- “O deporte mantívome nunha vida boa cos pés no chan e ensinoume que se queres algo tes que traballalo”.
- “Con chegar á final B xa estaría moi contento co traballo realizado”.
Estes Xogos Olímpicos 2024 serán os primeiros para Pablo Crespo. Campión do Mundo en Piragüismo en C2 1000 m, o camiño para acadar este logro estivo marcado pola incerteza.
No mes de maio competiu na final C1 1000 do Preolímpico de piragüismo sprint que se disputaba en Szeged, en Hungría. Tiña que lograr o primeiro ou o segundo posto para acadar a praza olímpica. Pablo quedou terceiro, detrás do ruso Zakhar Petrov, quen competía como atleta neutral, e o italiano Nicolae Craciun. A federación rusa debía renunciar á súa praza, posto que neses mesmos preolímpicos, na competición C2 500 m, tamén lograron unha praza olímpica e só poderían participar cunha das dúas conseguidas.
Tras semanas de incertezas e dúbidas, a federación rusa comunica a súa renuncia a este C1 1000 e o pontevedrés da Escola Piragüismo Cidade de Pontevedra competirá coa máxima ilusión por un deporte que nos deu moi bos resultados e alegrías.
– Con só 22 anos estes van ser os teus primeiros Xogos Olímpicos. Como estás vivindo a experiencia?
A forma na que me clasifiquei é unha forma complicada. Clasifiquei primeiro o barco en Hungría, hai pouco máis dun mes, e aínda me acaban de dar a noticia. Foi un período de incerteza no que houbo que adestrar duro igual porque seguimos adestrando para o obxectivo pero sen saber nada, estás como adestrando sen seguridade.
– E con esa clasificación como estiveches estas semanas? Tiñas en mente a posibilidade de non clasificarte?
A clasificación sempre foi moi probable porque os criterios xa estaban reflectidos nas normas da competición e tocábame a min. Pero, claro, cada día que pasa e máis e máis… Esa pequena esperanza vaise perdendo aos poucos. Pensas que ao igual está a pasar algo e non che están a dar a noticia. Cara aos últimos días xa estaba a perder a esperanza de que me dixesen que si.
– Probaches moitos deportes, desde fútbol ata xadrez. Que te levou a escoller o piragüismo?
Os meus pais dicíanme que non me metese en piragüismo porque se cadra íanme relacionar moito con eles. Tamén me dicían que podía xerarme presións, sabían que o piragüismo moitas veces é moi político nalgúns ámbitos, entón non me aconsellaban este deporte. Cando me aburrín do fútbol ou doutros deportes, quixen probar o piragüismo, por curiosidade soamente. Sempre me dicían “non o fagas, non o fagas”, pois vouno facer, por levar a contraria. O prohibido gusta, probei e enganchoume enseguida. O grupo de amigos que xeras nun club de piragüismo é moi grande, entón as amizades tamén te enganchan enseguida e logo do deporte vaste namorando aos poucos.
Os meus pais dicíanme que non me metese en piragüismo porque se cadra íanme relacionar moito con eles. Tamén me dicían que podía xerarme presións e non me aconsellaban este deporte. Cando me aburrín do fútbol ou doutros deportes, quixen probar o piragüismo, por curiosidade soamente. Sempre me dicían “non o fagas, non o fagas”, pois vouno facer, por levar a contraria. O prohibido gusta, probei e enganchoume enseguida.
– Desde cando o practicas?
Podería dicirche que sobre os 12 ou 13 anos, máis ou menos.
– Volvendo aos teus pais, eles ademais de saber de piragüismo tamén saben o que é estar nuns Xogos Olímpicos. A túa nai foi olímpica en Barcelona 92, Atlanta 96 e Sidney 2000, e o teu pai en Atlanta e Sidney tamén. Como é ter na casa esta experiencia olímpica?
A xente moitas veces sorpréndese por iso, pero está moi normalizado na miña casa. Eles agora viven o meu logro como un logro propio. Téñoo máis que asumido, moita xente dime “caramba, uns pais olímpicos”, pero se te crías con iso xa o tes moi asumido.
– É dicir, pola súa parte non sentes nada de presión.
Para nada. Eles déixanme que faga o meu camiño tranquilamente e a min gústame iso. Cada un leva o seu camiño e á súa maneira, non teño que ser nin mellor nin peor.
– Que lección herdaches deles?
Moito consello tampouco lles pido, se che digo a verdade. Para algunhas competicións pregúntolle “como debo facer isto”, “descanso aquí non o fago” “remo isto ou non”. O que me aconsellan está moi ben porque eles viviron xa a experiencia, estiveron onde eu estou.
– España volve a competir nesta proba desde David Cal, gañador de cinco medallas e un dos máximos expoñentes nesta competición. Sentes algún tipo de presión por ser, en certo sentido, o seu relevo?
Presión ningunha porque David Cal foi demasiado grande, deixou o listón moi inalcanzable, ese nivel non o volveremos ver. Eu vou ir alí, a ver que sae, e igualalo vai ser moi complicado. A xente sábeo tamén, todos o temos bastante asumido, vou facelo o mellor que poida. Que se cadra sae ben? Pois se sae ben, perfecto, se non tampouco pasa nada. Como David Cal non vou ser, entón non teño esa presión.
– Durante estes meses, preparácheste física e mentalmente para esta competición. Cambiarás algo desta rutina cando te atopes en París?
A verdade é que non, seguimos o mesmo sistema de adestramentos. O único que cambia é a motivación e a dureza que un lle pon pola motivación do adestramento. Polo demais é o mesmo sistema, o mesmo adestrador, os mesmos ciclos… Agora só hai que puír un pouco o que falte para chegar alí da mellor forma.
– Cal é o teu obxectivo nestes Xogos Olímpicos? Veste ata no podio?
No podio nin de broma, é demasiado ambicioso. Eu vou ir alí a facelo o mellor que poida, non me vou deixar nada. O meu obxectivo, xa que sería moi sobresaliente, é unha final, sexa a A, que xa de por si tamén é ambiciosa, ou a B. Con chegar á B xa estaría moi contento co traballo realizado.
– Tes un soño deportivo que queiras alcanzar? Xa non só nestes Xogos, senón durante a túa carreira deportiva.
Todo o mundo aspira a unha medalla olímpica, sexa na modalidade que sexa e acompañado de quen sexa.
– Falando de acompañamentos, gañaches a medalla de bronce no Campionato de ICF Marathon Hombre Junior C2 de Shaonxing xunto con Diego Piñeiro. Como foi esa experiencia?
Era outra modalidade e foi a miña primeira experiencia dese calibre, verme aí fóra competindo. Foi incrible, diríache que foi unha das maiores ilusións da miña vida case. Era a primeira vez que competía así e cun compañeiro que, desde que entrei en piragüismo, foi e segue sendo o meu amigo, a día de hoxe un dos meus mellores amigos.
As relacións van cambiando, desde que entrei no club moita xente vaise, outra entra, pero conservo dous bos amigos e foron orixinados no club. Un segue remando que é Diego, e outro compañeiro meu é Manu, quen tamén remou a nivel nacional. Son dos que maior apoio recibo, non só deportivamente, tamén persoalmente.
Hai valores que che transmite calquera deporte, compañeirismo sobre todo en piragüismo. A pesar de que agora vou remar só, é un deporte de equipo. Remei selectivos e competicións internacionais en equipo. Fortaléceche ese traballo en equipo e valores como a constancia. Tamén che ensina a fracasar ás veces.
– Que lle aportou o piragüismo a Pablo Crespo durante todo estes anos?
Boa pregunta. Diríache que disciplina.
En certas idades, as compañías dunha persoa tenden a zonas nas que non deberías estar. O deporte foi o encargado de manterme baixo control nese aspecto. Non te podes permitir certas cousas, se tes que adestrar ao día seguinte non podes facer o parvo ata as tantas.
O deporte mantívome nunha vida boa cos pés no chan e ensinoume que se queres algo tes que traballalo. Hai valores que che transmite calquera deporte, compañeirismo sobre todo en piragüismo. A pesar de que agora vou remar só, é un deporte de equipo. Remei selectivos e competicións internacionais en equipo. Fortaléceche ese traballo en equipo e valores como a constancia. Tamén che ensina a fracasar ás veces. O deporte en xeral como concepto, para o meu gusto, todo o mundo debería facelo.