Unha trintena de olímpicos e paralímpicos galegos en Toquio disporán de 300.000 euros en axudas

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, comentou hoxe nunha entrevista coa Televisión de Galicia, as opcións dos distintos galegos e galegas para os Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Toquio ao fío da última praza acadada en Verducido pola padexeira Antía Jácome no C1 200 metros.

O mandatario galego asegurou que os olímpicos galegos poden superar a vintena xa que, no momento actual, suman un total de 18 clasificados mentres que os paralímpicos acadan a cifra dos 11, polo que o número de galegos que acuda aos Xogos superará, probablemente, a trintena.

Todos eles, tanto olímpicos como paralímpicos, serán os beneficiarios das Axudas Reto Galicia-Tokyo con Igualdade 2021, publicadas nesta mesma mañá no Diario Oficial de Galicia e cuxo prazo de presentación estenderase do 2 de xullo ao 30 de setembro.

Estas axudas insírense no ámbito do acordo de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade da Consellería de Emprego e Igualdade e a Secretaría Xeral para o Deporte, para desenvolver medidas previstas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

María Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade, e José Ramón Lete Lasa, secretario Xeral para o Deporte, asinando un convenio
Mª Jesús Lorenzana, conselleira de Emprego e Igualdade, e José Ramón Lete Lasa, secretario Xeral para o Deporte asinando un convenio

O obxectivo é deseñar e transmitir contidos relacionados coa loita pola tolerancia, igualdade e non violencia no deporte e na vida, entendendo esta actuación como un medio fundamental para a educación da sociedade sen discriminación e que incumbe a todas as persoas.

Deste xeito, os deportistas galegos olímpicos e paralímpicos que compitan en Toquio participarán nas actividades de difusión así como nas actividades de promoción do deporte programadas pola Secretaría Xeral para o Deporte e a Fundación Deporte Galego. Do mesmo xeito tamén participarán no programa ‘Reto 365 pola Igualdade’ e nos seus diversos actos de promoción.

Cómpre salientar a existencia de catro tipos de axudas: Axuda Reto con Igualdade Galicia-Tokyo 1, para aqueles deportistas que teñan participado en catro ou máis edicións dos Xogos ou obtiveran medalla (10.000 euros); Axuda Reto con Igualdade Galicia-Tokyo 2, para aqueles que teñan participado en tres ou menos edicións dos Xogos e non acadaran medalla (8.000 euros); Axuda Reto con Igualdade Galicia-Tokyo 3, para os que non teñan participado en ningunha edición anterior dos Xogos e a Axuda Reto con Igualdade Galicia-Tokyo Deporte Adaptado, para aqueles deportistas que compitan como apoio ou guía de deportistas paralímpicos (o 50% da axuda do deportista).

As solicitudes presentaranse preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en formato papel orixinal no Rexistro da Fundación Deporte Galego.

Compartir en