Manuel Lorenzo - Bilbao BSR
Manuel Lorenzo - Bilbao BSR

Manuel Lorenzo “Estou moi agradecido co adestrador por darme a oportunidade, pero tamén comigo mesmo por seguir esforzándome para conseguir o meu soño”

  • “Tiven algúns problemas aos 14 anos ao saír da casa moi cedo polo baloncesto. Tiña gañas de deixalo, pero miña nai e meu irmán dixéronme que aguantase”.
  • “Cando estea no partido vou pensar que é un adestramento máis, que é un partido máis”.
  • “Espero marcar un antes e despois na miña vida deportiva, facerme un nome xa no baloncesto en cadeira de rodas”.

Manuel Lorenzo ten tan só 21 anos e xa é un dos xogadores elexidos para formar parte do equipo española de baloncesto en cadeira de rodas para os paralímpicos de Tokyo 2020. Galicia aporta nada menos que tres efectivos nesta disciplina. Ademais do propio Manuel Lorenzo estarán Vicky Alonso e Agustín Alejos.

Colleitaches grandes éxitos estes anos e estes xogos de Tokyo 2020 son xa un deles. Como te sentiches ao enterarte de que foras seleccionado para formar parte da Selección Española de baloncesto? 

Síntome moi ben, moi agradecido co adestrador por darme a oportunidade, pero tamén comigo mesmo por seguir esforzándome máis e máis para conseguir o soño que calquera deportista ten de pequeno.

Estou orgulloso de toda a xente que me rodea e de todo o ánimo que me están dando. Estou moi agradecido.

Cal é a túa principal motivación para a práctica desta disciplina deportiva?

Un pouco inflúe miña nai porque dende pequeno ela doume motivación en todo. Empecei tamén grazas a meu irmán, que ten a mesma minusvalía ca min. 

Tiven algúns problemas aos 14 anos porque saín da casa moi cedo polo baloncesto. Fun a Vigo a xogar alí, fóra da casa. Vivía nunha residencia de estudantes e os primeiros meses foron moi duros. A verdade é que tiña gañas de deixalo, pero aí estivo miña nai. Díxome que aguantase, igual ca meu irmán. Ao final, grazas a eles, sigo aquí e por fin cheguei ao meu soño. 

Como te preparas para este novo reto, física e mentalmente?

Falando moito con outra xente, esquecendo “onde me vou meter” para non meterme nervios de máis. Sei que no primeiro partido vou estar con moitos nervios, con medo, sabendo que teño que facelo ben, pero agora non penso iso. Sei que o vou facer ben. Cando estea no partido vou pensar que é un adestramento máis, que é un partido máis, senón, ao final, teño 21 anos, a presión é a presión. Son uns Xogos Paralímpicos, os meus primeiros xogos, e nervioso, evidentemente, vou estar.

Cal é o teu obxectivo en Tokio 2020? No persoal, e como equipo.

O meu obxectivo é conseguir medalla, sexa cal sexa. Evidentemente, mellor a de ouro. 

No persoal, espero marcar un antes e despois na miña vida deportiva, facerme un nome xa no baloncesto en cadeira de rodas. Como equipo supoño que todos temos o mesmo obxectivo: medalla.

Selección Española de baloncesto en cadeira de rodas con Alejos e Lorenzo - PARALIMPICOS
Selección Española de baloncesto en cadeira de rodas con Alejos e Lorenzo – PARALIMPICOS

Ano tras ano vemos como o número de deportistas femininas aumenta en todas as disciplinas. No baloncesto, cres que as xogadoras contan coa mesma visibilidade e apoio á hora de competir ca os xogadores masculinos? 

A verdade é que non creo que conten coa mesma visibilidade ca os xogadores masculinos.

Para min si que teñen que ter a mesma porque ao final este é un deporte ao que pode xogar todo o mundo e diso se trata. Ten que ter a mesma visibilidade todo o mundo.

Que valores aporta o baloncesto e como cres que pode axudar en materia de igualdade?

Parece que non, pero o baloncesto facilítache meterte na vida dos demais, aprender a ser máis honesto. Eu teño unha enfermidade coa que podo camiñar, un pouco mal, pero vou na cadeira por comodidade, pero hai xente que non pode e dis “bueno, hai xente que está peor ca min”. Ao final axuda. Faiche pensar máis nos demais. Así non hai tanta discriminación social. 

A práctica do deporte a alto nivel é dura en canto a esixencias, na túa disciplina o deporte é profesional ou amateur?

Comecei amateur e aos 14 anos xa se volveu profesional. Non sei se foi o problema que comentei antes, cando me agobiei, porque ao fin e ao cabo de amateur estaba na miña casa, cos meus amigos e familia. O equipo era unha pandilla de amigos e pasábao mellor. Ao final mudeime a Vigo, a un equipo profesional, cos seus contratos e números, pero agora xa estou acostumbrado e teño decidido que é o meu traballo.

Compartir en