Juan Ferrón Gutiérrez
Juan Ferrón Gutiérrez

Juan Ferrón: “O meu avó sempre me dicía que o pasase ben aló onde fose, e creo que nuns Xogos hai que pasalo mellor que ben”

  • “O meu obxectivo principal é pasar á final nas dúas probas e desfrutar”.
  • “Estudo INEF e nun futuro gustaríame ser adestrador ou monitor de natación para nenos ou adultos”.

 

Juan Ferrón (Vigo, 2003) leva o deporte no sangue. Os seus pais inculcáronllo, desde ben pequeno, cara á práctica de diferentes disciplinas deportivas. E fixérono tan ben que, ao longo da súa traxectoria, fixo fútbol, baloncesto e mesmo baile deportivo, onde despuntou tanto a nivel autonómico como nacional. Con todo, unha bendita casualidade fixo que se tirase (de xeito literal) á piscina e, agora, pode presumir con orgullo de que representará a España nos Xogos Paralímpicos de París 2024. 

– Acodes aos Xogos Paralímpicos tras acadar un tempo de 58’ 52’’ nos 100 metros bolboreta no Campionato de España. Contabas con ser seleccionado? Como te sentes?

Como no caso dos olímpicos, nós temos uns tempos mínimos que temos que igualar ou baixar. A mínima que me pedían era de 58’ 43’’, e quedei a nove centésimas. A miña participación nos Xogos estivo en dúbidas ata que saíu a listaxe. Estas mínimas son unha referencia que establecen e coa que o Comité se asegura de que a xente que acode aos Xogos Paralímpicos ten o nivel mínimo para pasar á final. En España son bastante duros en canto ás mínimas que esixen, pero tamén se chegas a esa mínima sabes, case seguro, que vas estar nunha final.

Ao final, confiaron en min e saben que traballei durante toda a tempada e que quedei a só nove centésimas, que non é nada. Teño a sorte de que me leven e de poder nadar en 400 metros libres. Por iso, espero poder devolverlles esa confianza multiplicada por 1.000 para que estean orgullosos de min e para que, no futuro, chegue a esa mínima e non me “teñan que levar”.

Empecei a tempada facendo o 100 bolboreta en 60 segundos e baixei ata chegar aos 58’ 52’’. É dicir, rebaixei dous segundos e algo. A xente di que iso é unha burrada, eu quédome con que é bastante. Para min, unha burrada sería ter feito o tempo mínimo.

Juan Ferrón: “Sempre fixen deporte con persoas sen discapacidade”

Aínda que agora estás no CAR de Madrid formas parte do Club de Natación de Mos, de onde xurdiu o teu interese pola natación?

Sempre fixen deporte con persoas sen discapacidade porque os meus pais sempre me inculcaron desde moi pequeno que tiña que practicar todo tipo de deportes. Eles son tamén deportistas e, de feito, foron xogadores profesionais de balonmán.

Fixen vólei, fútbol, baloncesto… Aos 9-10 anos canseime de facer baloncesto, pero os meus pais dixéronme que non podía estar sen facer deporte. Eles tiñan uns amigos que facían baile de salón e eses amigos tiñan, á súa vez, unha filla que quería bailar pero que non tiña parella (é moi difícil atopar un rapaz que queira facer este deporte).

Ao final, animeime, fomos a varios campionatos de España e mesmo quedamos bastante ben a nivel galego. A rapaza da que vos falo é de Mos, moi preto de Vigo, e o pavillón onde adestrabamos estaba ao carón da piscina. O vestíbulo era compartido e se vas cara á esquerda chegas ao pavillón e cara á dereita á piscina. Unha vez, vimos un cartel dunha competición que facía o Club Natación de Mos para xente non federada e miña nai díxome que fose.

Eu sempre fora ás típicas clases do CUVI (Centro Universitario de Vigo) para aprender a nadar e a moverme na auga, pero non sabía nin dar unha viraxe. Ao final, apunteime e quedei terceiro e foi entón cando o adestrador me animou a probar. Iso foi no 2017 e estiven compaxinando a natación co baile.

No 2018 cheguei a 3.º da ESO e como os estudos se complicaban os meus pais dixéronme que tiña que elixir entre o baile e a natación. Ao final, elixín a natación e na tempada de 2018/2019 xa empecei a facer as miñas primeiras mínimas para os campionatos galegos a nivel convencional (para persoas sen discapacidade).

O da natación adaptada xurdiu en xaneiro do 2019, cando o presidente, Adrián Trillo, me dixo que había natación adaptada. Nese momento non tiñamos nin idea, pero empezamos a informarnos. En marzo, había un campionato de natación adaptada e aí foi cando o meu adestrador e eu nos empezamos a meter no mundillo. Foi tamén aí cando coñecemos a José Luis Vaquero, o meu actual adestrador.

Ao CAR de Madrid fun hai dous anos, pero quen me ensinou a facer viraxes e a nadar como na actualidade foi Xouba (Alberto Pereira). Débollo a el.

Juan Ferrón Gutiérrez
Juan Ferrón Gutiérrez

– Entón o da natación foi unha bendita casualidade e despois de todos estes anos, podes dicir que elixiches correctamente, non si?

Si, tamén llelo debo aos meus pais. Ao final eles sempre me conduciron a ir por este camiño, pero deixáronme elixir. Cando lles dixen que non quería xogar máis ao baloncesto entendérono e axudáronme a buscar outro deporte.

Ao rematar o bacharelato no 2021 xa podía ter ido ao CAR de Madrid, pero nesa época era novo e inexperto e tiña un amor aí e, ben, tampouco quería deixar os meus amigos. Estiven un ano máis adestrando en Mos e logo xa me decidín a dar o paso e vir para Madrid.

O da natación adaptada xurdiu en xaneiro do 2019, cando o presidente, Adrián Trillo, me dixo que había natación adaptada. Nese momento non tiñamos nin idea, pero empezamos a informarnos.

Entendemos que non te arrepintes…

Sempre che dá pena marchar, sobre todo porque non ves a familia, pero paga a pena porque, ao final, uns Xogos Paralímpicos son palabras maiores.

– A constancia e o sacrificio que fixeches están detrás do teu pase aos Xogos, pero os teus adestradores, Alberto Pereira e José Luis Vaquero xogaron tamén un papel importante na túa traxectoria deportiva, hai algunha das túas ensinanzas que teñas presente no teu día a día dentro da piscina?

Xouba a non poñer escusas e a adaptarme a todo coa maior rapidez posible. De Vaquero quédome cunha cousa que el sempre di: “hai que aprender a adestrar, aprender a competir a aprender a gañar”. Eu, polo de agora, estou aprendendo a adestrar. Supoño (e espero) que cando pase París me poida dicir que aprendín xa a competir e máis adiante confío en que me diga tamén que aprendín a gañar. Pouco a pouco.

– Que obxectivo te marcas para os Xogos? Entendemos que vas ir por todas.

Para min, un obxectivo realista é pasar as miñas dúas probas. Ese é o obxectivo principal e fundamental e, por suposto, desfrutar. Quero completar as miñas probas o máis rápido posible. Como adoitamos dicir en natación, quero facerme marcotes e voar sobre a auga. Pero o dito, os meus obxectivos principais son pasar á final nas dúas probas e pasalo ben. O meu avó sempre me dicía que o pasase ben aló onde fose, e creo que nuns Xogos hai que pasalo mellor que ben.

– Rozaches os Xogos Olímpicos de Xapón 2021, pero neste 2024 vai a vencida, nos tres últimos anos puxeches o foco para chegar a París?

No meu grupo de adestramento e eu, particularmente, vou ano a ano. Cando foi o de Toquio era bastante novo e acababa de comezar na natación adaptada, non creo que estivese preparado. O feito de quedar ensinoume cousas, aprendín de erros que non cometín e que me levaron ata onde estou agora.

– Compites na categoría S-13, correspondente aos nadadores con discapacidade visual grave. Váleste dalgún recurso para orientarte e manter o ritmo unha vez que estás na auga?

Valémonos da raia do fondo para guiarnos. Nesta categoría vemos o suficiente para facer as viraxes e ver a parede. No meu caso, eu tiven un retinoblastoma bilateral, un cancro na retina. Precisamente, o que non me deixa ver son as células calcificadas. Entón, polo ollo dereito non vexo nada e polo esquerdo teño unha visión parecida a unha persoa sen discapacidade.

Compito como S-13, pero a tempada que vén tócame revisión. Se fas unha media entre os dous ollos, creo que estaría nunha S-12, pero non é ningunha escusa. Eu traballarei para ter o nivel da miña categoría e da xente coa que vou competir.

Juan Ferrón Gutiérrez
Juan Ferrón Gutiérrez

– Como se presentan estas semanas de adestramentos?

Creo que o peor xa o pasamos en Serra Nevada, onde estivemos adestrando a 2.300 metros e con déficit de osíxeno. Como non hai suficiente osíxeno, o corpo xera máis glóbulos vermellos e adestrar aquí foi moi duro. En Sant Cugat faremos a posta a punto, que son as simulacións de proba, practicar os 10 metros de aproximación, viraxe e impulso na parede, facer estratexias, etc.

– Con independencia do que suceda nos Xogos, que plans tes unha vez rematen?

O primeiro que quero facer é ir pasar tempo coa miña familia e logo teño pensado facer a mítica tatuaxe dos Xogos. Viaxarei para ver un amigo e o 20 terei que volver a Madrid porque as clases empezan o 10 de setembro e teño que seguir cos meus estudos de INEF.

Creo que temos uns actos o 9, 10, cando a delegación volve por completo. A partir de aí déixannos vacacións. O 11 xa irei para Vigo coa miña familia. Logo teño pensado facer a tatuaxe. Volver o 20 a Madrid porque estamos nos Xogos e o verán pasámolo adestrando. Eu fago INEF (Instituto Nacional de Educación Física) e as clases empezan o 10 de setembro e teño que seguir estando na clase.

– Iso che iamos preguntar. Estudas INEF na Universidade Politécnica de Madrid, como levaches compaxinar a túa carreira deportiva cos estudos?

En vez de coller todo o ano, podo coller a metade das materias. A verdade é que teño moita sorte de poder facer INEF, que é o que me gusta e que, ademais, me permite aprender para a miña carreira deportiva. Nun futuro, gustaríame ser adestrador ou monitor de natación para nenos ou adultos. En fin, seguir na piscina metido, pero non nadando.

Compartir en