- “O nivel de skateboard feminino español creceu moito nos últimos cinco anos porque hai máis nenas facendo skate”.
- “Vexo difícil conseguir medalla, pero tentarei facelo o mellor posible”.
A coruñesa Julia Benedetti aos seus 19 anos converteuse na deportista galega máis nova en competir en dúas edicións dos Xogos Olímpicos. Fíxoo como mellor skater española o pasado mes de xuño na cita preolímpica Budapest na que finalizou a competición na décimo oitava posición. Con todo, no ranking final para os Xogos Olímpicos de París é a segunda española. Naia Laso ocupa o posto 13.º e a galega o 20.º
Todo un récord de precocidade. Con 14 anos aínda cursaba a ESO cando se clasificou para os XX.OO. de Toquio, ninguén o lograra en Galicia á súa idade. Seis anos máis tarde Benedetti é xa unha referencia do skateboarding (deporte urbano que repite no programa olímpico tras o seu debut en Toquio 2020).
Julia Benedetti, bolseira na Joaquín Blume de Madrid como externa, compaxina os seus estudos de Enxeñería Matemática na Complutense cos seus adestramentos. Agora a skater coruñesa fíxose un oco entre as mellores do mundo e volverá demostrar a súa habilidade na praza da Concordia de París, espazo reservado para a competición olímpica deste verán.
– Como afronta a deportista galega máis nova en competir en dúas edicións dos Xogos Olímpicos?
Pois os Xogos afróntoos con moita emoción e moitas ganas. Vou con moitas ganas de gozalos, porque, aínda que son os segundos ao final… os primeiros non os puiden vivir realmente como Xogos porque foron coa COVID.
Vou con moitas ganas de gozar destes Xogos, porque, aínda que son os segundos ao final… os primeiros non os puiden vivir realmente como Xogos porque foron coa COVID.
– Como valoras o nivel do skateboard feminino español?
Creo que o nivel subiu moitísimo sobre todo de aquí a hai uns anos. Se ves o nivel de agora e o de hai 5 anos subiu unha chea, é que non ten nada que ver. Como hai moitas máis nenas que fan skate, por iso sobe o nivel. Creo que o nivel está moi alto.
– Que sente Julia Benedetti cando está a piques de lanzarse por unha rampla nun campionato internacional?
Nervios, máis ben. Antes de empezar xusto a miña rolda, pois estou nerviosa. Pois iso, máis que nada sinto nervios.
– O skate é un deporte urbano, de rúa, de beirarrúas, bordos e varandas… Segues a ter esa paixón de practicar no seu hábitat natural, a rúa?
Eu é que nunca patinei moito na rúa en plan street. Empecei a patinar nun skate que había preto da miña casa co meu irmán e tiña como rampliñas e empecei xa tirándome polas ramplas. Non patinei street.
– Tony Hawk chegou a ter ata o seu propio videoxogo, converteuse nunha lenda… É Julia Benedetti a futura Hawk?
Home non sei… eu creo que Tony Hawk só hai un por agora no mundo en todo o que levamos. Home… ser Tony Hawk é moi difícil. Así que non, non creo que vaia ser como Tony Hawk, a verdade. Inventou unha chea de trucos. Só hai un no mundo.
– Tan nova e xa es unha referencia para moitos pequenos que adoran este deporte, como o xestionas?
Xestiónoo ben porque é que tampouco creo que sexa moi consciente. Eu non me considero tampouco unha súper referencia. Obviamente está guai que se me ven patinar lles guste. Está súper ben, pero sen máis. Claro que se che vén un neno e che di se lle podes botar unha man cun truco ou calquera outra cousa, pois obviamente, eu encantada.
Eu non me considero unha súper referencia. Obviamente está guai que se me ven patinar lles guste. Se che vén un neno e che di se lle podes botar unha man cun truco ou calquera outra cousa, pois obviamente, eu encantada.
– A túa meta en París é a medalla? Hai posibilidades reais de alcanzar esa gloria clásica ou é algo que non che preocupa?
Como obxectivo… por querela, quéroa, obviamente. Pero sinceramente véxoo moi difícil. Eu tentarei facelo o mellor posible. Obviamente tentarei conseguir a medalla, xa que vou tentareino facer o mellor posible, pero non creo que a consiga, sinceramente.
– Levarás algunha imaxe na táboa?
Non se pode, está moi restrinxido todo o das marcas nos Xogos.
Julia Benedetti: “O meu referente no deporte é Rafa Nadal”
– Algún truco gardado para París?
Pois por agora non, porque os trucos que aprendín funos facendo nos campionatos porque os necesitaba para clasificarme para París. Pero agora xa imos dúas semanas a California a adestrar. Durante o verán tentarei aprender trucos novos para París tamén.
– Cal é a túa referencia no mundo do deporte?
Rafa Nadal. Na miña familia sempre nos gustou moito o tenis. Eu xoguei ao tenis. Nadal paréceme un moi bo deportista, moi sacrificado e que transmite moi ben tamén os valores do deporte.
E no skateboarding?
E no skate a miña referencia… pois non o sei… teño varias persoas. Gústame como patina Tom Schaar, é dos meus favoritos, gústame moito.
– Para finalizar, que lles dirías a todos os mozos galegos que cada día se soben ás súas táboas nos seus barrios para gozar deste deporte?
Que o gocen que é o máis importante, que tamén teñan coidado, que non se fagan dano, que non vaian como tolos que hai que ir aprendendo aos poucos. Sobre todo, que o pasen ben e que patinen pois porque lles gusta. Que o gocen que é o mellor, é canto máis se aprende.