- “Sempre defendo que cando te esforzas e traballas ben hai unha oportunidade, e esta é a miña”.
- “O deporte tamén é tentar superarte a ti mesmo e desafiarte para mellorar. Así logrei unha carreira que o Rodrigo de 15 anos non imaxinaba nin nos seus mellores soños”.
- “O deporte dáche unha disciplina e uns valores que van ser fundamentais ao longo da vida”.
A de Rodrigo Corrales (Cangas, 1991) é unha desas historias de amor que comezan por casualidade. Deixou o fútbol e comezou a xogar ao balonmán impulsado polos seus amigos. Unha gran altura e uns reflexos prodixiosos fixeron que se puxese na portería e que se dese conta de que “non se me daba mal de todo”. Desde entón, a súa carreira só foi in crescendo.
Con 15 anos marchou a Barcelona despois de que o Barça petase á súa porta. De aí emprendeu camiño a Cracovia para xogar no Wisla e, pouco despois, a París para sumarse ao PSG. A súa última parada foi Hungría, onde defende a meta do Veszprém.
Ademais, desde hai máis dunha década defende tamén a portería da Selección Española de Balonmán, coa que logrou un soñado bronce olímpico. A menos dun mes para que dean comezo os seus segundos Xogos Olímpicos, afróntaos coa gran ilusión de volver a París, a cidade na que se estreou cos Hispanos nunha competición internacional de alto nivel.
– Antes de nada, que tal?
Atópome ben, moi motivado. Agora mesmo estamos na segunda fase de preparación para estes Xogos en Barcelona. Aquí teremos dous partidos amigables e pouco máis, é a clásica preparación antes dunha competición deste nivel.
Esíxese moito no físico, e estamos tamén introducindo moitos aspectos a este nivel co obxectivo de chegar o mellor posible aos Xogos. Tamén comezamos a preparar algúns aspectos tácticos e técnicos, o clásico.
– Despois de acadar o bronce en Tokio 2020, con que expectativas viaxas a París? E o equipo?
A nosa intención é manternos con vida ata o último día de competición, ese é o noso grande obxectivo.
O bronce en Toquio foi o fin dunha etapa para moitos xogadores, polo que agora contamos cunha selección renovada en moitos aspectos. Cambiaron moitos xogadores daqueles, tivemos unha prata a nivel europeo en 2022, un bronce no Mundial de 2023… e iso si que nos dá moitas esperanzas de saber que facendo as cousas ben podemos chegar ata esas fases finais.
O certo é que é moi complicado porque os Xogos Olímpicos son en verán, polo que non son na época na que estamos acostumados a competir. Ademais, é unha competición moi esixente, con partidos cada dous días e cun partido completamente clave que son os cuartos de final. Ao fin e ao cabo, é un sistema de competición que dá igual como o fagas nos cinco partidos da fase previa. Co nivel parello que acostuma haber nos Xogos, en cuartos é moi, moi complicado.
Por suposto, a nós encantaríanos estar nesas situacións de privilexio como estivemos en 2021, loitando por medallas e, se cadra, melloralo. Afrontamos unha etapa completamente diferente, con moita xente para a que estes son os seus primeiros Xogos.
É un equipo que creo que ten unha oportunidade moi enriquecedora, xa que combina xente que xa ten moita experiencia e veteranía, como Antonio García, e xente para a que esta á súa primeira competición olímpica, como Javier Rodríguez.
Con iso tentaremos facer o mellor papel posible e, ao fin e ao cabo, sempre que competimos é para tentar chegar ao máis alto.
– Se tiveses que dicir só unha, cal cres que é a vosa principal fortaleza como equipo?
A nosa fortaleza é, sen dúbida, o colectivo. Quizais a nivel individual hai seleccións con máis calidade ca nós, pero a nosa forma de traballar, a nosa forma de entender o balonmán e, dalgún xeito, o sacrificio do ego a favor do equipo, é a nosa maior grandeza. Non hai ningún xogador que se queixe por xogar máis ou menos, ningún busca o recoñecemento individual antes que o recoñecemento do equipo.
Iso fai que os xogadores prefiran dar un pase máis e ter unha situación máis fácil para tirar en vez de querer ser eles os máximos goleadores. Temos unha defensa moi solidaria. E ao final fomos capaces de construír unha estrutura na que todo o mundo, desde o adestrador, ata o último xogador, é fundamental.
O ben que nos levamos, a nosa maneira de preparar cada partido en equipo… Con iso cubrimos todas as debilidades que podemos ter con respecto a outros equipos que teñen máis calidade individual ou máis físico, que sen dúbida nestas competicións que son tan seguidas tamén é importante.
– Unha lesión a comezos de ano apartoute do Europeo 2024, como agardas agora o momento de volver vestir a camiseta de España para representar o país nuns Xogos?
Con moita ilusión. Ao final todo é un proceso e as lesións son parte da vida dos deportistas, non hai nada que se poida facer. Foi na primeira volta e no mes de novembro-decembro cando comecei a sentir bastante dor nas costas e o que me impediu estar activo no mes de xaneiro.
Cunha boa recuperación e unha boa preparación puiden volver na segunda volta e competir a un nivel moi alto. Tamén estiven na clasificación dos Xogos en marzo e do Mundial en abril. Ao final, cando non estás ou non podes axudar a un grupo no que xa levas tantos anos, é difícil de xestionar. Pero eu prefiro quedar co bo, e isto tamén che axuda a tomalo con máis ilusión e motivación cando volves.
Agora teño moita ilusión, xa só polo feito de poder vivir outros Xogos Olímpicos, pero ademais polas ganas de volver co grupo.
Rodrígo Corrales: “Cando te esforzas e traballas ben sempre hai unha oportunidade”
– Precisamente, cal foi a túa primeira reacción cando soubeches que o lograras, que ías poder ir a París?
Foi un día moi feliz. Púxenme moi contento. Cando estás lesionado ou hai un contratempo polo medio, e despois de tantos anos seguidos coa selección, o meu grande obxectivo era poder recuperarme ben.
Recibino con moita ledicia, ao final estar nunha lista duns Xogos Olímpicos sempre é unha motivación. Todo o que vivimos en 2021 facía que si ou si quixera estar listo para este ano. Ademais, son en París, unha cidade na que vivín tres anos e que me trae grandes recordos. Tamén pensando nos meus amigos e na miña familia, que por fin van poder vir verme a uns Xogos Olímpicos. É unha ledicia absoluta saber que o lograches e que estás no grupo.
Eu sempre defendo que cando te esforzas e traballas ben sempre hai unha oportunidade, e esta é a miña.
– Hai máis de unha década que vestiches por primeira vez a camiseta da Selección. Como lembras este momento?
Hai diferentes momentos polo que significa cada un deles. Nun partido amigable aló polo 2013, se non me equivoco, foi a primeira vez que participei. Recordo que era entre os mellores xogadores da Liga naquela época e un combinado da Selección. Eu era moi novo e este foi o meu primeiro partido en si. Lémbroo con moitos nervios, moita emoción… porque ao final é algo ao que aspiras desde pequeno.
Eu lembro que para min era todo unha experiencia porque me estaba vendo na cancha con xente á que sempre admirara.
Despois, obviamente, tamén teño moi marcado o debut no Mundial de Francia, en 2017, que foi a miña primeira gran competición oficial. Ao final un pouco o mesmo, poñerte a nivel de seleccións, un gran público… son momentos moi especiais e dos que gardo un recordo incrible.
Sobre todo por verte formando parte dunha xeración que, desde o meu punto de vista, foi histórica para o balonmán español. Compartir vestiario con xente á que sempre viches pola televisión, á que admiras desde pequeno… é un gran recordo que gardo e que levo para toda a vida.
– Fálasme dunha xeración histórica para o balonmán español, daquela crías que os Hispanos iades lograr todo o que lograstes?
Eu xa levaba anos adestrando e xogando algunha competición, pero nunca un gran torneo ata o 2017. Para min esa xeración, falando de Julen Aguinagalde, Raúl Entrerríos, Viran Morros… son xogadores que marcaron un camiño glorioso.
Despois chega o momento no que entramos nós e prodúcese outro pequeno cambio xeracional. Ademais, tamén hai cambio de adestrador. Entra Jordi Ribera e eu debuto. Quedamos quintos no Mundial, pero un ano máis tarde, en 2018, xa quedamos campións de Europa.
A partir dese momento foi un período de moito éxito, de varios anos acadando medallas e, sobre todo, de moitos anos loitando sempre por elas. Unha época moi boa para o balonmán español.
Para min, o gran orgullo que teño é, sobre todo, compartir e estar con xente que durante moitos anos estivo a un altísimo nivel e logrou moitas cousas. A Selección Española desde o 2011 recolleu moitos éxitos e formar parte desa pequena historia é algo moi chulo.
– Debut en Francia, tres anos xogando en París e agora volves para uns Xogos Olímpicos, vaia conexión. Como vas vivir o momento de volver a xogar no país galo?
É un país ao que lle teño un cariño moi especial. É un lugar no que vivín moi ben, no PSG tratáronme tamén moi ben, as cousas a nivel persoal e colectivo tamén foron moi ben… entón gárdolle moitísimo cariño tanto a París como a Francia.
Debutar nun Mundial en Francia foi un punto moi importante para a miña carreira e agora volvo para os meus segundos Xogos Olímpicos, a competición estrela no mundo do deporte, tamén en Francia. É algo moi especial.
Por iso agardo levar ese sentimento que teño dentro e transmitilo no terreo de xogo. Para min é moi bonito este ciclo e conexión con Francia e vou tentar que se me note ao 100 %.
Eu vivo dándolle a cada momento a importancia que penso que ten, esforzándome por superarme a min mesmo e mellorar cada día. Creo que é a clave para poder manterse durante anos na elite.
– Barcelona, Polonia, Francia e agora Hungría. O Rodrigo que con tan só 15 anos deixou Cangas soñaba con lograr todo isto?
Cando marchei de Cangas movíame a ilusión, que é o que move a vida. Cando me fun con 15 anos a Barcelona marchei con moitísima ilusión, pero obviamente tamén con moitísima inocencia. É un cambio de vida, estar lonxe da túa familia, do teu círculo próximo… todo isto con 15 anos non é algo doado. É unha proba moi importante a tan curta idade, pero a ambición e a ilusión polas cousas sempre me mantivo coa chama viva.
Non es 100 % consciente cando marchas e eu, no meu caso, tampouco levaba moitos anos xogando ao balonmán. Pero cando marchas e entras nun club como o Barça, pensas “que bonito é isto” ou “que sorte teño”, pero naquel momento non pensaba que ía ser xogador profesional ou que me ía poder dedicar a isto.
Eu creo que as cousas xorden de maneira natural. Nunca me puxen obxectivos, obviamente sempre tes na cabeza iso que che gustaría cando es pequeno, pero nunca o propós como algo definitivo. Eu sempre o digo, cando estaba en Cangas co que soñaba con 12-13 anos era xogar no primeiro equipo. Despois, cando vou a Barcelona con 15 e vexo os xogadores do primeiro equipo, penso en que oxalá algún día puidese ser coma eles. E a nivel de seleccións o mesmo.
A nivel persoal sempre busquei superarme a min mesmo. Dos cadetes aos xuvenís, dos xuvenís ao segundo equipo, do segundo equipo ao primeiro… ao final o deporte tamén é isto: tentar superarte a ti mesmo e desafiarte para mellorar. Así logrei unha carreira que o Rodrigo de 15 anos non imaxinaba nin nos seus mellores soños.
Eu vivo dándolle a cada momento a importancia que penso que ten, esforzándome por superarme a min mesmo e mellorar cada día. Creo que é a clave para poder manterse durante anos na elite.
– Para ti, que é o máis bonito que che deu este deporte?
A nivel deportivo, obviamente, é moi bonito todo o que se consegue. Ao final, as medallas ou os éxitos non deixan de ser un recoñecemento ao traballo, aínda que isto moitas veces tampouco é así. Ás veces esfórzaste moito e os recoñecementos non chegan. Pero, en xeral, son como esa “recompensa” a tanto esforzo. Na parte deportiva quedaríame con lograr os obxectivos marcados.
Pero, se son sincero, a min o que máis me gusta do balonmán é a parte humana. Coñecer xente, conectar con persoas doutros países, doutras culturas… iso é o que de verdade me fai máis feliz e o que me produce máis ilusión.
A relación coa xente, esa conexión, é o máis grande que me levo deste deporte. Isto dáche a oportunidade de madurar, de medrar, de coñecer diferentes puntos de vista…
O recoñecemento a nivel deportivo é algo que non sempre depende dun mesmo, ás veces é algo “abstracto”, pero o traballo sempre vai estar aí. Por iso a min o que máis me gusta e a que máis desfruto hoxe en día é a parte humana.
O que máis me gusta do balonmán é a parte humana. Coñecer xente, conectar con persoas doutros países, doutras culturas… É o que me fai máis feliz e o que me produce máis ilusión. A relación coa xente é o máis grande que me levo deste deporte. Dáche a oportunidade de madurar, de medrar, de coñecer diferentes puntos de vista…
– Por que te decantaches polo balonmán despois de ter practicado outras disciplinas na túa infancia?
Na vila de Cangas temos a inmensa sorte de contar cunha gran tradición deportiva. É berce de piragüistas, futbolistas, atletas… somos uns privilexiados porque podemos gozar de moitos deportes, moitos dos cales, de feito, eu practiquei de pequeno. Pero tamén é un lugar no que ten moito peso o balonmán. Eu comecei máis tarde, estando xa no colexio, e porque mo propuxo un dos meus mellores amigos.
Era o máis alto de todos e probei na portería e aí vin que non se me daba de todo mal… ao final xa quedei nesa posición para sempre. Ao fin e ao cabo, se son sincero, o que me levou a entrar ao balonmán foi esa conexión, esas amizades que me fixeron entender este deporte coma unha pequena gran familia.
Usámolo como unha forma de pasar máis tempo cos amigos, de medrar con eles, e ao final namorounos a todos. Tamén tivemos a gran sorte de ter grandísimos formadores que nos inculcaron uns valores que eu sigo levando por bandeira a día de hoxe. Eles foron os primeiros que nos abriron os ollos ao mundo, incluso levándonos de viaxe para poder participar en distintas competicións.
– Ao final tamén é importante contar con persoas que te acompañen no proceso para non deixalo.
Si, é fundamental. Moitas desas persoas séguense dedicando hoxe en día ao balonmán e foron as encargadas de facernos entender o deporte como unha familia. Esforzáronse en buscar ideas e crearon unha maxia arredor deste deporte que é indescritible.
Nós eramos pequenos, pero comezas a xogar torneos por diferentes lugares de Galicia, vas en autobús cos amigos e desfrutas moito diso, ademais do deporte en si.
Fixemos un grupo que é unha familia que mantemos a día de hoxe. É moi bonito que 20 anos despois nos xuntemos e lembremos esa época. Ao final, eu creo que os formadores teñen un papel moi importante. Que saiban transmitir esa paixón, esa emoción, é fundamental, pero tamén valores de respecto, compañeirismo, puntualidade, convivencia…
Aí aprendemos moito e moitos valores que temos hoxe en día. Somos unha xeración da que sigo completamente namorado: o que lle faltaba a un, dáballo o outro. Sempre entendemos así este deporte e foi o que realmente me enganchou a el.
O deporte dáche unha disciplina e uns valores que son fundamentais ao longo da vida.
– Se agora mesmo tiveses diante a un grupo de rapaces da túa vila, para os que, de seguro, es un referente; que lles dirías?
Cada un, obviamente, ten que vivir a súa vida, cos seus éxitos e cos seus fracasos. Pero se tivese esa oportunidade diríalles que se empapen desa paixón. Agora está renacendo ese amor de ir ver o equipo, de animar en cada partido… Por iso, diríalles que o desfruten. Que desfruten dos adestramentos, dos partidos, das competicións, de estar cos seus amigos. Que aproveiten cada momento que lles brinda este deporte, que aproveiten a oportunidade de coñecer xente… Para min é o máis importante.
E diríalles tamén que teñan ambición. Pero non só no balonmán, senón na vida. Que tenten mellorar cada día, esixirse a un mesmo dar un paso máis… Eu sempre tentei escoitar e aprender da xente que estaba ao meu redor para coller os mellores consellos.
Creo que nesa balanza está a clave e penso que con iso é máis que suficiente, xa de maior poderás decidir se che gusta, se queres dedicarte a iso ou non… pero de pequeno vai ser a etapa que vas lembrar sempre. É unha etapa que lembro con especial agarimo e morriña, oxalá puidese volver a vivir eses momentos porque foron moi especiais.
O deporte dáche unha disciplina e uns valores que son fundamentais ao longo da vida.