Paula Ginzo / FEB
Paula Ginzo / FEB

Paula Ginzo: “Tentarei desfrutar cada minuto na pista e vou ser eu mesma xogando”

  • “Nos Xogos Olímpicos están os 12 mellores equipos do mundo, e son palabras maiores dicir que imos gañar unha medalla”.

 

A pivote Paula Ginzo, de 26 anos, competirá este agosto coa selección española absoluta de baloncesto nos seus primeiros Xogos Olímpicos. Proclamouse campioa da LF co Valencia Basket e a vindeira temporada estará nas filas do Hozono Global Jairis de Murcia.

– Estamos encantados de poder falar contigo, Paula. Reclámante en Santoña, pois alí naciches, pero ti es máis galega ca os pementos de Padrón, non si?

É verdade (risas). Son moi galega, moi moi galega e síntome así. Como se di, non é de onde naces, senón de onde paces, e iso é o que me pasou a min.

– Esta tempada non puido acabar mellor, coa consecución da LF con Valencia. Que sentiches?

Foi unha sorte, porque que me chamen a min para xogar os playoffs, un equipo que aspira a gañalo absolutamente todo, pois é un orgullo e dáme moita vitamina para saber cal é o bo camiño. Foi incrible.

María Araujo e Paula Ginzo / FEB
María Araujo e Paula Ginzo / FEB

– O teu debut coa selección absoluta foi o 17 de novembro de 2018, e no 2023 acadaches unha prata no Eurobasket. O gran reto deste grupo de cara a París é, sen dúbida, unha medalla, non?

Si, eu creo que temos que xogar tamén coa responsabilidade de levar no peito o nome dun país que aspira a todo. Nos Xogos Olímpicos están os 12 mellores equipos do mundo, e son palabras maiores dicir que imos gañar unha medalla. Por suposto, imos competir e imos esixirnos dar o mellor por acadar o noso obxectivo.

Paula Ginzo: “Aproveitarei ao máximo os minutos que me dea Miguel”

– China, Turquía ou Canadá foron equipos aos que vos enfrontastes na vosa preparación. Tres vitorias importantísimas. Como as valoras, especialmente as de Vigo?

O estar preto da casa empurra un pouco a que vaia mellor. Aproveitarei ao máximo os minutos que me dea Miguel. El sabe o que fai e estarei moi agradecida de cada segundo. Aproveitareinos ao máximo e se non toca estar na pista, pois desde o banco apoiarei as miñas compañeiras. Isto é de todas e cando xoguemos contra equipos tan, tan grandes, parece un tópico, pero ‘a unión fai a forza’ e diso se trata.

– Estar nunha cidade como París, vivindo ademais desde dentro uns Xogos Olímpicos, ten que ser moi especial.

Estiven xogando en París coa Selección, pero a cidade non a visitei como tal. Xa che contarei o que me pareceu a cidade (risas), pero gústame que sexa preto de casa.

– Porque é verdade que cando xogas fóra, Río de Janeiro ou Toquio, é unha experiencia total pero tamén hai que ter en conta o jet lag, xogas en lugares completamente diferentes, outra gastronomía, outra cultura…

Estar preto da casa fará ademais que contemos con moito apoio da nosa xente, e iso é un valor engadido. Xa só a inauguración, que será en barco polo Sena, penso que non vai defraudar e que vai ser moi bonito.

Paula Ginzo durante un partido contra China / FEB
Paula Ginzo durante un partido contra China / FEB

– Que agardas dos Xogos?

Sobre todo, desfrutalos. Porque ás veces esquecémonos desta parte. Damos por feito que o imos xogar todo, todas as competicións… Pero pola miña banda, creo que tamén teño que ser consciente de todo o que significan uns Xogos Olímpicos e hai que celebrar as cousas positivas. Desfrutar do proceso, da experiencia e ser eu mesma xogando, que é o que se me pide sempre.

Tamén me gustaría que nos apoiasen, que visen que somos xogadoras, que somos humanas. Que hai moito máis que o balón de baloncesto, que o ‘curramos’ moito, é o noso soño pero hai moito traballo detrás. O apoio, especialmente desde Galicia, que para nós será moi importante.

– Sen dúbida que botaremos en falta a Silvia, Raquel ou Cristina. É unha motivación poder dedicarlles un bo campionato a elas tamén?

Non son moi partidaria de facelo por alguén. Evidentemente, encantaríame que estivesen con nós. Silvia é a capitá do equipo e, polo que representa para a historia do noso baloncesto, é unha figura onde mirarnos.

Cando as cousas van mal ela bota o equipo ás costas e, evidentemente imos botala moito de menos. Tamén a Raquel e a Cris, como non. Agardamos que nos apoien desde a casa, que o desfruten tamén e que estean connosco, porque para todas as que estamos aquí elas son fundamentais.

O apoio, especialmente desde Galicia, que para nós será moi importante.

– Ao remate dos Xogos Olímpicos, tocará un bo descanso. Quizais en Galicia?

Non terei moito tempo, porque a finais de agosto xa comezo a pretemporada con Jairis, en Murcia. Así que como moito, terei dúas semanas (risas) como máximo. Pero benvidas sexan, que iso significará que chegamos ata os derradeiros partidos dos Xogos. Pero si, obviamente pasarei pola casa, verei a miña xente e un pouco de praia.

Paula Ginzo / FEB
Paula Ginzo / FEB

– Que é o que máis botas de menos de Galicia? 

A miña xente, moito. Boto moito en falta poder vivir o día a día con elas e eles. Antes non o notaba tanto, pero agora que me vou facendo maior, si que o noto máis. A madurez implica buscar outras cousas que non só é pasalo ben e estar por aí. Tes un pouco de ‘morriña’ e a ‘morriña’ estará en min sempre.

Compartir en