- Tariku Novales: “Participar unicamente non me vale, quero sentirme orgulloso e poder demostrar o adestrado”.
- “Creo que no Maratón de Valencia podo chegar ás 2 horas e 4 minutos ou mesmo pelexar por rebaixar ese tempo”.
O esforzo e a perseveranza foron dous dos ingredientes que catapultarán a Tariku Novales (Jijiga, Etiopía, 1998) a participar no escenario deportivo máis importante a nivel mundial: os Xogos Olímpicos de París 2024. Porén, non foron os únicos. A pesar de levar anos sendo unha auténtica promesa no mundo do atletismo, o arraigo ás súas orixes e a súa débeda con ese neno que se atreveu a soñar seguen estando presentes no seu día a día. Tras bater o récord de España no Maratón de Valencia completándoo en 2 horas, 5 minutos e 48 segundos, Tariku Novales aspira a dar o seu 100 % en París para continuar facendo historia.
Sopráronnos que pasaches estes días en Etiopía, onde naciches. Estiveches adestrando como en viaxes anteriores?
Xusto agora mesmo estou no aeroporto para volver. Tiven que facer unha interrupción, facer uns tests e ditaminar como ían os adestramentos para concluír definitivamente a clasificación para estes Xogos. Tiven algúns problemas a nivel físico pero funos solucionando pouco a pouco.
Vimos que dis que te debes ás túas orixes e a “ese neno que se atreveu a soñar”. Cres que ese cativo chegou a imaxinar chegar a uns Xogos Olímpicos?
Son unha persoa moi arraigada tanto ás miñas orixes como á miña infancia e educación. Débome moito a ese neno que se educou en Noia e que iniciou as súas andaduras neste deporte da man do Club de Atletismo de Noia, no cal fun tratado dun xeito marabilloso e no que me coidaron dun xeito espectacular. Nunca se pretendeu explotar o meu talento, senón que se me permitiu xogar e crecer, ilusionarme e, sobre todo, estar feliz facendo un deporte marabilloso. Sempre que as cousas van ben e consigo algún logro trato de reflectilo nesas orixes, neses puntos de partida onde comezamos a construír o atleta que son agora mesmo.
Desde pequeno xa soñaba. Ao final, todo o mundo o fai e cando es cativo é cando máis soñas. Soñaba con chegar a ser olímpico, con poder estar no maior escenario mundial do deporte e, agora que cada vez está máis preto de cumprirse, ese soño infantil vólvese máis brillante e real.
En que momento te deches conta (ou se deron conta) de que tiñas un talento especial para este deporte?
Ao final eu comecei a xogar. Empecei moi cativo, con 7 ou 8 anos, como se fose unha actividade extraescolar. Desde o primeiro mes, practicamente, xa ía destacando, ía acadando logros e gañando competicións e campionatos comarcais e mesmo autonómicos. No meu primeiro ano cheguei a bater o récord galego de 1.000 metros. Eu ía a pasalo ben, a estar cos amigos e a desfrutar das competicións, de novas experiencias e de xuntarme con xente que lle gustaba o mesmo ca min.
Eses primeiros anos foron moi ledos e, sen darme conta, estaba comezando a construír un atleta de nivel como o que son agora. É certo que, ao final, canto máis vas crecendo e vas desbloqueando novos obxectivos vánseche aparecendo novas oportunidades. Vas vendo que vas logrando todo iso que te vas propoñendo e aí xa te dás conta. Seguín medrando con esas oportunidades que me ían xurdindo e, sobre todo, sendo feliz practicando este deporte.
A presión non existe como tal. Ao levar tantos anos sendo “a promesa” e nos que a xente esperaba sempre algo de min aprendín a xestionalo moito mellor e a velo sen tantos nervios e sen tanta ansiedade precompetitiva. As presións que me podo autoimpoñer eu mesmo van de cara a intentar ser intelixente, a ter semanas continuas de bos adestramentos e a loitar co que pode aparecer no camiño, porque nunca é fácil. Sempre hai dificultades.
Ademais dos adestramentos aos que te sometes, imaxinamos que tamén hai unha enorme presión a nivel mental…
A presión non existe como tal. Ao levar tantos anos sendo “a promesa” e nos que a xente esperaba sempre algo de min aprendín a xestionalo moito mellor e a velo sen tantos nervios e sen tanta ansiedade precompetitiva.
As presións que me podo autoimpoñer eu mesmo van de cara a intentar ser intelixente, a ter semanas continuas de bos adestramentos e a loitar co que pode aparecer no camiño, porque nunca é fácil. Sempre hai dificultades.
Despois, intento sempre racionalizar moi ben o mellor que podo tanto as competicións como os resultados e aínda que levo moitos anos, no maratón son moi novo e aínda me queda unha longa melloría e moito que aprender. Ese sentimento de neno, esa ledicia, esas ganas de mellorar, de aprender e de adestrar seguen intactas porque o cambio que fixen no maratón (ano 2022) fíxome cambiar totalmente de deporte. É outro mundo. Son novo e aínda me queda un longo percorrido.
Chegar aos Xogos Olímpicos é todo un logro, pero que sería para ti unha boa actuación? Que obxectivo te marcas?
Agora mesmo non estou pensando neses Xogos Olímpicos. O meu único obxectivo é o día de mañá. Agora que estou ben recuperado, o obxectivo é adestrar con garantías, poder facer unha cantidade determinada de quilómetros. A idea é cumprir os pequenos obxectivos que me vou poñendo no día a día e en cada semana. É o único no que penso. Parece unha frase ideal para soltar pero é así. Ata que non chegue o momento en que me atope moi ben de forma, non é que non mo permita pensar nos Xogos, é que non me nace. O meu primeiro obxectivo é poñerme na mellor forma posible e, unha vez que o logre, si que pensarei en obxectivos e en escenarios.
Participar unicamente non me vale, quero sentirme orgulloso da miña carreira, sentirme orgulloso do meu desempeño e poder demostrar o adestrado o día de e na hora hache. Ao final, o camiño non está sendo tan ideal como esperaba por eses problemas físicos que tiven, pero creo que terei suficiente tempo para poder prepararme.
Tiveches ocasión de coñecer o circuíto de París?
Cando tivemos a noticia do circuíto e das características fomos velo xusto antes de empezar a facer o adestramento. Estiven en París, e vin que non é un circuíto de voltas e, a verdade, atopámonos cun circuíto precioso. A nivel televisivo vai ser moi bonito porque pasamos por zonas incribles e tamén por unha zona de natureza moi boa, pero para nós non vai ser tan bonita.
Non imos ter a oportunidade case nin de levantar a cabeza porque hai moitísimas costas, moi pronunciadas e baixadas tamén moi pronunciadas, o que vai afectar en gran medida aos plans de carreira, aos diferentes escenarios e ás estratexias que debamos ter cada un. Teremos que ter moita paciencia e loitar con esas cousas pouco a pouco porque, ao final, quen se pase nun momento determinado vaino terminar pagando. É un circuíto moi duro.
Por culpa desas lesións non puiden adestrar como me tería gustado, pero xa estou coa confianza suficiente como para meter dúas ou tres marchas máis. Sei que nas próximas semanas vou ter que meter unha cantidade de adestramentos importantes, pero teño a confianza de que me atoparei bastante ben e vexo as próximas semanas con moita positividade. Estou no punto de poder traballar moi ben.
A nivel televisivo o circuíto vai ser moi bonito porque pasamos por zonas incribles e tamén por unha zona de natureza moi boa, pero para nós non vai ser tan bonita.
Que significa para Tariku Novales meter unha segunda ou terceira marcha?
Hoxe dei iniciado esa segunda e terceira marcha. Completei 40 km de adestramento. Empecei facendo 30 km de carreira continua e 10 km con cambios de ritmo, 2 km a 3 minutos, 2 km a 3,30 minutos, 1 km a 3 minutos e, así, ata completar os 10 km. Rematei con moi boas sensacións e con bastantes garantías de que nos vindeiros días me vou levantar con capacidade de adestrar.
Por culpa desas lesións non puiden adestrar como me tería gustado, pero xa estou coa confianza suficiente como para meter dúas ou tres marchas máis. Sei que nas próximas semanas vou ter que meter unha cantidade de adestramentos importantes, pero teño a confianza de que me atoparei bastante ben e vexo as próximas semanas con moita positividade. Estou no punto de poder traballar moi ben.
Que obxectivos te marcas unha vez conclúan os Xogos?
Cando conclúan os Xogos Olímpicos espero volver participar na Maratón de Valencia no mes de decembro. Terei que ver como remato os Xogos tras a dureza da proba e, despois, necesitarei bastante recuperación. Para min sería un honor e un orgullo volver estar na liña de saída do Maratón e volver rebaixar o meu récord. Creo que podo chegar ás 2 horas e 4 minutos ou mesmo pelexar por rebaixar ese tempo.