SAÚDO DO SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE

José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte - XUNTA DE GALICIA
José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte – XUNTA DE GALICIA

“Unha filosofía da vida, que exalta e combina nun conxunto harmónico as calidades do corpo, a vontade e o espírito. Ao asociar o deporte coa cultura e a formación, o Olimpismo proponse crear un estilo de vida baseado na alegría do esforzo, o valor educativo do bo exemplo, a responsabilidade social e o respecto polos principios éticos fundamentais universais”.

Así defende a Carta Olímpica o olimpismo, un concepto creado por Pierre de Coubertin e que sostén as outras dúas achegas do pedagogo e historiador francés: o Comité Olímpico Internacional e o restablecemento dos Xogos Olímpicos. O celebérrimo barón nunca deu unha definición precisa do olimpismo, foi un termo que foi evolucionando e gañando matices ao tempo que os atletas desenvolvían o seu sentido no tartán olímpico.

Non parece estraño que a alegría do esforzo sexa o núcleo central da definición do olimpismo. O propio Coubertin viviuna na organización dos Xogos Olímpicos de 1894, os primeiros da modernidade, os primeiros tras unha parada de 1.500 anos. As reticencias de moitos países foron derribadas con diálogo, con ilusión, con cooperación internacional e con enxeñosas estratexias para recadar fondos como a emisión de selos conmemorativos ou a participación de importantes mecenas.

Esa alegría do esforzo é a que senten todos os integrantes da delegación galega que nos representará en Toquio. Unha alegría do esforzo implementada ao longo dos últimos cinco anos, nos que tiveron que resistir, ademais dunha pandemia, o adiamento duns Xogos Olímpicos e a pantasma da súa cancelación. Uns Xogos para os que se levan preparando tanto tempo.

Galicia leva ao país asiático a maior representación olímpica da súa historia: 21 deportistas olímpicos (mais outros cinco con licenza galega) e 14 paralímpicos (máis dous guías). Son 42 historias de constancia, de sacrificio, de traballo diario, de concentración e de superación. 42 historias de resiliencia. 42 historias da alegría do esforzo.

Todos eses valores acáenlle de xeito idóneo ao deporte galego. Un deporte galego que, ademais, leva tempo loitando e acadando grandes fitos no partido máis importante que está por disputar: a igualdade. Por iso, todos os deportistas galegos clasificados levarán a Toquio a campaña ‘NON contra a violencia de xénero’.

De seguro que os nosos acadarán grandes resultados nos Xogos, pero co seu compromiso tamén concienciarán e sensibilizarán a toda a poboación sobre a necesidade de acadar a igualdade efectiva entre homes e mulleres, un dos principios básicos da Xunta de Galicia.

O olimpismo tamén di que “o gozo dos dereitos e liberdades para practicar o deporte debe ter lugar sen discriminación de ningún tipo, como raza, cor, sexo, orientación sexual, idioma, relixión, opinión política ou doutra índole, orixe nacional ou social, ou algún outro estado”.

Que así sexa.