María Bernabeu - Sabau Gabriela - INTERNATIONAL JUDO FEDERATION
María Bernabeu - Sabau Gabriela - INTERNATIONAL JUDO FEDERATION

María Bernabéu: “Os Xogos Olímpicos son importantes, pero desde Río 2016, sei que o mundo non acaba aí”

  • No judo non hai un valor adicional que se aprenda, senón que se aprenden todos os valores, respecto humildade, disciplina… é o pack completo
  • No confinamento adestraba no garaxe común, sen pesas nin nada, tiña gomas, unhas escaleiras e pouco máis. Con imaxinación puiden adestrar diariamente. Foi un xeito de parar e recapacitar.

Cando en Río quedou ás portas da medalla, María Bernabéu aprendeu algo que agora traslada nesta entrevista, que uns xogos olímpicos son unha competición moi importante, pero que “o mundo non acaba aí”. Máis madura, con máis táboas e disposta a desfrutar de cada segundo sobre o tatami, esta judoka non se pon límites. “Non sei se á segunda vai a vencida”, di, “pero teño claro que vou pelexar”.

A primeira pregunta é inevitable, de onde che vén a túa paixón polo judo?

Empecei judo porque a miña nai me anotou cando tiña uns cinco ou seis anos. A verdade é que non quería facelo, o que quería facer, realmente, era patinaxe artística. Obrigoume dalgún xeito e, ao final, aprendín a ter esa paixón co tempo. Aprendín xogando, foime gustando e así cheguei a día de hoxe.

Máis aló da aprendizaxe puramente deportiva, todas as disciplinas achegan uns valores, hai algún valor adicional que se adquira no judo con respecto a outras modalidades?

No judo non hai un valor adicional que se aprenda, senón que se aprenden todos os valores. É un deporte que nace en Xapón e xa sabemos que a cultura xaponesa baséase no respecto, nos valores e na disciplina. Eu creo que o judo é o pack completo. Con el podemos aprender de todo… No momento en que tes que saudar ao teu rival antes de combater con el, o respecto que hai de cara á túa sala de adestramento e ao teu adestrador. A humildade, a disciplina… Eu creo que este deporte engloba case todos os valores que se poden imaxinar.

María Bernabeu - Sabau Gabriela - INTERNATIONAL JUDO FEDERATION
María Bernabéu – Sabau Gabriela – INTERNATIONAL JUDO FEDERATION

O 2020 foi un ano especialmente duro para os e as deportistas, como foi o teu día a día no confinamento? Crees que o feito de practicar deporte de xeito diario puido ser unha vantaxe?

O confinamento foi moi duro, a verdade. Eu adestraba no garaxe que, ademais, era común, e non tiña pesas nin nada. Tiñamos gomas, unhas escaleiras e pouco máis. Con imaxinación puiden adestrar diariamente, e foi duro, pero tamén foi un xeito de parar (aínda que fose de xeito obrigatorio) e de recapacitar. No meu caso ía todo moi rápido, a clasificación foi moi rápida e todo se me viña enriba. Poder parar uns meses e recapacitar veume moi ben. Tamén me veu ben para esas lesións nas que che doe todo o corpo e nas que, aínda así, nunca paras. Eses meses servíronme para recuperarme completamente.

Tes xa unha primeira experiencia nos Xogos Olímpicos, posto que participaches en Río 2016, rozando, ademais, a medalla, á segunda vai a vencida?

Non sei se á segunda vai a vencida, pero teño claro que o vou pelexar. O bo é que teño unha experiencia. Xa é todo coñecido e sei o que vai pasar. A experiencia é o que che axuda a que esteas máis estable. Eu vouno pelexar, vouno dar todo como nunca e, ao final, se á segunda vai a vencida, pois que así sexa. O que busco é dar o mellor de min mesma en cada segundo que pase no tatami olímpico.

“A experiencia de ter competido nos Xogos de Río axúdache a que esteas máis estable. Eu vouno pelexar, vouno dar todo como nunca e, ao final, se á segunda vai a vencida, pois que así sexa. Pero o que busco é dar o mellor de min mesma en cada segundo que pase no ‘tatami’ olímpico”

Con respecto a Río 2016, adoptaches algún cambio nas túas rutinas e adestramentos para mellorar os resultados nestes Xogos Olímpicos?

O cambio principal que fixen desde Río 2016 foi o mental. Creo que nos Xogos sempre se ve como ou todo ou nada. Era como “aquí remata o mundo” e tras os Xogos non había un “despois”. Estes cinco anos servíronme para, mentalmente, analizalo ben, adestrar a mente e ver que é unha competición. Claro que é importante, pero o mundo non acaba aí.

O importante é dar o mellor de min, traballar duro para prepararme para ese día e xa está. Cambiei, sobre todo, a perspectiva de como enfrontarme a uns Xogos Olímpicos. Eu creo que estou moito máis preparada que en Río, teño moitas máis táboas e todo o que veña a partir de agora levareino cunha mellor actitude.

Despois de participar nestes Xogos Olímpicos, que metas te marcas a medio e a longo prazo?

Despois destes Xogos Olímpicos, vacacións. Ese é o primeiro obxectivo. Estes son os meus últimos Xogos Olímpicos, pero igual fago algún europeo ou mundial a medio-curto prazo. O primeiro que farei será descansar para afrontar aqueles retos que me apeteza facer e, sobre todo, desfrutalos.

Falabamos de que o 2020 foi un ano difícil, pero este ano creo que tamén estivestes sometidos a unha gran incerteza polos Xogos Olímpicos, como o viviches?

Creo que un dos grandes inconvenientes para os deportistas é, precisamente, incerteza. Sempre o temos todo preparado (datas, horarios, adestramentos) e cando hai incerteza é un pouco complicado. Non sabiamos se se ían realizar ou non os Xogos Olímpicos. Estaba adestrando e competindo na clasificación, pero vou chegar o obxectivo final? Nesta situación tes que enfocarte no día a día. Iso foi o que fixen eu. Non sei que vai pasar dentro duns meses pero día a día fago o que me toca e xa está, e sempre coa mellor actitude e preparada para o que poida vir.

“Un dos grandes inconvenientes para os deportistas é, precisamente, incerteza. Sempre o temos todo preparado (datas, horarios, adestramentos) e cando hai incerteza é un pouco complicado”, di con respecto as dúbidas sobre se habería ou non XX.OO.

A COVID-19 suporá tamén un cambio na celebración dos propios Xogos Olímpicos. De feito, non haberá público. Cres que a ausencia das persoas asistentes pode afectarche dalgún xeito?

A min, persoalmente, non me afecta. Nun deporte individual como o judo, só estás ti e ti e tes que darte caña. Non me afecta á hora de render e competir. Dáme moita pena, iso si, porque ían vir familiares e non van poder estar. Esa é a maior pena que teño, non poder esta experiencia con eles.

Hai algún ritual ou tradición que teñas antes das probas e competicións e que poidas compartir connosco?

Non teño ningunha tradición ou ritual. O importante é estar relaxada e tranquila nos días previos. Eu son unha persoa de fe que cre en Deus, polo que me dedico a rezar e a falar con xente que me dá confianza e tranquilidade. Non se trata de illarte, pero si que é verdade é que vou ao meu aire, estou en paz e iso si que pode ser o meu “ritual”. Ter equilibrio, mente, corazón e espírito e ir a tope a polo que teña que vir.

Compartir en