SAÚDO DO CONSELLEIRO DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES, DIEGO CALVO
Os Xogos de Atenas de 1986 foron os primeiros da modernidade e viñeron acompañados de moitas melloras, como a súa universalidade, porque o deporte é de todos e de todas.
Pouco despois foi configurada a Carta Olímpica como o documento que recolle os estatutos do Olimpismo, unha filosofía que propón crear “un estilo de vida baseado no esforzo, o valor educativo do bo exemplo, a responsabilidade social ou o respecto polos principios éticos fundamentais universais”.
Dende hai moito tempo, o deporte comparece como un espazo plural, diverso, sen xénero nin idade, para todos e para todas, enriquecedor da sociedade, transmisor de valores, xerador de noticias, formador, igualador, motor de cambio social e tamén axente económico determinante.
Pero especialmente nas últimas datas, o deporte está a deixar na nosa sociedade mostras da importancia como a unión, a colaboración e o traballo en equipo.
O case medio cento de deportistas galegos e galegas que participan nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París, establecendo unha nova cifra histórica, son un dos principais baluartes da nosa terra. Non só polo seu evidente valor como mulleres e homes preparados que levan a nosa bandeira por todo o mundo, senón porque son a total e absoluta evidencia de que unha vida activa e saudable dende as idades máis temperás é a mellor garantía de ser adultos sans e felices no día de mañá.
Desde a Xunta apostamos sempre e seguiremos apostando polo deporte. Porque é un modelo de vida que, sen dúbida, é o mellor que podemos ter para a cidadanía.
Como conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes creo firmemente nesa sociedade deportiva galega e estou convencido de que todas as historias olímpicas e paralímpicas coas que conta Galicia son parte das lendas do noso pobo que fan que nos sintamos tan orgullosos de todo o que somos.