- “Son os primeiros Xogos que fago na mesma clase coa mesa compañeira”.
- “Que se fale de nós como posibles medallistas é un ‘input’ positivo, hai que coller a presión e cambiala de sentido”.
- “Sempre estamos co plan A, e eu son moi fan do plan B e se hai C, mellor”.
Entrevistamos a Támara Echegoyen estando en Marsella, onde está a adestrar para afacerse ás augas e ventos do Mediterráneo de cara á súa competición de 49erFX prevista para finais de xullo.
Echegoyen fala coa madurez e a experiencia que dá pasar por tres Xogos Olímpicos, pero tamén coa responsabilidade que iso implica.
Isto non quita que o faga con ledicia, rindo a cada pregunta e mostrándose próxima.
Nos seus cuartos Xogos Olímpicos será a abandeirada do equipo Español xunto con Marcus Cooper. Colle así a remuda de David Cal, o anterior galego que portou a bandeira española nunha cita olímpica.
– Estes serán os teus cuartos Xogos Olímpicos, como os encaras?
Parece mentira porque estamos falando dos cuartos Xogos Olímpicos e para min a emoción, as ganas e a inquietude por afrontar estes Xogos Olímpicos son moi parecidas aos demais.
É verdade que cada Xogo Olímpico é diferente, non podo mentirvos e cada un dos Xogos Olímpicos son como os primeiros. Cada historia que me levou a cada un é diferente, cambiei de clase e tamén de compañeiro e, polo tanto, estes son os primeiros Xogos que fago na mesma clase coa mesa compañeira e creo que teñen ese pouso especial e tamén diferente.
Vívoos con moita emoción e con moitas ganas de poder realizar un bo papel na auga, de sentirme segura das decisións e de vivir experiencias. Ás veces esquecemos que estás nun escaparate internacional do deporte, que é moi difícil de igualar.
Para min estar no deporte internacional é esa sensación de que os nomes desaparecen, só son deportistas que representan nacións e que non todos poden estar nesa competición. Basicamente é dar luz a un deporte que durante os demais anos está un pouco castigado.
– Porque a vela é un deporte que non está visibilizado.
Si, a realidade é que non está visibilizado e que moitas veces chegamos aos Xogos e de repente a presión mediática medra por días e para nós é moi, moi, digamos que diferente. E non podemos adestrala porque, como ben sabedes, a vela é un deporte que ten moitísimo éxito a nivel internacional, podios e medallas todos os anos que case non ten ningún tipo de repercusión e, de repente, chegas aos Xogos Olímpicos e aparece a media interesada polo noso performance e nós non poidemos adestrar antes toda esa presión mediática porque non a temos.
Pero a realidade é que non nos asustamos. Nós vimos aos Xogos Olímpicos preparadas para loitar por unha medalla e todo o que rodea os Xogos é parte do que aceptamos por estar aquí, así que tampouco estamos focalizadas na queixa.
– Dicías que repites compañeira, repites modalidade, iso dáche maior seguridade de cara a conseguir unha medalla? Estás máis segura que nos anteriores Xogos?
Non, a seguridade sempre vai en función do rendemento deportivo e do que somos capaces de demostrar na auga e nas competicións de anos anteriores.
Teño que dicir que son moi afortunada porque todo o traballo que fixen nas diferentes campañas olímpicas levou a todos os meus equipos a chegar con opcións reais de medallas olímpicas, pero ben sabemos que para conseguir una medalla olímpica en calquera deporte hai que chegar o día da competición e facer o papel que temos que facer. No caso da nosa, non só depende de nós, depende do vento e das demais rivais. Nos Xogos de París, na nosa modalidade sei que van chegar moito máis competitivos que noutras e hai claros países con opcións de medalla, así que haberá que esperar.
O que si podo asegurar hoxe é que estamos preparados para chegar con nivel de loita pola medalla que é a nosa responsabilidade.
– Porque nese sentido, ao ser nos primeiros Xogos nos que conseguiches o ouro, ese ouro pesa? Ou simplemente é unha etapa máis. Como o vives?
A ver, a realidade é que é verdade que cando consegues un ouro olímpico a visibilidade e sobre todo as expectativas que se poñen en todos os teus equipos nos que estás involucrada son altas. Ao principio era unha presión engadida, ata que entendín que non é presión engadida, senón que simplemente a xente que está ao teu redor cre que tes posibilidades de conseguilo. O que temos que ser os deportistas e os atletas é moi realistas coas expectativas e que vaian en función da realidade deportiva.
Por exemplo, eu sempre dixen que a xente fale de nós como posibles medallas é porque, un, hai resultados que avalan os comentarios e dous, teñen esperanzas en que o noso rendemento está acorde para conseguilo. Polo tanto, son todos inputs positivos. Hai que coller a presión e cambiala de sentido.
Támara Echegoyen: “Paula e máis eu temos unha relación incrible”
-E falando de como levar esa presión entendo que é crucial a relación coa túa compañeira, Paula. Polo que puiden ver entre vós hai moita sintonía.
A verdade é que con todos, xa sexa con Paula, con Berta Betanzos, e tamén co equipo de Londres. Para min hai moitas formas de chegar ao éxito, non vou ser eu a que diga cal é o camiño. Pero si que é verdade que en todas hai un nexo común, en todos os equipos, e foi respecto e confianza. Para min é o punto forte de todos os equipos porque todo o mundo di que o que diferencia a un gran deportista é ver como se levanta, pero para levantarse dun mal resultado, dunha lesión, dunha adversidade o que tes que ter é moita confianza e moito respecto polas persoas que están traballando ao teu lado.
Paula e mais eu temos unha relación incrible a nivel profesional e encima temos a sorte de tela tamén como amizade, igual que tiven cos demais compañeiros, pero é verdade que entre nós, aínda habendo unha gran diferenza de idade, porque son unha gran experimentada, deixémolo aí (ri) e ela é a plena xuventude. A realidade é que os nosos caracteres están moi ben complementados e que realmente temos unha boa relación e que nestes últimos anos supuxo un impulso final e que estes cuartos Xogos Olímpicos creceron de valor pola relación que temos Paula mais eu. Sobre todo polo respecto que hai e polo impulso que hai polas dúas partes e que o equipo segue aproveitando. Somos ambiciosas.
– Xa en modo máis práctico, como cambia a vosa rutina de adestramento neste mes de xullo de cara aos Xogos? Para que a xente entenda o que supón ser unha deportista de elite.
A realidade e que as rutinas nunca cambian, son sempre as mesmas. Cando estás preparando unha competición o único que podes ter que facer é limar diferentes detalles porque nós adestramos nunha contorna que é cambiante, entón iso require que os adestramentos, antes de ir a citas realmente importantes, pois se despracen ao lugar. Polo tanto, tes horas nesas augas para poder coñecer os ventos… Que pasa? Que cando te desprazas do teu lugar de adestramento a outras cidades hai tamén unha adaptación aos medios que tes no momento. Son esas pequenas adaptacións que podemos facer.
Pode ser máis cómodo ou menos en función de onde vivas, onde estea o ximnasio ou o porto, pero a realidade é que as estruturas rutinarias son sempre o mesmo, chámese Xogos Olímpicos, Campionato do Mundo, Campionato de Europa ou calquera. Sempre temos unhas rutinas e esas mesmas rutinas de adestramento, de preparación das competicións, son as que nos dan a posibilidade de focalizar cando chegue o momento a nivel competitivo o que hai que facer, onde hai que poñer os focos e esas pequenas cousas que necesitas para afrontar a competición.
Pero basicamente as rutinas de competición son sempre as mesmas e adaptámolas en función de onde teñas a localización do adestramento. Para nós é moi complicado porque estamos continuamente movéndonos en función das condicións.
– Cando marchades entón para adaptarvos?
Nós levamos cada ano, máis ou menos un mes, mes e medio desprazándonos a Marsella a competir. Agora Paula e mais eu levamos desde finais de maio, neste momento estamos adestrando en Marsella.
– Ti comezaches moi de pequena, lin nalgunha entrevista que incluso con 5 anos xa estabas subida a unha embarcación. Que consello lle darías a unha nena que empeza ou incluso aos seus pais de como encarar ese momento?
Para min no deporte todo ten que ter as súas etapas e para min as etapas de infantil e xuvenil son etapas de desfrute. A realidade obxectiva desas etapas é que o pequeno ou pequena decida que lle gusta máis, seguramente vai cambiar dúas ou tres veces, non pasa nada, pero que poida estar rodeado deses valores tan característicos do deporte, que creo que son esenciais para a sociedade: o traballo en equipo, exercicio, resiliencia… Todas esas pequenas cousas que o deporte dá cada día simplemente por practicalo. Para min o máis importante é que teña moitos amigos, que desfrute facendo deporte e que vaia aprendendo deses pequenos valores que máis adiante, cando el decida que realmente a súa dedicación é o deporte profesional, xa estarán establecidos.
Os pais o que teñen que facer, como fixeron os meus, é apoialos, seguramente moitos quilómetros e esperas, que leven bos libros (ri), pero sobre todo apoialos e marcar eses valores que tamén están na casa. Pero sobre todo para min a palabra é apoiar, apoiar que os soños dos nenos comecen cando teñen que comezar. E se cambian tres veces, que cambien, as categorías infantís e xuvenís son para probar.
A miña vea competitiva de deporte profesional xurdiu case en idades de universidade, aínda que eu levaba aí desde ben pequeniña, pero todas as demais etapas desfruteinas como tiña que desfrutalas e o que saquei delas é moitísimo coñecemento, moitas experiencias e amigos e fíxate onde estou agora, encarando os cuartos Xogos Olímpicos.
– Como ves o futuro despois dos Xogos, os resultados van ser determinantes para decidir o camiño a seguir?
A ver, sempre é verdade que os resultados dos Xogos Olímpicos son determinantes en función da seguinte liña que queiras seguir. No meu caso seguramente non sexan determinantes de cara ao meu futuro, pero seguramente poidan axudar, non?
Para min é moi importante rematar os Xogos, desfrutalos, poder pelexar e volver a Galicia cun bo lote, pero a realidade é que eu sempre fun unha persoa que fai moitos plans. Sempre estamos co plan A, plan A, plan A, e eu son moi fan do plan B e se hai C, mellor. E a verdade é que teño diferentes liñas. Encantaríame seguir no mundo da vela profesional, aí hai diferentes, digamos, circuítos nos que podo intentar ter cabida. É verdade que esta rama olímpica parece que está chegando á súa fin porque realmente son unha persoa de desafíos e necesito estar fóra da miña zona de confort e encarar novos obxectivos, pero claramente hai dúas vías que creo que serían moi boas para min. Seguir no deporte profesional para min, a primeira.
Encantaríame seguir no mundo da vela profesional, aí hai diferentes circuítos nos que podo intentar ter cabida. Esta rama olímpica parece que está chegando á súa fin. Son unha persoa de desafíos e necesito estar fóra da miña zona de confort e encarar novos obxectivos.
Creo que teño moi boa capacidade para poder axudar a outros neste mundo, así que seguramente o adestramento pode ser outra. E son unha namorada da xestión do deporte, descubrino ao longo destas campañas olímpicas, fixen un máster e agora síntome preparada para encarar novos proxectos no caso de que as outras dúas liñas non me apetezan ou teña máis inquietude por outras.
Teño varios camiños, pero para min o importante agora é pechar esta etapa con París e unha vez que rematemos, volver a falar.
– Ter todas as portas abertas sempre é bo. Toda a sorte do mundo porque o que gañedes vós é para toda Galicia.
-(Ri) Claro, claro.