- “A primeira vez que vas a uns Xogos vívese de maneira especial”.
- “A vida e a carreira dun deportista vaiche ensinando e dirixindo todo o tempo cara a onde tes que ir”.
- “É un orgullo conseguir bos resultados durante tantos anos seguidos”.
Son os terceiros Xogos Olímpicos para Rodrigo Germade. O padexeiro galego vai competir en dúas distancias: K2 – 500 m e K4 – 500 m. E acode con claras opcións de que ao final desta competición algún metal, ou varios, penduren do seu pescozo.
– Como chega Rodrigo Germade a estes Xogos Olímpicos de París despois destes tres anos desde Toquio?
Chegamos a estes Xogos Olímpicos bastante ben. Fixemos un bo traballo, sobre todo a final de tempada, e temos moi boas expectativas de cara a facer un bo papel.
Rodrigo Germade: “No K4 aspiramos a medalla”
– Cales son as túas aspiracións en cada unha das dúas categorías?
En K-4, a medalla. En K-2 non che podo dicir, xa que imos unha parella diferente e non hai moito traballo feito, entón pode pasar de todo, así que non nos marcamos un obxectivo claro.
– Saúl Craviotto, Marcus Cooper, Carlos Arévalo e Rodrigo Germade, garantía de éxito?
Ao final levamos moitos anos padexando xuntos. Coñecémonos moi ben, entón ao final nótase no día a día, no rendemento do barco e en moitas outras cousas que son menos visibles. Confiamos moito entre nós e á hora de afrontar competicións deste calibre, iso dáche un plus e unha bagaxe extra para afrontar uns Xogos Olímpicos.
– Despois de acadar unha prata nos xogos olímpicos de Toquio, existe unha presión engadida para conseguir de novo un metal ou falamos de motivación?
Son un pouco ambas as cousas. A motivación sempre está aí, é o que nos move e polo que adestramos, xunto co obxectivo. A presión tamén está aí porque ao final, vimos de obter sempre moi bos resultados. Levamos moito tempo cunha boa xeira pero nalgún momento rematará.
Agardo que non sexa aquí, porque creo que estamos a un nivel bastante bo como para pelexar por este metal.
– Son xa os teus terceiros Xogos Olímpicos. Como valoras isto e como te sentes estando ao alto nivel durante tantos anos?
A verdade é que é un orgullo poder participar en tantos. Eu lembro un momento, pouco antes de ir aos Xogos de Río en 2016, que pensaba que nunca ía estar nuns Xogos Olímpicos e pola miña cabeza xa rondaba a idea de que isto igual xa non era para min. Ao final acabei indo e tiven unha decepción moi grande, que mesmo me fixo valorar deixalo despois do campionato, e aquí estou, cos meus terceiros Xogos Olímpicos.
A vida e a carreira dun deportista vaiche ensinando e dirixindo todo o tempo cara a onde tes que ir. É un orgullo conseguir bos resultados durante tantos anos seguidos.
– Hai diferenza de preparación entre os primeiros e os terceiros Xogos Olímpicos?
Quizais a ilusión xa non é a mesma. Xa sabes o que é a experiencia e iso xa non o podes ter porque xa o viviches. O que si se mantén é a motivación de cara á preparación. A primeira vez vívese dunha forma máis especial.
– A ría de Aldán é un dos grandes berces do piragüismo a nivel nacional. Cales cres que son os factores máis determinantes para que saian tantos padexeiros de nivel nesa zona?
Eu creo que no caso de Cangas é que contamos cuns clubs magníficos, que están ben xestionados, contan con bos recursos, bos materiais e atópanse nun lugar privilexiado e trabállase moi ben a base. Ao final eu creo que se traballa bastante ben o deporte en xeral, hai opcións onde elixir e trabállase moi ben na súa promoción. Hai medios, hai recursos e ilusión por facer as cousas ben. Ademais, isto sumado a que hai moitos medallistas en Cangas, é un aliciente para que o deporte siga medrando na xente nova.
– Cal foi teu referente ao comezo da túa carreira?
Ao comezar non tiña ningún referente porque facía mil deportes. Fixen atletismo, balonmán, fútbol… e ao final acabei decantándome polo piragüismo. Unha vez xa neste mundo o meu principal referente foi Carlos Pérez, que a día de hoxe segue sendo un crack.
– Cal é a dieta máis recomendada para ser un deportista de alto nivel en piragüismo?
A verdade é que sigo a mesma dieta de sempre, pero procuro facer unha dieta lóxica e normal, sen grandes excesos, o máis sa posible, pero sen privarme de nada, xa que para o noso deporte non temos exixencia de pesos.
– Cantas horas dedicas ao día a adestrar? Desde hai canto preparas os Xogos?
Nós adestramos habitualmente de adestramento efectivo unhas catro horas ao día, pero logo tamén hai que contar o descanso entre sesión, os alongamentos e demais, que tamén contabilizan. Comezamos ás 9:00 da mañá e chegamos sobre as 18:30 horas á casa.
– Cales son os valores que destacarías do piragüismo á hora de influír no crecemento educativo para os mozos e mozas?
Eu creo que son todos os valores que inculca o deporte en xeral. Achega unha visión fenomenal e fundamental para a sociedade. O piragüismo en concreto, polas súas características, é un deporte bastante duro, ao aire libre, que no inverno require de aguantar días de malas condicións climatolóxicas, que te fai unha persoa máis dura. Aguantar este tipo de condicións ensínache o sacrificio e a superación: unha serie de valores que son ao meu xuízo moi importantes e que se deberían difundir máis entre a xuventude.
– Veste chegando aos Xogos Olímpicos dos Ánxeles?
Nun principio si. Se me respecta o corpo si. Primeiro imos ver como avanzan os Xogos de París, e ao remate veremos.