SAÚDO DA CONSELLEIRA DE EMPREGO E IGUALDADE

María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade.

A loita pola igualdade é un reto que incide en todas as capas e esferas da sociedade. E como non podía ser doutro modo, a equidade entre homes e mulleres é unha meta a perseguir tamén no mundo deportivo. E é que o deporte constitúe en si mesmo un motor de cambio, que inculca valores como a tolerancia e o respecto, a disciplina e o compañeirismo. Características que son indispensables para avanzar cara a unha sociedade inclusiva, xusta e igualitaria.

É necesario recoñecer que aínda queda moito por facer, pero ao mesmo tempo dar conta do compromiso da Xunta de Galicia, deste Goberno, por que as mulleres ocupen o lugar que merecen e lles pertence, tanto no ámbito deportivo como na sociedade.

Esa é a nosa misión: seguir traballando para non dar nin un paso atrás, senón todos os que quedan por diante. Para seguir mellorando o presente e o futuro, o noso e o das novas xeracións de nenas, mozas e mulleres que están por vir. Para que poidan vivir nun mundo de igualdade e de oportunidades, no que a lacra da violencia de xénero sexa un mal recordo do pasado.

E nesta loita xoga un papel fundamental o deporte, que cada día combate prexuízos e estereotipos e axuda a implantar novos modelos máis saudables e que realmente nos representan a todos e a todas.

Pois como di Roser Jonás, xogadora da selección española de Rugby, “para dejar huella en el camino no importa de quien sea la pisada”. Porque o deporte, como todo na vida, non entende de discriminacións por razón de xénero. O deporte é esforzo, coraxe e corazón.

Remato xa dando as grazas pola súa implicación ás e aos deportistas embaixadores das campañas de sensibilización contra a violencia de xénero e a promoción da igualdade, sen o seu labor nada disto sería posible.

Contade sempre co apoio da Xunta de Galicia na consecución dunha mellor deportividade, que leve a comunidade galega a acadar os maiores éxitos, tanto no ámbito deportivo como no eido da igualdade.