- A viguesa Judith Rodríguez practica a esgrima desde hai 20 anos. Acode aos seus primeiros Xogos Paralímpicos pero ten un amplo palmarés que a levou ata esta gran cita do deporte.
Di estar no seu mellor momento no ámbito deportivo e está traballando intensamente todo o apartado psicolóxico que leva aparellada a cita olímpica. Cuestións como manexar a presión ou non dubidar poden dirimir que tiradora leva a vitoria nun enfrontamento.
– Como estás a pouco máis dun mes de debutar nuns Xogos Olímpicos?
Con moita ilusión e ganas de estar enriba da pista de esgrima en París e traballando moi duro estes últimos meses antes da competición. Pero nótome no mellor momento do ano a nivel deportivo e traballando o manexo da presión por acudir a uns xogos para facer o meu mellor papel alí.
– Unha xa se sente olímpica ou ata que se vexa en París non o termina de crer de verdade?
Ata que me digan ‘en garda, listos, adiante’ o 4 de setembro non serei 100 % paralímpica. Pero gañei a praza neste ciclo tan duro e iso faime sentirme xa case paralímpica.
Nestes meses asistirei ao dobre de concentracións e o traballo co psicólogo deportivo é algo maior.
– Como é a preparación nestas semanas previas á competición? Cambia moito?
O sistema de adestramento segue sendo o mesmo, xa que eu tento ir ás competicións con todo o traballo previo feito nos adestramentos para chegar á pista e dar o cento por cento. Pero si que é verdade que nestes meses asistirei ao dobre de concentracións e o traballo co psicólogo deportivo é algo maior.
– A esgrima ten unha parte moi técnica, pero outra fundamental de concentración. Como se traballa?
A través de exercicios no adestramento na pista traballando numerosas situacións de asalto que poden ocorrer na competición e así adestrar o teu momento para manexar a presión e os nervios nese momento. É clave poder pensar e actuar claro, sen dubidar das miñas accións na pista. Pero é un traballo tamén na casa, a través dos exercicios que me manda o meu psicólogo para aumentar a concentración e a focalización das cousas.
Judith Rodríguez: “Fun floretista desde nena”
– Compites en florete o día 4 de setembro e en espada o día 6. Que diferenzas hai entre cada categoría? En cal te atopas máis cómoda?
A maior diferenza é a zona de tocado; en florete soamente se pode tocar o torso e en espada todo o corpo de cintura para arriba. E ademais en espada o punto lévao o primeiro que toque e o florete é unha arma de convención e o xuíz debe decidir quen leva o punto. As armas son distintas e a distancia entre os tiradores tamén.
Eu fun floretista desde nena e síntome máis segura en florete, aínda que estou un pouco mellor situada en espada na clasificación. Pero actualmente custaríame dicir en cal me sinto máis cómoda porque estou nun bo momento nas dúas.
– Chegas aos Xogos con ouros en Copas de Mundo e metais en Campionatos de Europa recentes. O obxectivo é regresar de París con medalla?
O meu principal obxectivo é marchar de París sabendo que deixei todo na pista e que non puiden dar máis de min. Pero claramente soño cunha medalla e o meu obxectivo é alcanzar a vitoria en todos os meus asaltos. Actualmente síntome capaz de conseguilo.
Os pequenos obxectivos que nos marcamos con sacrificio e traballo pódense ir cumprindo e, a longo prazo, sumando un a un convértense nun obxectivo máis grande que se pode alcanzar.
– En 2018 sufriches aquel accidente que che cambiou a vida. A esgrima era a túa vida, pero atopaches o xeito de seguir vivindo por e para ela. Son estes Xogos Paralímpicos un xeito de recompensa por aquela época tan mala que seguro tiveches que pasar?
É algo que penso a miúdo, porque houbo un tempo no pasado de moito traballo físico e mental para volver ao deporte nas mellores condicións posibles. E desde o primeiro día que sentei na cadeira de rodas e realicei a miña primeira competición sabía que compensara todo o que vivira desde o accidente e que merecera a pena loitar por estar aquí.
Asistir a estes xogos faime pensar que todo o traballo me deu este agasallo de poder representar a Galicia e a España en esgrima en cadeira nuns Xogos Paralímpicos.
– De que xeito toda aquela experiencia te fai agora unha mellor deportista?
Fíxome darme conta de que os pequenos obxectivos que nos marcamos con sacrificio e traballo pódense ir cumprindo e, a longo prazo, sumando un a un convértense nun obxectivo máis grande que se pode alcanzar.
Tamén cambia o foco no sentido da importancia que lles dou ás cousas que agora no presente podo facer e non as que non podo facer, e aproveitar cada minuto de adestramento, de competición, de experiencias, de alegrías, de dor, de traballo, de descubrimentos… de todo o bo que me dá o deporte cada día e da sorte que teño de poder compartir todo isto coas persoas que me apoian día a día e sempre confiaron en min.
Todo isto fai que hoxe me sinta orgullosa da muller na que me convertín e de poder dedicar o meu tempo e as miñas ganas ao que máis me gusta, que é a esgrima desde hai vinte anos. E a Judith esgrima do presente foi construída con base en todo isto e aínda queda moito que dar.
Ver esta publicación en Instagram
Una publicación compartida de Judith Rodríguez Menéndez (@judiiirodriguez)