SAÚDO DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA, ALFONSO RUEDA
No ano 1948, un coruñés e un vigués (Manuel Suárez-Pumariega e Alejandro Febrero) foron os primeiros galegos en participar nuns Xogos Olímpicos, concretamente, nos de Londres. A historia olímpica galega comézase escribir pois, por terra, grazas ao atletismo de Manuel, e por auga, grazas á natación de Alejandro, como se fose un indicativo de que, co paso do tempo, os éxitos galegos chegarían por todas as vías posibles.
Hoxe son uns poucos máis que aqueles dous pioneiros.
Por unha banda, 144 deportistas participaron nun ou máis dun certame olímpico e 31 competiron en certames paralímpicos. En total, son 172 galegos e galegas que acadaron o soño de calquera deportista.
Nestas cifras xa están sumados os 46 deportistas (32 olímpicos e 14 paralímpicos) que a partir do 26 de agosto, día do comezo dos Olímpicos, ata o vindeiro 8 de setembro, día de clausura dos Paralímpicos, acapararán todas as nosas miradas e concentrarán todos os folgos para que, o traballo realizado durante este curto ciclo olímpico de tres anos, poida levarlles a ser os primeiros en chegar á meta.
Non é a primeira vez que o demostran. O deportista olímpico nacional máis laureado é galego, a deportista nacional con máis participacións olímpicas é galega e a abandeirada da delegación española en París tamén será galega.
A fonda tradición deportiva de Galicia posibilita que 26 deportistas olímpicos e 33 paralímpicos teñan na súas casas unha medalla, ás que tamén habería que sumar unha longa lista de diplomas que acreditan a súa posición entre os oito mellores do mundo.
Son datos que se superan constantemente, porque a historia olímpica e paralímpica de Galicia tamén é de récords batidos cada catro anos. Nos Xogos de Toquio, a delegación galega acadou a súa maior cota con 25 deportistas olímpicos galegos ou con licenza deportiva galega, así como 14 deportistas paralímpicos máis dous guías. O 72% dos olímpicos regresaron entre os oito mellores do mundo. Os paralímpicos fixérono no 87,5% dos casos.
Como presidente dunha terra que respira deporte polos seus catro costados, non teño ningunha dúbida de que en París volveremos bater récords. A delegación olímpica e paralímpica que disputará os Xogos volve ser a maior da nosa historia e, por riba da súa cantidade, a súa calidade fainos soñar cuns resultados nunca antes vistos.
Pero as altas expectativas e as brillantes cores dos metais non deben ocultar a realidade destes datos. A realidade das 310.000 persoas que realizan deporte de xeito federado en Galicia, a realidade dos 1.400 clubs con actividade, a realidade das nosas 59 federacións deportivas ou dos 150.000 cativos e cativas inscritos no noso Programa Xogade.
Todos eles, todos nós, estaremos nas seguintes semanas padexando con Teri e con Araceli, saltando con Ana e con Desi, correndo con Adri e mais Adi.
Todos estaremos empurrando o barco olímpico e paralímpico galego, porque dun xeito ou outro, todos imos subidos nel.