- “Oxalá que esas nenas que hoxe levan as nosas camisetas poidan vernos como referentes para gozar do que lles gusta e confiar en si mesmas”.
- “Estamos no camiño correcto a prol da igualdade e confiamos en que todo vaia a mellor.
Sabe que é moi nova e que lle queda aínda moito camiño vital e futbolístico por percorrer, pero Teresa Abelleira ten xa varios fitos na súa carreira deportiva. Seguramente o máis relevante ata o momento está representado por esa estrela que a Selección Española feminina de fútbol loce sobre o seu escudo e que lembra que atesouran un Campionato do Mundo.
Logo de levantar esa copa, a futbolista de Pontevedra asexa as medallas como quen non quere mirar, pero mira. Regresar de Francia co ouro pendurado do pescozo é un obxectivo e un reto para todas as deportistas que integran a Vermella que adestra Montse Tomé.
Entrevistamos a Teresa Abelleira logo do primeiro partido destes Xogos Olímpicos de París 2024. Coa primeira vitoria no peto e ademais conseguida contra Xapón, co que se quitan unha espiña que tiñan cruzada na gorxa desde o Mundial.
– Despois dos recentes éxitos da Selección Española no Mundial e na Liga de Nacións, cal é o obxectivo que vos marcades para estes Xogos Olímpicos?
Temos moi boas sensacións e, ao ser as vixentes campioas do mundo, marcámonos chegar ao máximo, pero sen esquecer que é a miña primeira participación nuns Xogos Olímpicos.
– Con 24 anos, moitas persoas considérante unha referencia clara no mediocentro español, como afrontas os teus primeiros Xogos?
Si, a verdade é que para min está sendo unha experiencia incrible, levo uns veráns en competicións moi grandes e uns Xogos Olímpicos é unha experiencia moi especial para calquera deportista, respírase un ambiente diferente e teño moitas ganas de xogar un bo papel e de que o equipo poida sumar medallas para España.
– De feito, o único tropezo no pasado mundial foi ante Xapón e agora comezades os Xogos gañándolles. Sabiamos que, como dicía Montse Tomé, era moi importante comezar así a competición, cal foi a chave da vitoria?
A verdade é que Xapón no Mundial púxonos as cousas difíciles, e con iso en mente estivemos preparando este partido e pulindo moitos detalles para que non nos volvese a pasar o mesmo e ser capaces de controlalas ao máximo.
– A pesar de gozar xa dun gran palmarés, que soños che quedan por cumprir no fútbol?
Aínda son moi nova. Sinto que me quedan moitas cousas por acadar, tanto no Real Madrid como a nivel persoal, pero a verdade é que de momento só penso en gañar estes xogos.
Teresa Abelleira: “Son un pouco supersticiosa”
– Algún ritual ou algunha teima antes de cada partido, ou de cada competición?
Son un pouco supersticiosa e a verdade é que teño moitos (ri), pero así un dos máis habituais é que sempre me gusta poñer primeiro o calcetín dereito, calcetín esquerdo, e bota dereita, bota esquerda.
– Despois de tantas e tan multitudinarias homenaxes pola vitoria mundialista, que recordas con máis cariño?
É moi difícil quedarse cun único momento, pero de seguro diría o asubío final, cando chega ese momento non o podes crer. Penso que realmente fun consciente de todo cando nos deron as camisetas coa estrela enriba do escudo, ao ver a miña familia reparei en todo o que estabamos conseguindo e pensar en poder vivilo con eles foi moi especial.
– Sempre que acadas un éxito deportivo vemos a Tere lucir a bandeira galega. Que significa para ti Galicia e a túa terra?
Moitas cousas, sempre me fai lembrar do que máis valoro, dos meus primeiros pasos no fútbol, das miñas amigas, da miña familia, e tamén de todas as persoas que me apoian e se afanan tanto comigo.
– Cres que ese Campionato Mundial e todos os éxitos que estades conseguindo están contribuíndo a dar máis visibilidade en pro da igualdade, ou queda camiño por percorrer?
Déronse pasos, pero non podemos esquecer que aínda queda moito camiño. Se comparas cando se gañou a Eurocopa en Inglaterra, con cando gañamos o Mundial, dáste conta que aínda se poden facer mellor as cousas a nivel organización e visibilidade, pero sabemos que estamos no camiño correcto e confiamos en que todo vaia a mellor.
– Cada vez é máis frecuente ver a nenas e nenos lucir a túa camiseta ou a doutras compañeiras de equipo, como te sentes sendo unha referente para as novas xeracións?
É moi bonito ser parte deste cambio sabendo que todas aquelas xogadoras que estiveron antes ca min tiveron as cousas moito máis difíciles, faime lembrar que son unha privilexiada, e oxalá que todas esas nenas que hoxe levan as nosas camisetas poidan vernos como referentes para gozar do que lles gusta e confiar en si mesmas.