SAÚDO DO SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE, JOSÉ RAMÓN LETE

José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte / XUNTA DE GALICIA
José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte / XUNTA DE GALICIA

Hai preto de trinta séculos, no 776 a.C., os mellores atletas das cidades-estado gregas comezaron a xuntarse en Olimpia para combater por unha coroa de loureiro e acadar a gloria para eles mesmos e para a súa terra. Naquel afastado momento, un humilde panadeiro da polis de Élide, Corebo de Élide, foi corado como o primeiro campión olímpico da historia na carreira de velocidade stadion, aproximadamente, uns 192 metros.

Hoxe, tanto tempo despois, un fillo de humildes panadeiros, segue a ser o deportista olímpico máis laureado da historia de España.

As cinco medallas do padexeiro de Hío, David Cal, permanecen nas vitrinas do deporte galego como un dos nosos maiores tesouros e os seus valores son as leccións que procuramos transmitirlle a todos os cidadáns e cidadás, especialmente aos máis cativos dende a nosa acción política e dende o noso Programa Xogade.

Que os valores como o sacrificio, a constancia, o esforzo ou a resiliencia,  e tamén a humildade, acompañen aos nosos pequenos e pequenas desde as idades máis temperás garántenos poder cumprir cun dos nosos obxectivos primordiais: unha Galicia tolerante, activa e saudable.

O Complexo de Regatas de Verducido, leva por nome o dese deportista que alumea o noso camiño: David Cal. De alí, de Verducido, saen hoxe un total de once padexeiros cara París, nove olímpicos e dous paralímpicos.

Esta é tan só unha das historias de éxito dunha terra que tamén destaca en vela, en remo, en atletismo, en judo, en natación, en skate, en baloncesto, en fútbol…

Unha terra que decidiu transmitir o seu deporte de maiores a pequenos como fai coa pesca, coa industria, coa gastronomía, co turismo ou ca gandería.

Para seguir vivindo, todos xuntos, con esforzo e con humildade, momentos coma estes.