- “Paréceme incrible que pasase tanto tempo desde aquel 2001 que comecei a xogar a este deporte, sinto que sigo afrontando as competicións coa mesma ilusión das primeiras, di Vicky Alonso”.
- “É a constancia, día a día, a que fai que consigamos os nosos soños”.
Case 20 anos de loita para alcanzar o que ela mesma denomina como un soño. María Victoria Alonso, Vicky Alonso, participará nos seus segundos Xogos Paralímpicos logo de facer parte da Selección Española en Toquio 2020. A mellora manifesta do nivel feminino no baloncesto en cadeira de rodas tradúcese agora nun reto: alcanzar os metais.
– Case unha decena de campionatos europeos, un par de mundiais, e agora, os segundos Xogos Olímpicos. Como afrontas esta nova e como fas para manter a motivación e os pés no chan?
Paréceme incrible que pasase tanto tempo desde aquel 2001 que comecei a xogar a este deporte, sinto que sigo afrontando as competicións coa mesma ilusión das primeiras, cada vez que remato unha teño ganas de seguir xogando, adestrándome e pensando en novos retos. E en canto a manter os pés no chan, no equipo somos moi conscientes do que custa a preparación para estes torneos, e iso faiche ter a cabeza centrada en seguir a senda correcta.
– O baloncesto en cadeira de rodas é unha modalidade moi coñecida dentro dos Xogos Paralímpicos. Na última década, a Selección masculina potenciouse e alcanzou incluso a medalla de prata nos Xogos de Río. Coa vosa clasificación en Rotterdam no 2019 e a vosa irrupción en Toquio, e agora a clasificación para París, en materia de igualdade pensas que se está a motivar un auxe do deporte feminino? Faltan apoios?
Penso que este auxe está motivado pola constancia, a disciplina e a paixón das deportistas polos nosos deportes, e creo que a única forma de mantelo é seguindo nesta mesma liña de traballo. Non creo que este feito teña que ver cos apoios.
– Falando de París, cales son os obxectivos da Selección Española?
Mentiríache se dixese que non queremos conseguir unha medalla, non sei se será factible, pero coa filosofía coa que levamos varios anos traballando penso que podemos vencer a varios dos equipos cos que nos crucemos.
– O debut nos Xogos foi cunha situación sanitaria complicada, como viviches a experiencia e como cres que vas vivir esta?
A experiencia de Toquio foi moi amarga a verdade, especialmente pola situación da pandemia, xogar para asentos baleiros rouboulle toda esa mística e espectacularidade propias duns Xogos Olímpicos, pero o positivo é que ao ser a nosa primeira experiencia nesta competición todos os medos propios da primeira vez xa non os temos, polo que sinto que estamos máis preparadas que nunca.
– Vides de derrotar a Tailandia no partido decisivo de repesca en Osaka nun partido de dominio absoluto. Agora París, o incremento de nivel é evidente, que rutinas estades a seguir de cara á competición?
Temos unha rutina moi marcada pola preparadora física xunto co seleccionador na que vimos traballando practicamente todos os días da semana, ademais en breve xogaremos un torneo amigable en Alemaña, polo que penso que imos chegar nunhas condicións deportivas moi boas a estes xogos.
A experiencia de Toquio foi moi amarga a verdade, especialmente pola situación da pandemia, xogar para asentos baleiros rouboulle toda esa mística e espectacularidade propias duns Xogos Olímpicos
– Despois dos Xogos de Toquio quedaches cun mal sabor de boca pola oitava praza tras a derrota con Alemaña. Sodes conscientes dos erros, estades preparadas para un chanzo máis?
Somos conscientes de que non foi o noso mellor torneo, pero tamén entendemos que a pandemia e como isto marcou toda a experiencia dos Xogos, fixo que non fose unha situación confortable para desenvolvernos da mellor maneira. Pese a todo, ser conscientes dos nosos erros e traballar en eles fainos ser mellores e penso que xa subimos ese novo chanzo.
– Que agarda destes xogos Vicky Alonso?
Teño moitas ganas de demostrar o traballo que estamos a facer e espero poder ter unha experiencia distinta a Toquio, poder empaparme de todas esas vivencias dos Xogos e vivir ao máximo toda esta competición.
– Por último, seguro que hai moitos nenos e nenas xogando a baloncesto ou practicando outras deportes soñando en ser coma ti, en poder disputar uns Xogos. Que mensaxe tes para esa cativada que aspira e loita por acabar nunca competición desta magnitude?
Diríalles que non desistan nunca na loita, que terán días mellores e outros peores, momentos nos que incluso pensarán que non conseguirán as súas metas, pero é a constancia, día a día, a que fai que consigamos os nosos soños.