engadimos, ademais, que se trata dun deporte feminino, o resultado é un camiño de case 20 anos loitando por alcanzar un Xogos Paralímpicos.
O baloncesto en cadeira de rodas é unha modalidade moi coñecida dentro dos Xogos Paralímpicos. Na última década, a selección masculina vén de potenciarse e alcanzou incluso a medalla de prata nos Xogos de Río. Coa vosa clasificación en Rotterdam no 2019 e a vosa irrupción en Tokyo, pensas que se está a motivar un auxe do deporte feminino? Faltan apoios?
Dende fai uns anos estase a producir un cambio xeracional e un rumbo distinto na dinámica de traballo. Hai que engadir, ademais, o feito de que existe unha maior participación das mulleres na liga. Iso aporta sen ningunha dúbida un aumento de calidade e un pulo enorme de cara a selección nacional. A participación nos mundiais, acadando un sétimo posto, e a posterior clasificación para os Xogos, son unha manifestación deste cambio na realidade.
Con que aspiracións encaras estes Xogos? Cales son os obxectivos?
As miñas aspiracións son altas porque son unha persoa competitiva ao máximo, porque traballo moi duro para alcanzar a mellor versión de min mesmo. O obxectivo do equipo é competir. Somos realistas en canto á envergadura do reto que supón xogar coas mellores seleccións do mundo, pero estamos preparadas para loitar por alcanzar un soño, que sería colgarse unha medalla.
Vai ser un debut, ademais, nunhas circunstancias sanitarias complicadas. Afectou a pandemia á vosa preparación?
A día de hoxe penso que a situación da pandemia deunos unha pequena marxe de tempo para prepararnos mellor de cara esta competición. Poderemos loitar con máis forza aínda por ser un equipo mellor. Outro aspecto importante é o grande reforzo que supuxo a nivel interno, como compañeiras.
Vedes Toquio como un escenario complicado de cara a desenvolver o voso xogo? Que rutinas estades a seguir de cara a competición?
Nós non temos experiencia de cara a afrontar un Xogos, pero quen si que a ten asegura que a competición non ten nada que ver con outros torneos. Seremos fieis á nosa forma de xogar porque cremos que é o que fixo que chegaramos ata este momento. A verdade é que non cambiamos as notas rutinas, confiamos na metodoloxía que temos de traballo. Trataremos de enlazar as mesmas rutinas de sempre en Toquio.
Xa a nivel persoal… Que supoñen para ti, pase o que pase, estes Xogos Paralímpicos?
Esta pregunta é a máis difícil de responder sen dúbidas. Non hai palabras que poidan expresar o que sinto. É un soño feito realidade. Síntome nunha nube de felicidade. Non teño dúbidas de que vai ser unha experiencia que xamais vou a esquecer.