- “Se me preguntas quen é mellor regatista, a que conseguiu o ouro en Londres ou a que acadou un diploma en Tokyo, eu podo dicir que a mellor é a que en Tokyo 2020 se esforzou e case consegue unha medalla olímpica”.
- “Disputei tres Xogos Olímpicos e a todos cheguei con opcións para loitar por un metal”.
- “Paula e mais eu fixemos unha competición moi complicada. Empezamos cunha descualificaión, eso quere dicir que desde o primeiro día quedamos sen descarte”.
- “Sigo coa ansia de seguir sendo deportista e regatista. Agora teño que saber onde. Iso non o teño claro”.
Támara Echegoyen e Paula Barceló acudían aos Xogos Olímpicos con moitas papeletas para subir ao máis alto do podio. Unha descualificación na primeira xornada lastrou a súa competición impedíndolles eliminar calquera outro dos seus resultados. Sen opcións ao erro, estas dúas regatistas sacaron a garra, a clase e a paixón polo que fan. Demostraron que as grandes deportistas vense, xustamente, nos momentos máis complicados. E este dúo de deportistas de 49erFX son moi grandes. Quedaron co mel nos beizos, a un punto do podio. Pero como dicía precisamente Támara, fixeron “un campionato de ouro”. “Saímos a loitar por unha medalla, fixémolo o mellor que puidemos, incluso con esa descualificación. Fomos construtivas todos os días. Non hai nada do que arrepentirnos”, explica nesta entrevista na que tamén confesa: “Se me preguntas quen é mellor regatista, a que conseguiu o ouro en Londres ou a que acadou un diploma en Tokyo, eu podo dicir que a mellor é a que en Tokyo 2020 se esforzou e case consegue unha medalla olímpica”.
Levas subida a unha embarcación desde que eras moi nova. Supoño que para ti o mar e navegar á unha parte esencial da túa vida.
Tiven a sorte de que meus pais decidisen que medrase rodeada de deporte. Practiquei moitos pero houbo un, no que empecei con cinco anos e nunca deixei, que foi a vela. Cando estou navegando é un dos ambientes que máis desfruto, consigo desconectar de todo e focalizarme no que toca nese momento, ás veces é adestrar, ás veces é desfrutar, ás veces é competir, pero sempre busco o mar para superar calquera adversidade e para os mellores momentos. Podo dicir que vivo da miña paixón.
Navegache en crucero, en Elliot, en 49erFX… con que barco te quedas?
Naveguei en moitísimos barcos antes de chegar á carreira olímpica. Tiven amigos e adestradores que me permitiron dar o salto a eses barcos grandes sendo moi nova e deume moita experiencia e axudoume cando decidín dar a volta ao mundo nun barco tan grande como o Mapfre. Pero naveguei en moitos barcos. Fixen tres campañas olímpicas en dous tipos de barcos. Pero antes de Londres xa tiña navegado en 470 coma tripulante que me axudou moito a comprender diferentes funcións nun barco. O que si teño claro é que me gusta navegar con xente. Así que os barcos individuais abandoneinos todos. O divertido é compartir obxectivos con outras persoas.
Pero non podería quedar con barco ningún xa que en todos vivín historias fascinantes e aprendín moitísimo con xente distinta. Esa é a sorte da miña carreira deportiva, poder dicir que naveguei en moitísimos barcos con diferentes tripulantes, adestradores, e creo que iso é o legado que vou deixando, esa variedade. A paixón por aprender cada día de todo o mundo.
Nos deportes náuticos, en concreto na vela, hai enormes diferenzas como deportista entre embarcacións e incluso dentro dun mesmo barco entre diferentes funcións, de feito unha persoa pode ser boísima nun posto e ser nefasta noutro sen mudar de embarcación. Custa entender iso a quen non segue a vela regularmente, verdade?
Si. A vela é un deporte que é complicado de entender. Recordo cando gañamos o ouro no Match Race que era un barco pesado, e paseime ao 49er e os periodistas preguntábanme cal era a diferenza, xa que ao fin e o cabo era vela. E non entendían como non gañaba se viña de ser ouro (ri). A diferenza está aí. É como cando conduces un coche, non é o mesmo conducir un seiscentos ou conducir un Fórmula 1. É o mesmo deporte, pero a diferenza a nivel táctico, ou estratéxico dunha embarcación a outra é moi diferente. Non é empezar de cero, porque coñece os ventos, pero a realidade é que o salto dunha embarcación a outra é moi complicado. Tes que desenvolver novas habilidades, ao cambiar de tripulantes tes que crear novas, e xa cambiar de posto dentro dun bar pois implica ter que aprender distintas habilidades que se requiren, unha pode ser a condución, outra o cambio das velas… tes unha bagaxe de navegación que axuda, pero é un reinicio. E como se unha nadadora de sincronizada decide facer os 200m libres.
Levas xa tres Xogos Olímpicos disputados. O primeiro o mais exitoso. É complicado superar un ouro por moi ben que o tiveses feito en Río 2016 ou agora en Tokyo 2020?
A realidade é que as circunstancias son diferentes. Nos Xogos Olímpicos todos chegan con opcións e un nivel elevado. Pode pasar que non consigas nada, que consigas unha medalla, un diploma, ou ata un ouro. Eu sempre cheguei aos Xogos con opcións para loitar por un metal. Algo que é moi complicado, máis aínda se decides cambiar de clase, cambias de compañeira e dás unha volta ao mundo polo medio. E cheguei con opcións aos tres Xogos. A sorte tamén é un factor, pero para que entre na ecuación tes que chegar con opcións e polo tanto hai que traballar moito.
Se me preguntas quen era mellor regatista, se a que conseguiu o ouro en Londres ou a que acadou un diploma en Tokyo, eu podo dicir que a mellor é a que en Tokyo 2020 se esforzou e case consegue unha medalla olímpica.
O ouro deume voz. O ouro deume patrocinadores que me permitiron chegar aos Xogos Olímpicos. O ouro chegou cando tiña que chegar. Hai que ser realistas, perdes máis que gañas, para conseguir algo unha vez. Eu estou orgullosa de chegar aos xogos e emocionar a xente. De que se erguesen de madrugada para ver se conseguía de novo unha medalla. Levo 12 anos ao maior nivel. Teño que ser consciente de que se son quen de ilusionar a unha persoa vendo uns Xogos Olímpicos xa é o mellor dos premios.
Un diploma olímpico pode saber a pouco agora, obviamente aspirabades a todo. Ti e Paula Barceló chegabades a Toquio como campioas do Mundo. Cres que coa perspectiva do tempo poderás gozar dese éxito?
O tempo pon as cousas no lugar e axuda a relativizar. Eu son moi natural nas emocións. Coido que cando loitas por un obxectivo e se che escapa, tes dereito a verte frustrada e a ter algo de pena. Creo que a paixón que teño é o que me permite saír continuamente da miña zona de confort. Moitas veces temos medos, ao fracaso, a non conseguir o éxito… Hai que dar tempo. Non hai présa. O resultado está aí. O equipo fixo un gran papel nos Xogos Olímpicos e creo que co tempo darémoslle o valor que ten. Pouco a pouco. Pasou xa en Río. E seguín loitando por proxectos inalcanzables e imposibles que tanto me atraen. Loito por todo. Agora sáeme estar menos contenta. Pero un diploma olímpico é un resultado moi bo. E os deportistas tamén temos dereito a estar máis afectados por un resultado. Pero o tempo pon todo no lugar. Ese diploma non está ao alcance de todo o mundo.
As palabras de Teresa Portela o outro día na recepción co presidente da Xunta, a súa complicidade contigo e con Javi Gómez Noya, nos que se vía reflectida, emocionáronnos a moitos. Tamén a ti?
Si. Teresa comprende perfectamente a situación. Ela ten un historial impresionante. Ten un legado que espero que sigan moitas mozas. Ela nunca necesitou unha medalla olímpica para valorar o que realmente é. Esta medalla vaille dar voz. Sobre todo para dicirlle á xente que o deporte é máis que resultados. Fixo unha gran alocución. Ela estivo ao noso lado cando nós tivemos a medalla e agora somos nós as que estamos ao seu carón. Emocionoume que fose ela a que soubese mirar máis aló dunha medalla olímpica. Foi moi emocionante. O deporte xunta a persoas que non se coñecen máis que a través do deporte e os lazos son incribles. Estou moi contenta. Competiamos o mesmo día cando souben da súa medalla a ledicia que tiven foi incrible. É ben merecida. Teresa ten agora unha voz moi potente para explicar o que é o deporte.
Mudarías algo da competición en Tokyo 2020 ou xa non miras cara a atrás?
Ás veces a humanidade, os deportistas, só nos fixamos nos erros. Cando vas facer un exame e sacas un nove estaslle dando voltas a esa pregunta, pero a realidade é que é un nove!
Paula e mais eu fixemos un Xogos Olímpicos moi complicados. Empezamos cunha descualificación, iso quere dicir que desde o primeiro día quedamos sen descarte. E aínda así chegamos ao último día con opcións de ouro. Paula e mais eu soubemos aguantar a presión, navegar con condicións que non eran as mellores para nós e seguir pelexando polo podio olímpico. Ningunha das nosas compañeiras tiveron ese hándicap desde o día un. As veces quedámonos con ese ao que se quedou, pero houbo moito para quedar a ese punto. Estou moi orgullosa de como navegamos. A realidade é que é complicado saber que non podías cometer ningún erro. Recordo Tokyo 2020 como unha competición na que navegamos moi ben, moi seguras, na que había confianza entre as dúas, non hai ningún malestar polo papel que fixemos. Saímos a loitar por unha medalla, fixémolo o mellor que puidemos, incluso con esa descualificación. Fomos construtivas todos os días. Fixemos un campionato de ouro. Non hai nada do arrepentirnos.
Que é o máis positivo que levas destes Xogos?
Tiven tres campañas olímpicas e tres xogos totalmente distintos. Para min, o respecto e a complicidade de todo o equipo ao rematar, que malia o resultado a xente quería seguir os nosos pasos, foi unha sensación tan reconfortante que foi unha das mellores sensacións que saquei dos Xogos Olímpicos. O respecto é algo que tes que traballar, non vén nos xenes.
Como sabemos que es das persoas que non se están quietas moito tempo, cal é o seguinte reto que tes en mente?
Aos dous días de chegar xa fun navegar á ría de Arousa (ri). Non teño moi claro que proxecto coller, que dirección seguir. Creo que merezo un tempo en stand by, e pensar cal é o seguinte paso. O único que teño claro é que sigo coa ansia de seguir sendo deportista e regatista. Agora teño que saber onde. Non o teño claro. Hai que ver que portas se abren ou cales quero abrir. Incluso nas vacacións escapo pronto á auga. Teño claro que non chegou o momento da retirada. Seguirei dando sorpresas.
Verémoste en París 2024?
Teño moitas opcións na cabeza. No só na vela olímpica, pero non descarto París. Quero seguir sendo profesional na vela. Os Xogos Olímpicos son un gran de escaparate.