Susana Rodríguez Gacio: “Serán os meus segundos Xogos pero as ganas e ilusión son as mesmas ou máis”

  • Post category:Novas
  • Cada vez somos máis mulleres en deporte adaptado
  • Ser portada de Time foi unha sorpresa nese momento
  • O albinismo aínda é descoñecido para moita xente sobre todo en Europa

Nas pistas e fóra delas, semella que non hai obstáculos para Susana Rodríguez Gacio, quen ten albinismo coa discapacidade visual que leva aparellada. A deportista é unha habitual nos podios do paratríatlon a nivel nacional e internacional, unhas carreiras que compaxina co seu traballo como médico especializada en rehabilitación. Despois de estar en primeira liña cos sanitarios durante a pandemia, a galega viaxará a Toquio para facer historia. Rodríguez será a primeira muller española que compita en dúas modalidades deportivas distintas nos mesmos Xogos Paralímpicos; farao no tríatlon e nos 1500 metros T11. 

Susana Rodríguez, ouro na Copa do Mundo de Paratríatlon - FETRI
Susana Rodríguez, ouro na Copa do Mundo de Paratríatlon – FETRI

Estes non serán os teus primeiros Xogos. Ter experiencia como paralímpica faite chegar máis segura e tranquila a Toquio?

Tokyo 2020 serán os meus segundos Xogos. As ganas e ilusión son as mesmas. Ou incluso máis, a responsabilidade é maior e a experiencia tranquiliza no sentido de non cometer erros previos. 

Nestes Xogos farás historia, ao ser a primeira española en competir en dous deportes distintos na mesma edición. Como se preparan as dúas competicións?

A preparación miña é específica para o tríatlon. Pero a planificación está orientada a chegar forte e en forma aos Xogos e polas miñas características estando en forma son capaz de defender tamén o 1.500.

Mundial de Triatlón Chicago 2015 - CPE
Mundial de Tríatlon Chicago 2015 – CPE

Os teus éxitos cruzaron o charco e chegaron á portada de Time, como viviches ser imaxe dunha das revistas máis prestixiosas do mundo? Que significou para ti?

Ser portada de TIME foi unha sorpresa nese momento. Co paso das semanas son consciente de que é un recoñecemento a moito traballo e en xeral ao deporte Paralímpico e aos traballadores da sanidade.

Nela salientábase o teu labor como médico, ademais da túa presenza nos próximos Xogos. Cal é a clave para compaxinar unha carreira na elite deportiva e unha carreira como Medicina?

A clave para compaxinar ambas actividades durante os últimos anos foi a disciplina.

Estar no medio dun hospital durante a pandemia non debe ser nada doado. O deporte serviuche como vía de escape?

Si. O deporte foi útil para min no confinamiento. Era o meu rato de “ocio” diario.

Cres que aínda hai moito descoñecemento en torno ao albinismo?

O albinismo aínda é descoñecido para moita xente sobre todo en Europa o que menos se coñece é a presenza de discapacidade visual grave.

Durante a pandemia xurdiron novas regras para todos, como che afectaron a ti?

Pois todo se volveu máis complexo porque sempre se aconsella non empregar as mans para tocar… cando para unha persoa que non ve as mans son esenciais.

Susana Rodríguez no Europeo de Paratriatlón de Valencia 2019
Susana Rodríguez no Europeo de Paratriatlón
de Valencia 2019

Desde fóra, semella que a colaboración coa persoa que exerce como guía é fundamental. Como a cualificarías ti? Neste sentido, tes competido xunto a varias persoas ao longo da túa traxectoria. Como é a adaptación a un novo/a acompañante?

Eu teño adestrado e competido con diferentes persoas. É clave a confianza neles para poder executar o traballo con tranquilidade. A adaptación adoita ser fácil porque eu estou acostumada a confiar en xente para hacer deporte.

Os éxitos e os fracasos vívense en comunión, sodes dúas persoas formando equipo, dádesvos folgos mútuos ao longo das competicións?

Si nos podemos animar en determinados momentos pero a comunicación en carreira é sobre todo para explicar o circuíto.

Consideras que hai unha representación cada vez maior de mulleres no deporte adaptado?  Ti mesma es unha das referentes, creciches con algunha outra muller como inspiración?

Cada vez somos máis mulleres en deporte adaptado. Eu tiven como referente a Marta Arce que tamén ten albinismo aínda que practica outra modalidade que é o judo.