Teresa Portela, afronta os seus sétimos XX.OO. / DANOVDRA
Teresa Portela, afronta os seus sétimos XX.OO. / DANOVDRA

Teresa Portela: “Toquio foi incrible, oxalá poida volver a vivir a experiencia en París e acadar medalla”

  • “Chegoume a prata nos meus sextos Xogos Olímpicos con 39 anos… Quen a segue, conséguea”
  • “No K4 o valor de cada unha de maneira individual é moi importante, tamén a necesidade de formar equipo e grupo e ir todas a unha”
  • “Na miña maleta nunca falta un libro, en momentos de tensión a mente precisa abstraerse”

 

A traxectoria deportiva de Teresa Portela está ligada aos Xogos Olímpicos. En Toquio 2020 fixo historia ao ser a primeira deportista española en ter participado en seis. Ao estar en París 2024 acadará outro novo fito disputando os seus sétimos Xogos. E non perdan de vista Os Ánxeles 2028, porque esta padexeira seguramente non renuncie a nada. Se chega a disputar o seus oitavos XX.OO. sería épico.

Ordenada e traballadora, Teresa Portela (Cangas do Morrazo, 1982) adoita dicir que vai pada a pada. Así, unha cousiña de vez, foi conseguindo metas pequenas para paso a paso chegar ás cotas máis altas. De Aldán a París.

Nos últimos XX.OO. quitou a espiña de catar metal. Sempre estaba aí, pero non remataba de conseguir subir ao podio. A prata que pendurou do seu pescozo en Toquio logo de competir no K1 200 m sacoulle o sorriso non só a ela, senón tamén a toda a xente que levaba anos seguindo a súa carreira deportiva, admirando a súa tenacidade e enorme traballo.

Teresa Portela, prata no K1 200 nos XX.OO. Toquio 2020 / EFE
Teresa Portela, prata no K1 200 nos XX.OO. Toquio 2020 / EFE

En París competirá no K4 500 m xunto a Sara Ouzande (Xixón, 1996), Estefanía Fernández (Mérida, 1996) e Carolina García Otero (Pontevedra, 1999). Son un cuarteto que aspira a todo e que chega moi afinado ao momento cumio do ciclo olímpico.

– Se non teño mal as contas, tes 42 anos e levas 24 na elite. Números espello. Darán sorte?

Imos pensar que é unha boa cifra e que dará sorte.

– En Toquio fixeches historia como a primeira deportista española en participar en seis Xogos Olímpicos. Chegas a París para disputar os sétimos. Como estás a vivir esta experiencia?

Con moita ilusión de que a miña carreira deportiva sexa tan lonxeva. E coa ilusión de poder chegar aos meus sétimos Xogos pretiño da casa arroupada por amigos e familia e chegar nas mellores condicións. Poder chegar á final e chegar ao máis alto.

Vivo con moita ilusión de que a miña carreira deportiva sexa tan lonxeva

– Como se fai para non perder a ilusión, as ganas de mellorar, de competir, logo de tantos anos ao máximo nivel e con éxitos?  Cal é o segredo?

A ilusión non a podemos perder. É verdade que levo toda a vida facendo isto, pero se unha persoa na súa profesión se deixa ir e se manexa no confort, chegará un momento no que nada lle sirva, nin nada a estimule. De aí a importancia de poñerse obxectivos. Eu póñoos cada ano buscando ata onde podo chegar, e se podo dar un paso máis. Nada é gratis, hai que estar disposto a traballar e sacrificarse. Hai que poñer moito traballo. A partir de aí está a ilusión de querer conseguir o que te propós. Calquera se pode aburrir do seu traballo se non busca estímulos.

Teresa Portela durante a recepción da Xunta de Galicia a deportistas galegos que estiveron en Toquio 2020 / SABELA MOSCOSO
Teresa Portela durante a recepción da Xunta de Galicia a deportistas galegos que estiveron en Toquio 2020 / SABELA MOSCOSO

– Xa temos a ansiada medalla no peto, custou pero Toquio fixo xustiza con esa prata no K1 200 logo de moitos anos de loita por acadar un metal olímpico. Cal é o obxectivo en París?

No K4 vimos de conseguir unha medalla no Campionato do Mundo. Queremos estar na final, poder intentar buscar a nosa mellor versión como no Mundial e oxalá poidamos desfrutar do que é lograr unha medalla e repetir a experiencia que vivín en Toquio.

– Que dirías que mudou máis nestes anos que levas na elite do piragüismo:  os barcos, a técnica, os apoios que tedes as persoas deportistas como, nutrición, fisioterapeutas, adestradores, os apoios económicos ou outra cousa?

Os barcos de cando empecei non teñen nada que ver cos de agora, son máis estreitos, as calidades son diferentes, as pas exactamente igual. O bo é que estou a ver como evolucionamos en todo desde as embarcacións, a forma de adestrar, o equipo, poder pensar en ter nutricionistas, fisioterapeutas, antes non o tiñamos. Hai unha evolución moi grande.

Agora hai moitos aparellos que non tiñamos antes, xa non só dependemos do reloxo, hai GPS… Pódese cuantificar todo e ter esa referencia dun ano para outro.

Os barcos de cando empecei non teñen nada que ver cos de agora, son máis estreitos, as calidades son diferentes, as pas… evolucionamos en todo tamén na forma de adestrar, no equipo, poder pensar en ter nutricionistas, fisioterapeutas, antes non o tiñamos. Hai unha evolución moi grande.

A padexeira galega Teresa Portela afronta os seus sétimos XX.OO. en París 2024 / DANIIL
A padexeira galega Teresa Portela afronta os seus sétimos XX.OO. en París 2024 / DANOVDRA

– Adoitas dicir que vas paso a paso, pada a pada… Pero soa complicado cando pola túa disciplina hai que pensar moito en ciclos olímpicos que son de 4 anos. Obviamente hai outras competicións importantes cada ano, pero o grande obxectivo son sempre os Xogos. Como se vai paso a paso cando o traxecto é tan longo?

Eu sempre vou pada a pada, é o meu lema. Se hoxe estou no traballo pensando en que me vir ben para o 2028 é posible que a cabeza me traizoe, e me diga que non pasa nada se hoxe non adestro. Hai que pórse obxectivos a curto prazo, aínda que na túa cabeza teñas un obxectivo a longo prazo. Por iso eu póñoos cada tempada. Se hai Campionato do Mundo, pois Campionato do Mundo, se hai Xogos, Xogos. A clave está en ter un obxectivo a curto prazo.

Hai que saber que o que adestro hoxe vaime servir para dentro duns meses. Porque se esperamos a adestrar cando nos acordamos de que son os Xogos Olímpicos xa chegamos tarde. Todo suma. Eu sei que todo o que levo adestrado ata o de agora lévame onde estou agora.

Eu sempre vou pada a pada, é o meu lema.

– Presumo que nese equipo que conformades as catro padexeiras do K4 500 cada quen ten un rol? Que dirías que achegades cada unha de vós no barco? Por exemplo, tranquilidade, visión táctica, experiencia, liderado, positivismo…

No K4 o valor de cada unha de maneira individual é moi importante, tamén a necesidade de formar equipo e grupo e ir todas a unha. En xeral, diría que temos en común que somos traballadoras. De Sara diría que ten moita experiencia en marcar barcos de equipo, é moi boa. Estefi é unha persoa moi traballadora e constante e de Carolina tamén diría que é moi traballadora e constante. Necesitámonos todas. Eu podo achegar a experiencia, pero creo que todas achegamos algunha cousa.

– Sénteste máis cómoda vogando soa ou nun barco con máis compañeiras?

Tiven a posibilidade de competir en K1 de xeito individual, en colectivo tamén outros anos, pero encántame o K1, sempre gocei moito da distancia de 200 m. Pero xa vivín esa experiencia, agora vivir esta experiencia no K4 é tamén preciosa. Estou desfrutando deste momento coas miñas compañeiras.

– Competiches en diferentes modalidades, regresas este ano ao K4 500, unha proba en equipo na que a compenetración en cada pada parece crucial. Traballades de xeito individual e xuntas. Como preparades a unión de equipo?

É un barco de equipo e fai falta compenetración e estar sincronizadas. Pero tamén traballamos de xeito individual e é moi importante que cada unha de nós intente estar o mellor posible en canto a forza e no kaiak. Canto máis fortes esteamos de xeito individual mellor será para o K4. Estamos en Pontevedra concentradas todas xuntas. Hai unha parte da tempada que traballamos moito de maneira individual, pero a partir de marzo, abril, maio e ata final de tempada traballamos moito o K4 na embarcación.

– A disciplina e a organización semellan cruciais no teu día a día. Como é un día na vida de Teresa Portela?

Son moi disciplinada e moi organizada. É máis, cando non hai disciplina, organización ou puntualidade exaspérame, a verdade. Pero é que sempre foi así. Cando era pequena ía á clase e sabía que se quería ir adestrar tiña que ir lixeira en horarios e tempos para que me dese tempo a todo. E cando entrei no Centro de Tecnificación, exactamente o mesmo. Tiñamos distribuído o día a día para adestrar, estudar, preparar tarefas escolares, exames…  Esa é a clave.

Para aprobar as miñas dúas carreiras universitarias sempre ía á vez cos meus adestramentos, coas clases, as prácticas… Agora coa conciliación, no meu traballo é clave a disciplina, programarse é fundamental. Eu no meu día a día funciono así.

Teresa Portela: “Río sóubome marabillosamente por todo o esforzo e todo o que había detrás”

– Un recordo ou unha sensación que tes de cada un deses seis xogos previos? Imos de Sidney 2000 a Toquio 2020…

Sidney para min foi incrible. Foron os meus primeiros xogos, eu aínda era júnior, tiña 18 anos e foi incrible porque só me quedaba gozar sen ningún tipo de presión. Á hora de competir quería facelo o mellor posible pero o realmente incrible foi poder clasificarme.

En Atenas iamos en barcos de equipo con aspiracións. Obtiveramos medalla en Mundiais e Europeos previos. Había outra responsabilidade nos Xogos, e vinme con dous diplomas olímpicos e buscando un resultado.

En Pequín igual. Competín no K4 e o K1 500, aínda que estaba centrada no K4. Como en Atenas iamos por unha medalla, quedamos cun diploma, cun 5.º posto. Ir a uns Xogos Olímpicos é moi difícil.

A padexeira Teresa Portela na Vila Olímpica de Pekín no ano 2008
A padexeira Teresa Portela na Vila Olímpica de Pekín no ano 2008

En Londres logrei o 4.º posto. Perdín estar no podio por unha mala saída. Entón sóubome a decepción, pero co tempo valoreino moito máis xa que era un grandísimo posto. Pero naquel momento non me sentou nada ben o resultado.

Río de Janeiro foi un punto moi importante na miña carreira. Acababa de enfrontarme ao embarazo, ao parto, ao postparto… a tentar loitar pola clasificación. Dezaseis meses despois de dar a luz conseguín estar no Campionato do Mundo, conseguín a praza olímpica para os Xogos de Río cunha medalla de bronce.

Presenteime en Río cando a miña filla tiña dous aniños, nesa fase de bebé, de non descansar ben, non durmir ben. Para min foi unha aposta moi grande. Quedei nun sexto posto en Río, pero sóubome marabillosamente por todo o esforzo e todo o que había detrás.

Toquio… co K1 200… chégame a medalla de prata nos meus sextos Xogos Olímpicos con 39 anos. Quen a segue, conséguea. Estaba sempre aí, podía ter a medalla, sempre preto, cuarta, quinta… Toquio foi incrible!

Teresa Portela, prata no K1 200 nos XX.OO. Toquio 2020 / EFE
Teresa Portela, prata no K1 200 nos XX.OO. Toquio 2020 / EFE

E en París estamos a traballar, oxalá poida volver a vivir a experiencia de Toquio.

– Agora mesmo ti es un referente deportivo en Galicia e en España, é posible que inspires a máis nenas e nenos a probar co piragüismo. Ser consciente diso é unha responsabilidade, un aliciente máis ou ambas as cousas?

Eu tento facer as cousas por min, pero son consciente de que hai nenos e nenas que poden verse reflectidos en min, podo servirlles de espello e iso é tamén unha responsabilidade. Estamos expostos a darlles aos nenos unha educación, son consciente, sobre todo tendo unha nena. Gustaríame que ela tivese referentes bos. Gustaríame ser unha boa referencia sendo eu mesma. Oxalá poida axudarlles. Eu fun unha nena que empezou con 9 anos en Aldán como calquera outro neno que empeza nun club.

– Que non falta na maleta de Teresa Portela cando vai a uns Xogos Olímpicos?

Na miña maleta e no meu bolso nunca falta un libro. Son momentos para min de moita intensidade, tensos, de nervios… nos que a cabeza e a mente precisan tamén abstraerse e que a atención estea noutro lado e non estar sempre facendo ese exame na cabeza.

– Que tipo de lectura che gusta?

Leo de todo tipo, novelas, autoaxuda… se é un bo libro dáme igual do que sexa.

– Naira, a túa filla, entende o referente que é a súa nai no deporte? Estará en París apoiándote?

Agora a miña filla é máis consciente do que son uns Xogos Olímpicos, viaxamos xuntos (tanto ela como o meu marido) a todas as competicións. Ela está a vivilo de cheo. Iso é o bonito, que poida percibir o traballo, os nervios, sabe que son momentos delicados e creo que é unha aprendizaxe o feito de que o viva de primeira man. Iso a min axúdame. Virá a París e viviremos a experiencia xuntos.

Compartir en