- “Tanto os momentos de éxito, como os de fracaso ensináronme algo indispensable ao longo da miña carreira. Todos forman parte dun proceso que me levou ata onde estou hoxe”.
- “A miña familia achegou moito á miña carreira axudándome sempre tanto emocional como loxisticamente cando era máis pequena”.
París 2024 suporá o debut olímpico para a judoka galega Laura Martínez Abelenda que compite na categoría de -48kg. Non renuncia a nada, chegados aquí a medalla sería o seguinte chanzo para subir. Pero é consciente de que calquera das rivais que topará no tatami será complicada de bater. Igual que ela, todas levan moito tempo adestrando e preparándose para dar o mellor de si mesmas na cita olímpica. “Non hai que infravalorar a ninguén”, avisa.
– Laura, estes son os teus primeiros Xogos Olímpicos, como te enfrontas a eles? Que se sente ao representar a Galicia e España na mellor cita do deporte do mundo?
Son os meus primeiros xogos e afróntoos con moita ilusión e nun dos meus mellores momentos na miña carreira deportiva.
– Que tipo de preparación estás a facer ou levas facendo nos últimos meses a nivel físico e psicolóxico?
Está todo enfocado aos Xogos desde hai meses, levamos tempo facendo diferentes traballos para chegar nas mellores condicións.
– Sempre estivo nos teus plans ir a uns Xogos? Segundo o que puiden ler nalgunhas páxinas web o deporte, e en concreto o judo, sempre marcaron a túa vida. De pequena era un soño ir aos Xogos? Pola contra, a que idade sentiches que ‘che chamaban’?
Cando era pequena facía judo e divertíame moito pero non era consciente de que realmente ía chegar a ter todos estes resultados e tampouco que podería estar nuns Xogos. Este soño empezou a ter máis peso cando empecei a categoría júnior.
– Vas enfocada a conseguir o podio ou vas máis focalizada en alcanzar unha boa puntuación por ser os primeiros Xogos? Neste caso refírome a se te estás preparando para conseguir a medalla ou non, xa que hai deportistas, sobre todo os que acoden por primeira vez a este evento, que non están enfocados na medalla xa que non ven posibilidades reais, senón que queren dar o mellor de si mesmos. Cal é o teu verdadeiro obxectivo?
O obxectivo de calquera deportista sempre é máis do que tes. Unha vez que conseguín a clasificación, o obxectivo é unha medalla nos Xogos Olímpicos.
Laura Martínez: “Todas as rivais son complicadas nuns Xogos Olímpicos”
– A rival máis complicada das que te poderías enfrontar nesta competición?
Todas as rivais son complicadas nuns XX.OO., todas levamos meses adestrando para esta cita e chegamos nas mellores condicións. Non hai que infravalorar a ninguén.
– Cal é a túa experiencia a nivel deportivo en España? Cal é a situación actual e que cousas se deberían cambiar no futuro? Neste caso interésame saber se é posible vivir deste deporte no noso país ou se sabes como se vive noutros lugares de Europa ou do mundo.
Mentres tes bos resultados, as bolsas ADO, da Xunta de Galicia ou no meu caso Iberdrola axúdannos moito a poder dedicarnos só a adestrar. Eu estudei Fisioterapia porque é ao que quero dedicarme nun futuro.
Noutros países é posible entrar no exército ou na policía mentres compites e cobras un soldo, pero igualmente hai deportistas que prefiren estudar para seguir o seu camiño doutra banda, nun futuro.
– Que sacrificios supuxo e supón querer ser a mellor na túa disciplina? Que cousas cambiarías? Hai algo do que te arrepintas de facer ou non facer?
Tampouco diría que son sacrificios, só que levamos outra forma de vida. Debemos descansar, coidar a alimentación e adestrar moitas horas, pero elixímolo cada día.
Tanto os momentos de éxito como os de fracaso ensináronme algo indispensable ao longo da miña carreira. Todos eles forman parte dun proceso que me levou ata onde estou hoxe, así que non me podo arrepentir.
– Tes referentes no mundo do deporte e no mundo do judo?
Hai moitas persoas que me gustan pola súa maneira de facer judo, pero inspíranme moito os meus compañeiros día a día.
– Xa sabes a quen lle vas a dedicar o teu triunfo no caso de obter un ouro, prata ou bronce?
A todas as persoas que achegaron o seu gran de area para axudarme neste camiño.
– Quen foron os teus piares ao longo da túa carreira deportiva?
A miña familia achegou moito, axudáronme sempre tanto emocional como loxisticamente cando era máis pequena. Por suposto a Quino, o meu adestrador. Sen el, todo o que estamos a facer no noso club, sería imposible.
– Estudaches Fisioterapia. Estás especializándote?
Actualmente estou centrada en preparar os XX.OO. Teño toda a vida para exercer de fisioterapeuta.
– Que aspiracións tes a nivel deportivo? Como te ves dentro de, por exemplo, 5 ou 10 anos?
Actualmente só temos pensamentos para os XX.OO. de París. Despois disto, xa veremos.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Comité Olímpico Español (@coe_es)