Manu Ochoa competirá na disciplina de caiac cros en París 2024
Manu Ochoa competirá na disciplina de caiac cros en París 2024

Manu Ochoa: “Quero que a xente vexa onde chegou un deportista de club humilde”

  • O padexeiro Manu Ochoa terá a honra de ser o primeiro tomiñés en participar nuns Xogos Olímpicos.

 

O de Manu Ochoa é o perfecto exemplo de que con esforzo, sacrificio e dedicación podes chegar ás cotas máis altas de éxito sen renunciar ás túas orixes. Integrante do humilde (que non pequeno) Club Deportivo Miño-Teixugos, participará en París nos seus primeiros Xogos Olímpicos, sendo o primeiro veciño de Tomiño en acadar este éxito deportivo, o máximo para a gran maioría de deportistas.

Amósase “moi orgulloso” de poder ser un exemplo e unha motivación para todas esas persoas que manteñen vivos os milleiros de clubs que temos no noso territorio, tan importantes para a sociedade de todos os concellos, pequenos ou grandes.

Manu Ochoa ten confianza no traballo realizado e recoñece que xa non está tan nervioso coma antes de saber se finalmente acudiría á cita olímpica, pois foi a Federación Española de Piragüismo quen decidiu o participante na modalidade de caiac cros, que debuta como disciplina nuns Xogos Olímpicos. Agora, non se pon teito e porá toda a carne na brasa para volver a Tomiño cunha medalla de ouro pendurada do seu pescozo.

– Primeiros Xogos Olímpicos, como vas de nervios a escasas semanas de competir?
De nervios ben. Un pouco farto das semanas nas que se decidía a adxudicación da praza olímpica. Foron semanas moi tensas, así que máis nervios ca nese momento penso que é difícil. Veño dun momento no que é doado estar nunha mellor situación emocional e psicolóxica.

– Fuches o responsable de lograr a praza olímpica nesta nova modalidade de caiac cros, pero, como dicías, era a Federación Española de Piragüismo a que decidía quen participaría en París. Como foi o momento no que che din que es ti o seleccionado?
Non o acababa de crer. Ves a mensaxe e comezas a asimilalo pouco a pouco. Despois pensas na loucura que supón e no ben que che senta, pero ao tempo tamén te lembras dos teus compañeiros aos que non lles deron a praza. A fin de contas, o deporte ten unha cara boa e outra mala.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Manuel Ochoa (@manu98a)


– É unha recompensa ao traballo de todos estes anos.
Efectivamente. Cando comezas a adestrar e a competir sabes que chegar aquí é o obxectivo final, pero realmente nunca sabes se o vas acadar nalgún momento. Son poucos os elixidos para participar nos Xogos Olímpicos e o feito de poder estar é algo moi bonito para min, para a miña vida e a miña carreira deportiva.

Manu Ochoa competirá na disciplina de Kaiak Cros en París 2024
Manu Ochoa competirá na disciplina de caiac cros en París 2024

– Falemos agora do caiac cros. Esta disciplina, que debuta como olímpica en París, diferénciase doutras modalidades de piragüismo en que hai catro padexeiros competindo ao mesmo tempo no mesmo espazo. Pensas que ao ser unha carreira “ao uso” e non cronometrada pode resultarlle máis atractivo ao espectador menos familiarizado?
Ao público sempre lle gusta algo máis instantáneo, no que pode ver unha loita directa entre competidores e pode ver quen gaña no propio momento. O slálom tradicional non ten este compoñente, e tes que esperar ao final para saber quen gaña. No caiac cros, ademais dese elemento de batalla, tes un resultado ao momento de cada ronda.

– Ti comezaches no slálom tradicional. Como chegas a esta disciplina?
Hai uns cantos anos que comezaron a presentar este deporte como con posibilidades de ser olímpico, co fin de darlle visibilidade e por outros compoñentes, como pode ser a táctica. Dende o primeiro momento que tiven oportunidade de participar, dei un paso adiante. Co tempo funo descubrindo e gustoume, tiña un compoñente táctico que non ten o slálom e iso atráeme. Ademais, aínda por enriba, déuseme ben.

O anuncio de que esta modalidade será olímpica é no 2022, creo. E dende aquela comecei a prepararme incluso máis en serio e a enfocarme no caiac cros, compaxinándoo co slálom. Cando conseguín esa primeira medalla decateime do meu potencial nesta categoría e a capacidade que tiña en lograr resultados nela. Cos bos resultados chegoume tamén a motivación, aínda que non debería ser así, pero iso foi o que ocorreu.

– No caiac cros hai outros compoñentes que non inflúen tanto no slálom tradicional. Imaxino que é menos técnico e máis táctico ao non estar ti só na pista.
Este é un deporte que involucra outros factores que non ten o slálom. Neste último tes o compoñente físico e técnico, pero no cros tes tamén o táctico. Este é depender do que fagan o resto de rivais e adaptarte a todas as situacións que se poidan dar durante a carreira. Si é certo que o factor técnico non ten tanto peso, pero penso que é normal ao engadir as cuestións tácticas.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Manuel Ochoa (@manu98a)

– Non esperas moitas sorpresas dos teus contrincantes, non? Ao competir todos os días uns contra outros xa os coñeces ben.
De feito, non só nas competicións; a iso hai que engadir os adestramentos. Moitas veces compartimos adestramentos para poñernos en diferentes situacións e poder compartir pista con xente do máximo nivel.

– Puideches probar a pista na que competiredes en París?
Si, xa levo unhas tres semanas aquí aproximadamente. Agora volverei adestrar a Cataluña e despois xa me integrarei na Vila Olímpica. Neste deporte é moi importante poder remar na canle previamente para coñecer as correntes e todos os factores que se poidan presentar. O estudo previo é fundamental. É un deporte que se practica en condicións moi cambiantes e o ideal é levalo todo ben estudado.

– Mencionabas agora a Vila Olímpica. Cal é a experiencia que tes máis gañas de vivir? Esa convivencia, a cerimonia de inauguración…
Non o sei. Teño moita ilusión por todo, ao fin e ao cabo é unha experiencia da que todo o mundo fala e ter a oportunidade de poder estar aí e vivilo en primeira persoa encántame. A cerimonia de apertura faime moita ilusión, sobre todo este ano en París, que semella que van facer unha idea bastante innovadora co paseo polo río.

Manu Ochoa: “A filosofía que levo a estes Xogos é dálo todo”

– Volvendo agora á competición. Con esta recente vitoria en Praga estarás cheo de confianza. Con que expectativas vas a París? Xa soñaches con volver a Tomiño cun ouro no pescozo?
Iso sería ideal. Agora mesmo penso que o nivel está para colocarme na parte de arriba da táboa. Sería hipócrita dicir o contrario. Pero igual que pode ser a alta tamén pode ser a baixa. A nivel de resultados non levo expectativas. A filosofía que levo a estes Xogos é dálo todo. Déronme a praza hai poucas semanas, teño pouco tempo e vou poñer toda a carne na brasa para tratar de buscar o mecanismo perfecto para chegar a París no meu mellor punto de forma.

Manu Ochoa competirá na disciplina de Kaiak Cros en París 2024
Manu Ochoa competirá na disciplina de caiac cros en París 2024

– Non te pos teito.
Hai que ter a mente fría, chegar á competición e saber que a preparación foi a mellor posible e apertar como se fose gañar, aínda que ao final non sexa así.

Penso que o deporte, a calquera nivel, dáche unha serie de ferramentas que che van ser útiles durante toda a túa vida.

– Que significa para ti ser o primeiro tomiñés en ser olímpico, aínda por enriba representando un club humilde? Sentes o apoio da xente?
Isto faime sentir un orgullo incrible. Veño dun concello relativamente pequeno no que hai moitos clubs deportivos humildes. Xa non falo só do meu. A min o que me gustaría é que a xente vexa onde chegou un dos deportistas deses clubs humildes e poder dar esperanza e motivación a todos e todas eses deportistas, adestradores e directivos destes organismos para que vexan que se pode chegar ao máis alto se pos paixón e esforzo. Pode tamén que non chegues, pero pode que si.

– Eses clubs que non teñen unha importancia só a nivel deportivo, tamén social. No fin de contas, permítenlle a moita xente, como che permitiron a ti, comezar a practicar o deporte que amas.
Iso por descontado. Os clubs deportivos son o primeiro paso para entrar nunha cadea moi grande. Partes de aí e pasas de competir a nivel concellos a nivel Galicia, despois España… e a partir de aí vives experiencias que che fan mellorar como deportista, si, pero tamén como persoa. Penso que o deporte, a calquera nivel, dáche unha serie de ferramentas que che van ser útiles durante toda a túa vida.

Compartir en