- Os meus obxectivos agora son seguir patinando e desfrutando para mellorar
- Cando eu empecei había moitas menos mozas que agora e creo que ao haber máis patinando vanse animar máis
- Uns Xogos Olímpicos é algo que igual só se vive unha vez na vida e que teño que aproveitar
Cando a coruñesa Julia Benedetti sube a táboa de skate semella que levase media vida facéndoo, e seguramente leve incluso máis. Con so 16 años é a deportista máis nova da expedición galega, poida que o sexa de toda a delegación española nos Xogos Olímpicos de Tokyo 2020. Debuta na gran festa do deporte ela, e a súa disciplina o Skateboarding Park no que a galega está dentro do top 20 mundial. En menos dun minuto deberá demostrar todos os trucos que é quen de facer. Sae a competir, sabe competir, pero sobre todo, Julia Benedetti lánzase á piscina a gozar das catro rodas e das piruetas. Pese á súa mocidade, a herculina é unha das deportistas que suma a súa imaxe á campaña ‘NON, á violencia de xénero’ da Xunta de Galicia.
Que significa para ti disputar os teus primeiros Xogos Olímpicos, ademais no ano no que o skate estréase como disciplina?
Faime moita ilusión. Ademais, ao ser o ano no que se estrea, pois faime aínda máis ilusión.
Cando comezaches neste deporte, algunha vez pensaches na posibilidade de competir nuns Xogos?
Non, a verdade é que cando empecei nin sabía que era un deporte olímpico.
Toda a competición de park dispútase no mesmo día, que supón xogalo todo nun día?
Pois creo que ao final no skate adestras moito e xógalo todo en moi pouco tempo.
Ter que agardar un ano máis para disputar os Xogos, debido á pandemia, permíteche chegar máis preparada?
Creo que si, porque ao final é un ano máis para adestrar e para poder aprender máis trucos.
Como comezaches no mundo do skate?
Empecei a patinar porque teño un irmán maior que fai surf e cando non había ondas patinaba e empecei con el pouco a pouco.
Co teu extenso palmarés, cal foi o teu maior logro deportivo ata agora?
Creo que o meu maior logro deportivo foi gañar a medalla de bronce nos Xogos de Praia de Qatar.
Tras os teus éxitos e debutando nos Xogos Olímpicos, cales son os seguintes obxectivos de Julia Benedetti?
Para min os meus obxectivos agora son seguir patinando e desfrutando para mellorar.
Como definirías a túa forma de patinar? Tes referentes? E femininos?
A verdade é que non sabería definir a miña forma de patinar. O meu skater favorito é un que se chama Heymana Reynolds e de mozas unha xaponesa que se chama Sakura Yosozumi.
“Cada vez son máis as mozas que comezan a patinar. Cando eu empecei había moitas menos que agora e creo que ao haber máis mozas patinando vanse animar máis”
Nótase unha presenza cada vez maior de mulleres no skate? Cando comezaches era habitual ver a patinadoras femininas? Como animarías a outras rapazas a subir á táboa?
Si, creo que agora cada vez son máis as mozas que comezan a patinar. Cando eu empecei había moitas menos que agora e creo que ao haber máis mozas patinando vanse animar máis.
Es, se non a máis nova, unha das olímpica galega de menor idade. Como se vive a experiencia olímpica con 16 anos?
Pois eu o vivo con moita ilusión e moitas ganas xa que creo que aínda son moi nova e que uns xogos olímpicos é algo que igual só se vive unha vez na vida e que teño que aproveitar.