- O xogador mugardés de 25 anos Manuel Lorenzo afronta xa os seus segundos Xogos Paralímpicos e soña con repetir unha canastra gañadora como a que fixo na Liga de Escolas de 2019.
A xeración dourada do baloncesto en cadeira de rodas masculino español chega a París con ganas de mellorar a cuarta praza obtida en Toquio. Neste grupo hai un galego, o mugardés Manuel Lorenzo (1999), que con só 25 anos acode á súa segunda cita paralímpica. Na súa curta pero meteórica traxectoria, só queda unha medalla nos Xogos para completar o ciclo de grandes torneos, un logro ao que só chegan uns poucos privilexiados e que buscará sumar ao seu palmarés en París.
Comezou a xogar con 9 anos en Ferrol e aos 14 xa estaba xogando contra adultos na segunda división nacional. Agora agradece poder vivir do deporte que ama e ao que lle dedica todo o seu esforzo, unha das súas principais virtudes. El mesmo afirma que a derrota é a mellor aprendizaxe, aínda que espera volver de París cun metal colgado do pescozo.
– Xa son os teus segundos Xogos Paralímpicos e iso que só tes 25 anos. Como afrontas esta experiencia e que cambiou de Toquio a París?
Pois cambiou que estes xa son os segundos. Isto implica máis experiencia, menos nervios… aínda que sigo tendo. Ao final non deixan de ser uns Xogos Paralímpicos, que só suceden cada catro anos. O único cambio importante é que os xogadores máis novos que imos xa temos máis experiencia e estamos máis tranquilos e máis motivados ca nunca. O grupo de 12 que estamos é moi, moi forte. Se xa en Toquio tiñamos moitas posibilidades, este ano incluso máis. Todos os xogadores están a xogar na liga española, a mellor do mundo, moitos gañaron Champions e moitos outros trofeos e este ano estamos moito máis preparados.
Manuel Lorenzo: “En París queremos medalla”
– En Toquio acadastes un diploma olímpico como cuartos clasificados. Este ano ides por medalla, non?
Iso é o que queremos.
– E a nivel persoal, que cambiou en ti? Es unha persoa e un xogador diferente?
Creo que hoxe son mellor que entón. Só por estar xogando cos mellores, ti mesmo evolucionas. Aprendes moitas cousas vendo partidos, adestrando… e tamén estou nun moi bo equipo, podendo adestrar e mellorar cada día. Ademais, este ano tiven a sorte de compartir vestiario co que é considerado o mellor xogador do mundo, Patrick Anderson, un xogador canadense. É, por así dicilo, o que sería un Michael Jordan na NBA. Que estea no teu equipo é un regalo. Cando me dixeron que viña a Bilbao pensei que era unha broma. Foi unha experiencia incrible compartir unha tempada enteira con el e aprendín moito ao seu carón.
Creo que hoxe son mellor que en Toquio. Só por estar xogando cos mellores, ti mesmo evolucionas. Aprendes moitas cousas vendo partidos, adestrando… e tamén estou nun moi bo equipo, podendo adestrar e mellorar cada día.
– Compartir o día a día cos mellores e escoitar os seus consellos, esa é unha boa base para mellorar.
Si, e que cho poñan difícil incluso nos adestramentos. Se ves que che gañan seguido ti mesmo te obrigas a mellorar e a apertar. Penso que perdendo é como máis se aprende. Cando perdes e te esforzas por mellorar é cando máis aprendes. Se sempre gañas pode que non mellores nada.
– Ti xa sabes o que é ser decisivo en finais. Fas a canastra gañadora para a Liga de Escolas en 2019. Imaxinaches facelo nunha final olímpica?
Si. Algunha noite tiven un soño así, metendo a canastra gañadora nun partido importante.
– Recordas como foi aquel momento e pensaches en repetilo?
O momento foi inesperado. Nesa liga iamos coa idea de que xogasen os rapaces máis pequenos. Nós xa eramos máis maiores, era o noso último ano. Pero para que non lles desen unha malleira a todos os nenos, que para moitos era a súa primeira vez, e para axudalos un pouco fomos nós tamén. Así, fomos xogando e xogando ata chegar á final.
– E como foi?
Para isto temos que explicar un pouco como funcionan as normas. No baloncesto en cadeira de rodas, dependendo do grao de discapacidade que teñas, asígnanche unha puntuación, que pode ir de 1 (que é o máximo grao de discapacidade) ata 4,5. Eu, por exemplo, polo meu grao de discapacidade, son un 3.
Nos torneos escolares hai unha norma que di que un xogador non pode xogar dous cuartos seguidos. Entón ese ano tiñamos o problema de que só tiñamos un xogador que puntuase 1, polo que non tiñamos cambios para el. A única solución que tiñamos era que o expulsasen no segundo cuarto e xogar con 4. Preguntámoslle ao rapaz na final que quería facer, se xogala enteira aínda que nos descualificarsen ou ir a gañar. E escolleu o segundo. Montamos unha estratexia para iso e, por sorte, tiven o último tiro e o balón quixo entrar.
– Marchaches de Ferrol moi novo.
Si, con 14 anos.
– Imaxino que non tivo que ser doado, sobre todo nun deporte así. Por certo, pódese vivir do baloncesto en cadeira de rodas?
Non é como o fútbol, evidentemente, pero eu estou vivindo disto. De momento só me dedico a isto, pero xa estou pensando en estudar para facer outras cousas. Se ben é certo que neste deporte as carreiras si son máis extensas que en moitos outros. Patrick Anderson, por exemplo, ten 44 anos, se non me equivoco.
– E segue a ser o mellor.
Si, para min si. O caso, podes vivir e levar unha vida normal. Os mellores do mundo poden estar nos 5.000 euros ao mes.
Pero podes manterte perfectamente aínda que non sexas o mellor do mundo.
Si. Non terás os luxos dos futbolistas, pero podes levar unha vida completamente normal vivindo do baloncesto en cadeira de rodas.
– Como foron eses comezos? Que lle dirías a aquel Manu que marchou de Ferrol con 14 anos? Tiñas medo, ilusión?
Comecei a xogar con nove anos. Primeiro empezou meu irmán. A historia é curiosa, porque estabamos nunha festa de aniversario e o que era o presidente de Basketmi Ferrol viume xogar. O caso foi que se confundiu e faloulle a meu irmán, e por iso comezou el antes, pero só unha semana ou algo así. Despois insistiume en que tiña que probar e fun. E dende aquela comecei a xogar. Parece ser que o adestrador, ao verme, pensou que tiña futuro nisto. Aos 14 anos foi cando me chamou Vigo e a verdade é que estaba moi emocionado e non tiña nada de medo. Só pensaba en voume, voume, voume.
Si é certo que cando cheguei a Vigo entrei nunha residencia de estudantes universitarios. Todos e todas tiñan 18, 19, 20 anos e non había ninguén da miña idade. Eses primeiros tempos si foron duros, porque estaba só, sen meus pais… baixaba almorzar e non falaba con ninguén… Pero, co tempo, moitos foron os que me acolleron e se xuntaron comigo. Ao final paseino ben. Ademais, despois dese primeiro mes ou mes e medio xa empecei no instituto e estaba cos amigos da clase e todo foi moito mellor. Por sorte nunca tiven problemas para coñecer xente e facer amizades.
Non terás os luxos dos futbolistas, pero podes levar unha vida completamente normal vivindo do baloncesto en cadeira de rodas.
– Por último, volvendo á competición, como a afrontades como grupo? Ides con máis confianza que a última vez?
Si, eu penso que si. Por iso que falabamos antes da experiencia. Agora quédannos uns meses de adestramento que serán moi importantes. Aínda que os adestramentos son pola nosa conta, porque por temas de orzamento é o que hai e xuntámonos cando podemos. Pero a xente está moi comprometida.
– Non sei se xa tedes grupo de WhatsApp e se xa se fan bromas sobre conseguir medalla.
Si, xa temos grupo e, coma en todos os grupos, sempre se fan este tipo de bromas. Oxalá.