- Manterme máis de 20 anos na elite é moi difícil e o segredo non é ningún: traballar, ser perseverante e xa está.
- Falta moito para conseguir que unha muller poida levar a cabo o traballo e a conciliación.
- Como deportista dalgunha maneira a miña filla dáme máis forzas se cabe para facelo mellor, para que poida sentirse orgullosa da súa nai e demostrarlle que con traballo as cousas se conséguense.
Teresa Portela é traballo, tesón e constancia. Gañouno case todo. Unha medalla olímpica é do pouco que non ten no seu palmarés. Sen dúbida sería o colofón perfecto a unha traxectoria de 20 anos na elite (e os que veñan). É a primeira española en conseguir acudir a seis citas olímpicas. Varias veces acariñou o podio pero non chegou a subir os chanzos. Se non foi á primeira, nin á segunda, nin á terceira, nin á cuarta, nin á quinta, á sexta: vai! Aínda que a ela o de volver cun metal pendurado do pescozo non é o que máis lle preocupa. Para esta padexeira de Cangas o fundamental é “a satisfacción persoal de telo dado todo”.
Estás a facer historia como a primeira deportista en participar en seis Xogos Olímpicos. Como estás a vivir esta experiencia?
Son a primeira deportista muller española que participa en seis xogos olímpicos. A experiencia a estouna vivindo de maneira incrible. Pensar que son os meus sextos xogos olímpicos consecutivos significa que levo máis de 20 anos na elite. Para min son importantes todos os anos traballados. Levar máis de 20 anos, e seguir manténdome na elite mundial é incrible. No momento no que conseguín a praza para os XX.OO. e que podía estar nos sextos, xa desde ese momento estaba cumprindo un soño que xamais imaxinaría. Vía moi complicado soñar con algo así e finalmente mira, conseguino. Estou aquí en Toquio, desfrutando.
“Levar máis de 20 anos, e seguir manténdome na elite mundial é incrible”
A medalla olímpica é o único que falta para completar o teu amplo palmarés, cres que este será o ano?
Si, é a medalla que probablemente falte no meu palmarés, pero aínda que a todo deportista encantaríalle ter unha, de feito de españoles imos 320, outros tantos de cada país, pois imaxina cantos deportistas poden ansiar esas medallas. Ao final só hai tres. É algo que me encantaría, pero tampouco me obsesiona. Adestro cada día para dar o mellor de min, estar cada día mellor e superarme a min mesma; con quen loito cada día é comigo mesma.
Con todo o que traballei este ano, o ano pasado e todos os anos que levo traballando, todo suma e todo é necesario. O que quero é competir e ser capaz de dar todo o que teño e todo de min e quedar satisfeita. Iso ao final é a satisfacción persoal miña de quedar a gusto e contenta.
Moitas veces, aínda conseguindo medalla, en ocasións podes conseguir un terceiro posto e non estás contenta porque a regata non a fixeches ben, entón xan non é medalla ou non medalla, senón a satisfacción persoal de telo dado todo, e non se deu ningún inconveniente e todo saíu perfecto. Esa é a sensación que busco e necesito.
“Adestro cada día para dar o mellor de min, estar cada día mellor e superarme a min mesma; con quen loito cada día é comigo mesma”
Como recordas os teus primeiros XX.OO.? Cales recordas con máis cariño?
Os meus primeiros Xogos Olímpicos foron Sidney e recórdoos especiais. Era ao outro lado do mundo. No 2000 non pensaba que 21 anos despois ía volver dar a volta ao mundo para ir aos meus sextos Xogos, se non que sentía que conseguira uns Xogos, que era algo incrible. Tiña aínda 18 anos, era xuvenil, e sabendo que iso era unha oportunidade incrible para unha nena xamais pensei que podería repetir a fazaña. Desfruteinos moitísimo e coa tranquilidade de que para min o premio era ir. Obviamente unha vez estás aí queres competir e dar o mellor de ti, pero o gordo e o grande fixérao e vivino dunha maneira moi diferente a como o podo vivir agora.
Ao final todos son especiales. Ir a uns Xogos é moi moi difícil e tes que pasar por moitas competicións, moitas cribas para poder conseguir estar nun campionato do mundo e quedar entre as cinco primeiras que é o que daba a praza para estar nos Xogos Olímpicos. Recordo con cariño todos, non sabería dicirche. Espero que cando rematen estes Xogos direi “son estes cos que finalmente quedo”, non o sei.
Tendo como referencia a experiencia nos outros Xogos, como estás a ver estes tras unha pandemia?
Estes Xogos van quedar para a historia como uns Xogos especiais, diferentes, raros, estraños, porque non é o mesmo. Evidentemente xa son diferentes no momento no que non foron no ano que tiñan que ser e pospuxéronse un ano polo tema da pandemia, desde ese punto xa é diferente. E despois pola cantidade de restricións, papeleo para poder entrar, tests todos os días, PCRS… Hai moitas restricións, máscaras, vas comer e estás con pantallas para poder quitar a máscara… Son uns Xogos complicados.
O bo é que finalmente puxeron todas as medidas e todo o posible para que se levasen a cabo e se celebrasen e sei que por parte da organización está a ser incrible e sei que están pelexando pola saúde de todos os deportistas. Entendo que a seguridade está a levarse a cabo para que todo saia ben.
“Estes Xogos van quedar para a historia como uns Xogos especiais, diferentes, raros, estraños… Son uns Xogos complicados”
Competiches como olímpica no K1 200m, K4 500m… que modalidade prefires?
Competín no K1 200m, K1 500m, K2 500m e K4 500m nos Xogos e eu penso que se teño que elixir, encántame e desfruto moito do K1 200m, que é no que estou remando os últimos anos e no que vou competir agora en Toquio.
Como se mantén unha deportista máis de 20 anos na elite? Cal é o segredo?
Manterme máis de 20 anos na elite é moi difícil e o segredo non é ningún: traballar, ser perseverante e xa está. Nestes últimos 20 anos houbo de todo, houbo momentos moi moi bos, nos que o resultado acompañou e houbo outros momentos nos que non acompañaron e non foi motivo para tirar a toalla, senón todo o contrario; crer en min, sentir que o podía facer mellor e facer dalgunha maneira borrón e conta nova e empezar outra vez a demostrarme a min mesma que o podía facer mellor. É un continuo de anos de traballo, de superar obstáculos, de iso, cambiar de proba, estar de barcos de equipo a centrar os adestramentos no individual, de cambiar de distancia, pasando dos 500 a 200, e mellorar en todos os aspectos, adestrando e coidándome moito. Ao final non é só o adestramento, senón que unha deportista son 24 horas e todo é importante. Sinto que traballei moito e coideime un montón, ao final o segredo é ese, non hai outro.
A conciliación é fundamental en calquera actividade laboral, tamén no caso dunha deportista. Desde a túa experiencia, aportarías algo como elemento de mellora neste aspecto?
O bo da miña vida é que co deporte probablemente si que hai moitísimas cousas ás que renuncio, pero si que tiven ou fixen unha paréntese para ter á miña filla, que é o meu maior regalo e a miña maior medalla, e continuar coa miña carreira deportiva.
A conciliación penso que é moi difícil e para calquera muller que traballe e teña que estar cos seus fillos é moi difícil e ás veces non é nada doado. Como deportista igual. Ao final tes que descansar e o descanso, sobre todo os primeiros anos era moi deteriorado. Penso que ao final paga a pena e non o cambio por nada do mundo.
Sobre o tema de conciliar falta moito, sei que falta moito para conseguir que unha muller poida levar a cabo o traballo e a conciliación. Por exemplo nestes Xogos non permiten levar os fillos, entendo que será por cuestión da pandemia, pero non sei que pasaría se non houbese pandemia. Hai que ter moi en conta que unha nai precisa aos seus fillos igual que os seus fillos a precisan a ela e iso é a ter en conta. Iso tamén vai a favor do rendemento da deportista, sentir que non che falta nada nin ninguén e iso no rendemento deportivo nótase. Son cousas que hai que mellorar. Agora mesmo, nestes en concreto entendo que é pola pandemia, pero é algo a ter moi en conta.
“Sobre o tema de conciliar falta moito, sei que falta moito para conseguir que unha muller poida levar a cabo o traballo e a conciliación. Por exemplo nestes Xogos non permiten levar os fillos, entendo que será por cuestión da pandemia, pero non sei que pasaría se non houbese pandemia”
Ser nai aportouche nalgún sentido como deportista?
Ser nai para min foi a mellor experiencia da miña vida, é marabilloso ter a Naira. Como deportista dalgunha maneira dáme máis forzas se cabe para facelo mellor, para que a miña filla poida sentirse orgullosa da súa nai e demostrarlle que con traballo as cousas se conseguen. O que quero mostrarlle é todos os valores que o deporte dá e que ela os poida vivir de preto en casa.
“Á miña filla Naira o que quero mostrarlle é todos os valores que o deporte dá e que ela os poida vivir de preto en casa”
Como aplicas os valores do deporte como o esforzo, o traballo, a perseveranza, ou o afán de superación no teu día a día lonxe da auga?
Eses valores que dá o deporte ao final é algo que levo na mochila para todas as facetas da miña vida. Non só é o deporte, senón todo o que me aporta o aplico despois no meu día a día, a organización, o traballo, o tesón, a dedicación, a disciplina, ao final son cousas que quedan en ti, o aprendes do deporte e o que pretendo é aplicalo no meu día a día e tamén mostrarllo á miña filla, que para min é fundamental. Viaxa sempre con nós ás competicións, está nun ambiente con deportistas e o que quero é que aprenda ou que vexa de primeira man todo o bo que ten o deporte.