María de Valdés, nadadora
María de Valdés, nadadora

María de Valdés: “Quedar fóra dos Xogos de Xapón fíxome máis forte a nivel mental e físico”

  • “A miña marcha para o Liceo era o momento clave para apuntar cara ao máis alto no mundo deportivo”
  • “Quérome centrar en desfrutar para poder dar o meu 100 % en París e facer a carreira da miña vida”

 

A de María de Valdés (Fuengirola, 1998) é unha historia de superación. Quedou fóra dos Xogos Olímpicos de Toquio 2020 pero, lonxe de quitarlle a motivación, serviulle como unha auténtica lección de vida. Tanto foi así, que como ela mesma recoñece, deulle máis forza. En febreiro de 2023, e despois de superar numerosos obstáculos como lesións e o falecemento do seu pai, converteuse en subcampioa mundial absoluta de 10 quilómetros en augas abertas.

A nadadora enfronta os Xogos de París cunha premisa clara: desfrutar desta experiencia. Un ingrediente que considera esencial para disputar a que será “a carreira da miña vida”.

Presentación do equipo olímpico de natación en augas abertas que competirá en París 2024 no Consello Superior de Deportes (CSD) / EFE - FERNANDO VILLAR
Presentación do equipo olímpico de natación en augas abertas que competirá en París 2024 no Consello Superior de Deportes (CSD) con María de Valdés no medio / EFE – FERNANDO VILLAR

– Naciches en Fuengirola pero levas varios anos instalada na Coruña, a cidade na que, segundo din, “ninguén é forasteiro”. Subscribes esta afirmación?

Totalmente. Desde o primeiro momento no que cheguei, foi unha cidade na que me recibiron cos brazos abertos. E iso é algo que agradezo porque non todo o mundo o fai. Levo xa anos aquí e estou moi a gusto.

– Podería dicirse que te sentes galega?

É que teño familia aquí, en Galicia. De feito, a miña nai é galega. Toda a miña familia por parte de nai é de aquí. Teño familia en Pontevedra, en Ferrol e ao final lévoo tamén no sangue e para a miña nai é un auténtico orgullo que poida estar aquí adestrando.

Teño familia aquí, en Galicia. De feito, a miña nai é galega. Toda a miña familia por parte de nai é de aquí. Teño familia en Pontevedra, en Ferrol.

– Como foi a túa chegada ao Club Liceo?

De pequena estiven no club da miña cidade e déuseme a oportunidade de ir para o Club Liceo da Coruña co meu adestrador. Cando recibín a nova, sabía que había unha parte boa, pero tamén outra mala porque ía supor marchar da miña casa e eu sempre fun moi familiar. Pero creo que era o momento clave para poder apuntar cara ao máis alto no mundo deportivo. Fíxeno cos ollos pechados e sabendo que se algo ía mal, tería a oportunidade de volver á miña cidade sen problema.

O primeiro ano que estiven na Coruña paseino un pouco mal porque estaba lonxe de toda a miña xente e non coñecía a ninguén. Porén, creo que iso me fixo madurar e medrar en moitos aspectos e medrar, tanto a nivel persoal como a nivel deportivo. A día de hoxe estou moi orgullosa do paso que dei.

– Estás estudando tamén a carreira de Psicoloxía. Como a compaxinas xunto coa túa carreira deportiva?

Levo dous anos estudando na Universidad Católica San Antonio de Murcia (UCAM). Agora, entre unha serie de circunstancias persoais e os Xogos Olímpicos téñoa apartada, pero quero retomala para o ano que vén. É unha carreira que me interesa moito e encantaríame poder axudar os deportistas que puidesen sufrir o que cheguei a sufrir eu.

– Dirías que ese coñecemento e interese pola Psicoloxía che axuda a nivel deportivo?

É certo que non levo moito, só dous anos, pero adoito fixarme moito en todas as materias porque hai moitas cousas que me poden axudar. Estou aprendendo bastante e creo que me vai vir ben de cara ao futuro.

María de Valdés: “O vivido en 2023 tívome en shock”

– O 2023 foi doce a nivel profesional, xa que foi cando te convertiches en subcampioa do mundo de 10 quilómetros en augas abertas, pero tamén foi un ano amargo a nivel persoal tras o falecemento do teu pai. Chegar a ese nivel deportivo é incrible, pero facelo sobrepoñéndose a este tipo de situacións ten moito mérito…

A día de hoxe, sigo sen asimilalo. Nese momento estiven en shock e axudáronme moito a miña psicóloga, a miña familia, as miñas amigas e o meu adestrador. Todo o mundo ao meu redor me apoiou para intentar conseguir o obxectivo que aínda me faltaba. Todo pasou dous meses antes de conseguir o mundial e, claro, quería deixalo todo. Non quería saber nada da natación nin de ninguén. Estaba encerrada nunha burbulla. Pouco a pouco fun tendo a cabeza máis fría, pero a día de hoxe non sei como o fixen. É algo que ninguén espera e que resulta moi difícil de aceptar.

– O teu obxectivo era conseguir unha praza nos Xogos Olímpicos 2024. Primeiro paso, desbloqueado. Cal é o teu obxectivo unha vez que estás en París 2024?

Todo o mundo que me fala xa pensa na medalla e, ao final, son palabras maiores. Se sigo traballando nesta mesma liña, centrada e pensando en desfrutar, creo que sairán bos resultados. Quérome quedar con iso para poder dar o meu 100 % e facer a carreira da miña vida. Quero conseguir o mellor resultado para Andalucía, Galicia e España.

María de Valdés, nadadora
María de Valdés, nadadora

 

– E que outra meta te marcas despois dos Xogos?

Ao rematar os Xogos vou necesitar uns meses de asimilación e tamén de desconexión. Despois, gustaríame volver con ganas e ilusión para comezar a tempada que vén do mellor xeito. Encantaríame seguir traballando e chegar a Os Ánxeles.

Todo o mundo que me fala xa pensa na medalla e, ao final, son palabras maiores. Se sigo traballando nesta mesma liña, centrada e pensando en desfrutar, creo que sairán bos resultados. Quérome quedar con iso para poder dar o meu 100 % e facer a carreira da miña vida. Quero conseguir o mellor resultado para Andalucía, Galicia e España.

– Para que todos poidamos facernos unha idea, cal é o teu adestramento diario para prepararte para París?

Agora mesmo estamos sometidos a un día a día con moita presión. Temos que estar moi centrados e non paramos da mañá á noite. Erguémonos ás 7.00 horas e imos adestrar ás 8.00 horas. Facemos unha sesión dunha hora ou hora e media de ximnasia e, despois, temos xa a sesión de auga de dúas horas e media. Ao rematar, descansamos, comemos e, pola tarde, tócanos outra sesión de auga de dúas horas e media, outra media hora de core, preparación de ombro, etc.

Estamos todo o día ocupados, pero unha vez que te metes en rutina faise moito máis ameno e, ao final, pensas no obxectivo, que son os Xogos Olímpicos.

– En moitas entrevistas falaches de manter os pés na terra, da humildade e de gozar do que fas, dirías que son os teus mantras para afrontar os Xogos de París?

O que me gusta dicir e no que penso realmente é que non quero someterme a ningunha presión de máis. Bastante presión temos xa por conseguir os resultados, e somos os primeiros que queremos facelo o mellor posible. O primordial é desfrutalo, e creo que só así sairán as cousas.

– Estamos acostumados a ver competicións de natación en piscina, pero en augas abertas é completamente diferente. Que diferenzas hai entre unha disciplina e outra?

Hai bastantes diferenzas. Augas abertas é no mar, e estás condicionado polo clima, por como está a auga, polos animais que poden estar dentro e mesmo polas persoas, xa que non vas ti soa, senón que van moitas outras persoas ao teu carón. Un golpe co cóbado ou un mal xiro de boia condiciónache a carreira. En natación na piscina es ti e o cronómetro.

María de Valdés, nadadora
María de Valdés, nadadora

 

– Acabas de dicir que a meteoroloxía e a auga condicionan, e moito, o resultado. Manéxaste mellor nalgunha circunstancia en particular?

Adóitame gustar máis nadar en augas que non estean moi frías e nas que non haxa moita ondada. Pero a medida que vou medrando estoume afacendo a calquera circunstancia que haxa. En augas abertas pódeche tocar un día con ondada ou cun mar en calma, como se estiveses nunha piscina. Sabes que te podes atopar con calquera escenario e tes que estar preparada para o que che poida vir.

Augas abertas é no mar, e estás condicionado polo clima, por como está a auga, polos animais que poden estar dentro e mesmo polas persoas, xa que non vas ti soa, senón que van moitas outras persoas ao teu carón. Un golpe co cóbado ou un mal xiro de boia condiciónache a carreira. En natación na piscina es ti e o cronómetro.

– Quedaches ás portas dos Xogos Olímpicos de Toquio. Coa vista posta en París 2024, como lembras ese momento?

Foi moi duro, pero agora que o penso, creo que me veu ben. Souben erguerme dese duro golpe e creo que me fixo máis forte, tanto mental como física. Grazas a iso, creo que puiden conseguir ese resultado da clasificación e ese subcampionato do mundo, o meu mellor resultado a nivel deportivo.

Presentación do equipo olímpico de natación que competirá en París 2024 no Consello Superior de Deportes (CSD) / EFE - FERNANDO VILLAR
Presentación do equipo olímpico de natación que competirá en París 2024 no Consello Superior de Deportes (CSD) / EFE – FERNANDO VILLAR
Compartir en