- Sabiamos que estabamos capacitados para facelo, pero tamén que teriamos que loitar e sufrir para conseguilo, que ninguén ía regalar nada
- Hai que ser conscientes de que no deporte para conseguir unha vitoria moitas veces hai moitas derrotas
- O equipo español era consciente de que Tamara Echegoyen era unha referencia de como facer as cousas ben e como traballar
Antes de Tokyo 2020, o vigués Nico Rodríguez xa coñecía a sensación de subir ao podio. Nos últimos catro anos, o regatista acumulou medallas de Europeos e Mundiais, pero faltaba o metal olímpico. Despois dunha dura travesía, o galego e o seu compañeiro Jordi Xammar cumpriron o seu soño, e subiron ao olimpo para colgarse a medalla de bronce no 470.
Esta foi a túa primeira experiencia como olímpico. Como a viviches?
A verdade é que calquera cousa que me dixeran antes non ten nada que ver coa experiencia vivida en persoa porque creo que é algo moi bonito. É unha experiencia brutal e unha experiencia de vida, pero tamén moi persoal. Todo o que supoñen uns Xogos Olímpicos, todos os anos de traballo, só o sabes ti realmente, todo o que viviches co teu equipo e coa túa xente. Entón, creo que ao final todo iso e mais estar alí e poder loitar polas medallas fai unha combinación moi especial que creo que é moi persoal. É algo inesquecible pero persoal.
Xa chegabas con éxitos previos, pero agardabas acadar a medalla?
A verdade é que gañaramos o dereito desa presión, de ser conscientes de que podiamos optar ás medallas e o obxectivo real do equipo era volver cunha medalla. Sabiamos que estabamos capacitados para facelo, pero tamén que teriamos que loitar e sufrir para conseguilo, que ninguén ía regalar nada. Pero si, o obxectivo era colgar a medalla, sen dúbida.
Que sentiches cando colgaches o bronce do pescozo xunto ao teu compañeiro Jordi Xammar?
O primeiro é unha liberación brutal. De quitar un peso de enriba. Como dixera, son moitos anos traballando, é unha vida, é o soño da túa vida e polo camiño hai moitas decisións, moitos sacrificios e moito traballo. A consecución de todas esas cousas xuntas e facer realidade o soño da túa vida é algo fantástico e indescritible. Creo que é o mellor día da miña vida e sen dúbida irrepetible.
Xa pasou máis dun mes desde que rematastes en terceira posición no 470, co tempo estás a valorar máis a vosa fazaña?
Sen dúbida. Creo que co tempo valórase moito máis. Onte estiven a falar coa miña moza e preguntábame, cres que es consciente realmente do que acadaches? E non sei moi ben, foi un mes moi intenso, con moitas cousas, pero temos a medalla. E é brutal.
Cales foron as claves para chegar ao podio olímpico?
Son moitas cousas. Pero sen dúbida rodearse dun moi bo equipo é fundamental, tanto o compañeiro como o resto de integrantes do equipo, como os preparadores, fisios, médicos, adestradores, psicólogo. Na Federación hai moita xente detrás que está a traballar. Toda a xente que botou unha man no proxecto. Creo que unha das claves é toda esa xente que puxo o gran de area para que ti poidas estar ese día nas mellores condicións posibles e loitando polo teu soño. Sen dúbida é fundamental.
Para chegar tan alto hai que renunciar a moitas cousas, pagou a pena?
Sen dúbida. Un día como o 4 de agosto esfórzaste para un ciclo máis e é fantástico. Decátaste de que os sacrificios e as cousas pagan a pena, pero hai que ser conscientes de que no deporte para conseguir unha vitoria moitas veces hai moitas derrotas. Sen dúbida, acadar unha vitoria é brutal, pero tamén hai que ser conscientes de que outras veces non é así e é parte do deporte.
Os seguintes Xogos están máis preto que de costume, pero antes de París 2024, que novos retos tes?
Agora mesmo estou intentando poñer un pouco de orde na miña vida para ver que fago no futuro. Teño 100% claro que quero seguir no equipo olímpico, quero loitar por París e por estar nun proxecto no que poida loitar polas medallas tamén. O reto que me propoño é construír o mellor equipo posible para afrontar un novo ciclo olímpico nas mellores condicións e despois no persoal gustaríame nadar nun equipo profesional e compaxinalo nalgunhas datas moi concretas, pero iso xa é a nivel persoal. Creo que París ten que ser con maiúsculas o obxectivo.
A vela é un deporte con ampla presenza galega e feminina. Creciches con algunha muller como referente neste deporte. A que compañeiras admiras?
Home, teño moi claro que a Tamara Echegoyen, tanto para min como para o resto do equipo, Tamara era unha das líderes do equipo nestes Xogos Olímpicos nesta campaña, a parte de por ser medallista, a súa experiencia, todas as cousas que fixo na súa carreira, todos os valores e sacrificios que ten, demostra que con traballo e preserveranza se poden conseguir moitas cousas. Creo que o equipo español era consciente de que Tamara era unha referencia de como facer as cousas ben e como traballar. Sen dúbida, Tamareta foi moi importante.