- O remeiro moañés chega á súa primeira cita olímpica no seu mellor momento de forma e co obxectivo claro de tocar metal.
“Teño cero nervios”. Así de confiado se amosa o remeiro Rodrigo Conde (Moaña, 1997) de cara aos Xogos Olímpicos de París 2024, que serán a súa primeira cita olímpica. Pero esta non é a primeira vez que logra unha praza para uns Xogos, pois xa conseguira un posto para participar en Toquio, pero un problema para dar o peso requirido para a categoría de dobre scull lixeiro obrigouno a renunciar. Agora, a menos de un mes para París e xa competindo contra os pesos pesados do remo mundial, Conde ten unha seguridade extrema no seu traballo e un obxectivo claro: volver á casa cunha medalla colgada do pescozo.
– Recentemente proclamácheste subcampión de Europa. Que expectativas tes de cara a estes Xogos Olímpicos?
A París imos pensando e sabendo que o podemos facer moi ben. Estas últimas semanas que quedan son clave porque entramos na fase de preparación na que imos coller o pico de forma para os Xogos. Vimos de facer unha pretempada bestial, con moitísimos quilómetros, máis ca nunca, e atopándonos mellor que nunca. Agora estamos entrando na parte que vai decidir se estamos pelexando arriba ou nos quedamos atrasados. Pero estou convencido de que pasará o primeiro. Agora mesmo estamos manexando parciais que non acadamos en ningunha parte desta temporada, e iso dános moita confianza para crer que imos chegar moi ben de cara a París.
A París imos pensando e sabendo que o podemos facer moi ben.Vimos de facer unha pretempada bestial.
– Chegades no voso mellor momento, pois.
Si. Temos que apertar estas catro semanas que quedan, a ver como se desenvolven. Pero se seguimos pola vía que levamos… é o que dicía, estamos manexando parciais que o ano pasado ou ao principio desta temporada eran inviables para nós.
– Serán os teus primeiros Xogos Olímpicos. Tiveches un problema para dar o peso en Toquio e tiveches que renunciar á praza. Con todo isto e aínda a falta de catro semanas, estás nervioso?
Pois a verdade é que teño cero nervios. Estou moi tranquilo, estamos adestrando moi ben, desfrutando dos adestramentos, e iso é unha parte moi importante para como se desenvolvan despois os Xogos. A tranquilidade que temos agora mesmo e como estamos a xestionar os adestramentos é clave. Non noto nada diferente respecto doutra competición. Estou tranquilo, relaxado, sereno e con moita gana de competir.
Teño cero nervios. Estou moi tranquilo, estamos adestrando moi ben, desfrutando dos adestramentos.
– Estades facendo algún tipo de preparación especial para a cita olímpica?
Era o que dicía antes. Fixemos máis quilómetros, adestramos máis tempo, de máis calidade, coidamos máis os aspectos nutricional e psicolóxico (que é unha parte que moitas veces se deixa descoidada) e este ano coidamos máis pequenos detalles que penso que serán os puntos determinantes. Estou convencido de que oito dos doce países que imos competir temos un nivel moi similar, e eses pequenos detalles serán os que marcarán as diferenzas entre uns e outros.
– Nesta cita olímpica non haberá problemas para dar o peso, pero seredes das embarcacións máis lixeiras. Que pros e que contras ten isto?
Depende moito. O remo é un deporte de panca e as persoas que son máis grandes, teoricamente teñen máis forza e poden mover máis vatios dentro do bote. Pero, pola contra, o peso tamén te penaliza se non o moves como toca. Si que somos os máis pequenos, pero non creo que nos xogue en contra. Temos unha moi boa relación peso/potencia, que é fundamental neste deporte. Por esa parte estamos ben cubertos. Se ben é certo que se a pista se pon moi dura, con moito vento en contra, un bote máis pesado terá máis vantaxe, en condicións normais podemos competir contra quen sexa.
– Falando da pista, puidestes probar na que competiredes en París?
Si. Estivemos alí en novembro. O certo é que nos pillou un tempo horrible, polo que xa imos preparados para calquera cousa, que pode ser bastante regular o tempo.
– E algunha estratexia xa definida?
Penso que hai que adaptarse ás circunstancias que nos atopemos alí. Non creo que debamos levar algo preparado xa dende agora, sobre todo para non ter que cambiar o plan a última hora se nos atopamos unhas condicións coas que non contabamos. Creo que unha cualidade que teñen que ter os deportistas que aspiren a ser os mellores é a adaptabilidade ás situacións, e a iso imos. Regata a regata, día a día.
– Competides o primeiro día dos Xogos pola mañá. Poderedes estar na cerimonia inaugural?
Non, finalmente non.
– Algo de pena dará non poder vivir esa experiencia, non?
Un pouquiño non, dáme moitísima pena. Pero sabemos que temos posibilidades de facer algo moi, moi grande, con posibilidades de lograr unha medalla, dígoo alto e claro; e pésame máis unha medalla olímpica que a cerimonia. Sei que haberá cousas especiais e diferentes, pero non nos podemos arriscar a chegar cansados por culpa de ir á inauguración.
Empecei no club da miña vila, de Moaña, na Sociedade Deportiva Tirán. Pouquiño a pouco fun avanzando.
– Xa teredes tempo de celebrar, consigades ou non esa ansiada medalla.
Efectivamente.
– Por último, algo un pouco máis persoal. Como empezaches ti no remo e que lle dirías a un rapaz ou unha rapaza que te vexa como unha inspiración.
Empecei no club da miña vila, de Moaña, na Sociedade Deportiva Tirán. Pouquiño a pouco fun avanzando. Logo probei o banco móbil e gustoume e tiña moi bo nivel, e dende aquela ata hoxe. Así foi como comecei. Que lle diría a alguén que quere comezar no remo? Que empece desfrutando, que faga amigos, que se empape do que é o remo, que é un deporte precioso, e que, se ten gana, que intente facelo ao máximo nivel.