María Araújo / FEB
María Araújo / FEB

María Araújo: “A nosa esencia este ano vai ser a solidez defensiva para poder correr e ser alegres en ataque”

  • “Xogaremos 12 pero son moitas que por lesión se perden isto”.
  • “Lonxe de Galicia bótase de menos a comida, pero sobre todo as persoas”.

 

A viguesa María Araújo ten o baloncesto no sangue. A súa nai, Ángeles, foi tamén xogadora e tamén na Selección Española absoluta. Os de París serán os seus primeiros Xogos Olímpicos. Estivo no equipo do Uni Ferrol durante tres temporadas, debutando ademais en LF. Actualmente milita no Çukurova de Turquía.

– Como está indo a preparación a nivel físico?

Está marchando ben. É esixente, que é o que se merecen uns Xogos Olímpicos, pero podemos estar contentas. Está sendo unha preparación longa e con moitas ganas de comezar a competición.

– Se falamos do 1 de marzo de 2023, seguro que se che veñen á cabeza vivencias polas que non quixeses pasar xamais. Agora, cuns Xogos ás portas, rexurdindo dunha grave lesión, como cambiou a cousa.

Eu sempre, desde que me lesionei, tiven este obxectivo. Traballar ao máximo posible para poder pelexar para estar no grupo destas 12 xogadoras. Estou moi orgullosa do traballo físico e mental que levo feito para poder desfrutar agora dos meus primeiros Xogos.

– Como foi a adaptación á liga turca, aos costumes do país?

Sempre digo que entre que cheguei, me adaptei e marchei, fíxoseme moi curtiño. Estiven xogando dous meses e medio e as experiencias foron moi positivas. Xogamos todas as finais, tivemos Final Four, final da liga turca. É certo que é un tipo de competición diferente e unha cultura moi distinta, pero trátannos moi ben.

É un club que está moi profesionalizado, que nos coidan moito. Eu era tamén o que buscaba a nivel de xeonllo. Temos dous fisioterapeutas, masaxista… Era o que necesitaba e tamén foi un reto. Irse fóra saíndo dunha lesión como a miña, pois era un reto dobre.

Pero tiña ganas de cambiar de aires despois de todo polo que pasei. Quédame moito, teño toda a vindeira tempada para saber o que é estar fóra, en Turquía, e por agora moi leda, non me podo queixar. 

María Araújo / FEB
María Araújo / FEB

– China, Turquía ou Canadá foron algúns dos encontros de preparación de cara a París. Estamos vendo unha selección moi sólida, sobre todo a nivel defensivo. 

Eu creo que a nosa esencia este ano vai ser a solidez atrás para poder correr e logo en ataque ter un xogo alegre. O que di sempre Miguel, ao mellor non somos nin as máis altas, nin as máis físicas, nin as máis fortes, pero coa nosa intelixencia e o talento, sumado ao saber estar e unha boa defensa, será o que nos dea esa ‘chispa’ para, en ataque, atopar os nosos tiros. E se queremos competir contra calquera equipo, temos que conseguir que os marcadores sexan controlados e contar cunha boa defensa.

María Araújo: “Vivir os Xogos coas persoas que queres faino especial”

– París é a cidade da luz, e se lle sumas uns Xogos Olímpicos, de seguro que será unha experiencia marabillosa.

Sobre todo a min gústame que sexa París porque é unha cidade que está preto, entón nas bancadas imos ter familia e amizades. Compartir uns Xogos Olímpicos coas persoas que queres e que te apoiaron durante toda a túa carreira deportiva, faino súper especial. París é unha cidade moi bonita e será especial vivilo alí.

– Sen dúbida botaremos en falta a Silvia, Raquel ou Cristina. É unha motivación engadida poder dedicarlles un bo campionato a elas tamén?

Sempre o dicimos, aquí imos 12 pero hai moito traballo detrás, de moita xente. Todas as rapazas que nos axudaron durante a concentración. Ao final xogaremos 12 pero son moitas que por lesión se perden isto. O traballo vai moito máis alá do que se ve. O que se fala sempre do staff, dun soño compartido, que ao final é o bonito do baloncesto. 

– Despois de París, tocará sen dúbida un merecido descanso. Quizais en Galicia? 

Eu teño sorte, porque creo que algunhas das que están aquí teñen menos días. Como o meu adestrador é seleccionador de Canadá, creo que nos deixará ata o 1 de setembro. Farase curto ao final, quererei desconectar pero tampouco perder a forma. Pasarei pola casa, ademais teño unha pequena viaxe coa familia e si, desfrutarei de Galicia.  

– Que é o que máis botas de menos de Galicia? 

Eu creo que ao final é a miña xente. A familia, os amigos. A comida sempre tira para a casa (risas) cando te vas lonxe, pero ao final, se me teño que quedar con algo, digo as persoas.

Compartir en