- Isto é algo parecido ás horas de voo dun piloto: experiencia na competición é o que extraio.
- En Cangas tivemos a sorte de ter referentes que foron abrindo camiño e despexándoo para que outros poidamos intentar seguilo.
Os padexeiros e as padexeiras bótanse á auga todos os días do ano, faga sol ou chova. A rutina de adestramento non para. Rodrigo Germade é un deles. Naceu nun lugar onde o deporte debe levarse no ADN e o remo aínda máis, xa que de Cangas son varias das persoas que constitúen o equipo olímpico español nestes Xogos de Tokyo 2020. No caso de Rodrigo Germade, o reto destes xogos son 500m pero non os fará so. Compite nun K4 no que tamén está outro galego, Carlos Arévalo.
Percorriches un longo camiño ata chegar a Tokio, colleitando logros coma tres medallas no Campionato do Mundo. Cal é a túa principal motivación?
Si, é un longo camiño porque ano tras ano tes que manter unha esixencia e un nivel moi alto para chegar ata aquí, pero o conseguir bos resultados ano tras ano é o que me motiva para seguir, porque me indica que podo seguir a un nivel alto e, polo tanto, dá moito máis sentido a todo o sacrificio que isto supón.
Nos xogos de Río case tocas o podio. Que aprendizaxe puideches extraer deles de cara aos de Tokyo?
En realidade a mesma aprendizaxe que noutro campionato tipo mundial, europeo ou copa do mundo. Ao final isto é algo parecido ás horas de voo dun piloto: experiencia na competición é o que extraio. Diferentes situacións en diferentes momentos danche un abanico amplo de recursos e aprendes a afrontar mellor a alta competición.
Fisicamente adestraches duro ao longo da túa carreira, pero estes últimos meses non foron os máis sinxelos para ninguén. Como te preparas mentalmente para a competición?
A preparación mental non dista moito da dun campionato do mundo. Por exemplo, só intento centrarme na miña tarefa, no que está nas miñas mans; o resto intento sacalo da cabeza porque non me serve. Só son cousas que non van a estar baixo o meu control.
Cal é o teu obxectivo nestes xogos?
O meu obxectivo nestes xogos é poder reproducir o máis aproximado posible o que adestramos.
Cangas é berce de grandes padexeiros e padexeiras, cal é o segredo?
É unha pregunta que me fan moito e nunca sei moi ben que contestar. Supoño que un pouco a tradición e que tivemos a sorte de ter referentes que foron abrindo camiño e despexándoo para que outros poidamos intentar seguilo, tales coma David Cal, Carlos Pérez ou mesmo, aínda activamente e aquí competindo comigo, Teresa Portela.