Martin de la Puente, tenista
Martin de la Puente, tenista

Martín de la Puente Riobó: “Síntome listo para aceptar o reto, vou con todo”

  • Na miña familia xogamos todos ao tenis e estou feliz de poder desfrutar do deporte con eles.
  • En dobres temos unha parella moi sólida, tanto Dani Caverzaschi como eu podemos sorprender aos que están no alto da clasificación.
  • Aínda que o vivido en Río axudará para saber o que é estar nuns Xogos Paralímpicos, penso que estes van ser totalmente diferentes.

A pesar de ter só 22 anos Martín de la Puente Riobó (Vigo, 1999) xa é unha das figuras do tenis paralímpico nacional. O vigués ocupa o posto número 11 na clasificación mundial de tenis en cadeira de rodas, sendo este o lugar máis elevado que ocupa un deportista español nesta táboa. De Río, con 17 anos, trouxo un diploma. Para Tokyo, non pon límites.

Na túa primeira experiencia nos Xogos, en Río, conseguiches un diploma olímpico con só 17 anos. Cal é o obxectivo para Tokyo 2020?

Aínda que o vivido en Río axudará para saber o que é estar nuns Xogos Paralímpicos, penso que estes van ser totalmente diferentes. Estamos todos expectantes por saber como vai ser a semana porque, se es capaz de deixar as emocións a un lado e prepararte, podes optar a moitas máis cousas. Síntome listo para aceptar o reto, vou con todo, coas gañas de levar unha medalla para a casa pero consciente de que non sempre se pode gañar.

Martin de la Puente, tenista, nos xogos paralimpicos de Río
Martín de la Puente, tenista, nos xogos paralimpicos de Río

En que modalidade cres que podes ter máis opcións?

En dobres temos unha parella moi sólida, tanto Dani Caverzaschi como eu xogámolo moi ben e podemos sorprender aos que están no alto da clasificación. Aínda así, en individuais volvo a insistir en que tamén me vexo bastante preparado para aceptar o reto que nos van propor os Xogos.

A nivel individual, o xaponés Shingo Kunieda, número 1 do mundo, é para ti o favorito?

Si, sendo local sempre es favorito pero tamén terá esa responsabilidade engadida de querer facer as cousas ben por ser o número 1 do mundo e que os Xogos se celebren no teu país.

Tes 22 anos e ves de subir ao posto número 11 na clasificación mundial polo que semella que o teu teito está lonxe. Traballas para ser o número 1?

Traballo para mellorar e intento chegar o máis lonxe posible. Se conseguimos chegar ao número 1 sería un soño totalmente acadado, oxalá. De todos modos a clasificación é algo secundario porque depende moito dos resultados e ás veces non son xustos co que realmente dedicas ao deporte.

Martin de la Puente, tenista
O tenista Martín de la Puente, erguendo un trofeo

Os atletas galegos están tendo unha moi boa actuación nos Xogos, dá iso aínda máis gañas de estar xa competindo en Xapón neses mesmos espazos?

Un montón de gañas, non vou mentir. Apetece aínda máis estar aí, xogar e facelo o mellor posible.

Seguro que viviches con intensidade o partido que disputou Pablo Carreño ante Djokovic polo bronce.

Uns nervios ese día… Ao final Pablo conseguiu a vitoria ese día e oxalá nós poidamos vivir o mesmo.

Martin de la Puente, tenista, nos xogos paralimpicos de Río
Martín de la Puente, tenista, competindo nos xogos paralimpicos de Río

A burbulla, a ausencia de público nos estadios… todo isto inflúe para un deportista de élite?

Penso que si. De tódolos xeitos así é o deporte, non sempre se está preparado para todas as condicións e hai que ir pouco a pouco solucionando os problemas e adaptándose, semana a semana.

O teu irmán Antón é tenista, a túa irmá Helena tamén… ti que o podes ver con coñecemento de causa, o tenis é un espello onde mirarse sobre igualdade de xénero ou queda moito por traballar?

Creo que é un espello onde mirarse. É certo que as diferencias salariais están presentes pero prefiro fixarme nas similitudes. Na miña familia xogamos todos ao tenis e estou moi feliz de poder desfrutar deste deporte con eles, oxalá en todas as familias pase o mesmo.

Compartir en