- “As medallas que conseguiches non che garanten as medallas que poidas chegar a conseguir nas competicións, pero serven para gañar confianza”.
- “O deporte non regala, o deporte telo que gañar”.
- “O meu obxectivo é ir competir e pelexar polas medallas”.
Falar dos Xogos Paralímpicos sen mencionar a Juan Antonio Saavedra non tería sentido, xa forma parte das lendas do deporte estatal na súa disciplina. Cos de París, o pontevedrés vai acadar os sextos Xogos nos que competirá. Na súa mente está acadar unha nova medalla para sumar ao seu gran palmarés, cheo de récords, ouros, pratas (como a de Londres 2012) e bronces (como a de Toquio 2020).
Juan Antonio Saavedra foi o primeiro deportista en acadar unha praza para estes Xogos Paralímpicos 2024, tras conseguir a medalla de ouro e a clasificación directa na Copa do Mundo de Tiro de Changwon. Volve a vivir a cita olímpica coas mesmas ganas de sempre, pero con moita máis experiencia, un feito que, xunto coa concentración, para el son claves neste deporte e para acadar unha medalla que poña broche final a este gran ano competitivo, pero non o final da súa carreira, pois para o tirador a retirada non está nos seus plans.
– Xa contas con certa experiencia nos Xogos Paralímpicos, os de París xa van ser os teus sextos Xogos. É unha vantaxe competir con esta experiencia?
Si, claramente é unha vantaxe, sobre todo en tiro. Neste deporte canta máis experiencia mellor, non che garante nada, pero axúdache.
– É diferente esta vez que as anteriores, sen contar con que en Toquio estabamos en pandemia.
A diferenza esta vez é que nós non estamos en París, estamos nunha subsede que hai no centro de Francia, a 300 quilómetros da capital. Ata agora todos os Xogos estabamos na Vila Olímpica, con todos, agora vai ser como máis do noso deporte. Os deportistas cos que te vas cruzar todos os días son de tiro olímpico, xa nos coñecemos todos entre todos.
Ao final é unha competición coma outra calquera, ou esa é a idea. É certo que tes máis presión, pero o guión é o mesmo, cambia un pouco o escenario e a repercusión do que pasa alí e do que fas, mais o resto é sota, cabalo, rei.
– Xa estiveches adestrando no campo no que vas competir, pero as condicións meteorolóxicas ou a hora na que compitas pode cambiar por completo a túa proba. Como dificulta isto á hora de adestrar?
Por iso mencionaba a experiencia, canta máis experiencia tes, mellor no tiro. Cada campo de tiro é diferente, incluso non é o mesmo tirar ás nove da mañá que ás once, cambia completamente. As luces, o vento, a sensación que tes, a temperatura, todo cambia.
Como se adestra? Nós iremos dez días antes da primeira competición. Igual todo ese tempo fai un tempo estupendo e o último día ponse a chover, algo parecido ao que nos pasou en Toquio. Estivemos case todo o tempo cun tempo bo, sen vento, e xusto o día da competición chuvia e vento. Iso ao final, a experiencia, é o que che permite saír un pouco ao paso dese tipo de inclemencias.
O resto é exactamente igual, adestrar. Non é un campo fácil, é bastante grande, aberto e con bastante vento. O vento non ten ningún tipo de impedimento ou obstáculo natural, non hai montañas ao redor, é unha zona bastante chá e con bastante vento.
– Para ti cal sería a maior dificultade coa que te poderías atopar unha vez alí?
A min gústame tirar con vento, sobre todo porque elimina moitos competidores. Todo o mundo sabe tirar, estamos nuns Xogos, pero si que é certo que non todo o mundo entende ben como tirar con vento e todo o mundo tira ben con boas condicións, pero cando esas condicións se complican un pouco, aí a experiencia si que xoga un factor moi importante.
Realmente dáme igual, máis puntos farei se hai vento, iso está claro, e posibilidades teño de entrar na final en calquera das circunstancias. Xa tirei alí e, menos unha vez, sempre entrei nas finais, así que dependerá un pouco de min.
O ideal sería que non fixese vento e que as condicións fosen boas para todo o mundo, pero non é algo que me preocupe demasiado e na sala de finais vai ser pechada e alí non vai haber vento e alí é onde se gañan as medallas.
– Ademais desta experiencia olímpica, tamén tes a experiencia en gañar medallas, sobresaíndo sobre todo a de ouro na Copa do Mundo de Nova Delhi na que, ademais, conseguiches un récord para España e Europa. Unha medalla nestes xogos paralímpicos sería unha boa forma de poñerlle un bo broche a este ano deportivo?
A verdade é que si. É o obxectivo que temos todos, eu creo que teño opción, pero tamén os meus competidores. Vou loitar por conseguir facelo o mellor posible e loitar por meterme na final, sabendo a dificultade que ten isto e calquera deporte.
Ao final todo dependerá dese día e de que teñas as condicións óptimas, pero á parte diso, vou dar o 100 % e intentar conseguir unha medalla.
– Neste deporte, ademais, por unha décima podes conseguir medalla ou podes quedar fora do podio.
Tal cal, algunhas veces dúas décimas son as diferenzas entre o ouro ou o bronce ou entre o terceiro e o cuarto. É un deporte que despois de oitenta e catro tiros que contan a diferenza está nunha décima, que é nada, como 0,01 milímetros de diferenza, pois así é o deporte. Ás veces tamén está o factor sorte, pero a realidade é que despois dos oitenta e catro tiros de competición todos estamos moi igualados e a diferenza está nas condicións nas que está cada un.
Será o broche de ouro para este ano? Esperemos que si, non o sei, esa é a idea. As medallas que conseguiches non che garanten as medallas que poidas chegar a conseguir nas competicións, pero serven para gañar confianza. As opcións telas, agora mesmo estou primeiro no ránking mundial, pois non me vou autodescartar eu.
– O ano pasado tamén houbo recoñecementos, pero tamén algunha derrota. No Campionato do Mundo de Tiro Paralímpico en Lima lograches a sétima posición final, a pesar dun moi bo comezo na ronda clasificatoria conseguindo un novo récord de España con 626,7 puntos e a un só punto do récord do mundo. Sentiches frustración?
Mais que frustración, estrañeza. Ao final non tes frustración, dino todo pero foi unha situación e unha sensación un pouco estraña porque non entendía moi ben o que estaba pasando na final. Eu pensaba que o estaba facendo ben e cada vez que disparaba estaba convencido de que o tiro ía ser bo, pois resultou que non. Non lle dei moitas máis voltas, algunhas veces gañas e outras non, ao final isto depende un pouco de como teñas o día.
No Europeo tamén me pasou, pero aí xa tiña máis explicación porque estaba con trinta e nove de febre, xa bastante fixen con meterme na final. Pero en Lima en cambio estaba ben, e bastante concentrado, igual me precipitei ou ata un exceso de confianza, pero nin me frustrei nin me cabreei, ao final tes que aceptar que para gañar unha vez tes que perder dez ou vinte.
– Levas algunha lección cando ocorren estas derrotas? Sobre todo nun deporte coma este no que por unhas décimas podes quedar no podio ou fóra del.
Ao final é un deporte, sentiría decepción comigo mesmo se non o dese todo, pero tes que aceptar que, evidentemente, o resto está tamén competindo e compiten para gañarche e que moitas veces o conseguen. Algunhas veces gañas ti e outras eles, é parte do xogo.
Tampouco serve para moito frustrarte, nin cabrearte, igual que tampouco hai que sobrevalorar as medallas porque hoxe podes gañar e mañá non, igual que hoxe perdes e mañá gañas. Nunca se sabe.
Juan Antonio Saavedra: “Comecei nas escolas deportivas do Concello de Pontevedra”
– Para ti que é máis importante que a medalla en si?
Eu iríame cabreado se realmente non o fixese ben, se non o dese todo. Incluso gañando. Ás veces pásame, que gañas a medalla e estás contento por iso, pero sabes que non competiches ao 100 %, ese punto de cabreo e frustración si que o tes porque non fuches capaz de competir, aínda que gañes.
Eu a medalla, ou gañar ou perder, considéroo unha consecuencia de facer as cousas ben, mal ou regular, e ás veces incluso facéndoas regular pois gañas, pero a intención é sempre facelo o mellor posible e ese é o meu obxectivo. Se dou o 100 % e vén outro e me gaña pois non lle podo facer máis, darlle os parabéns que para iso o fixo mellor ca ti.
Tampouco serve para moito frustrarte, nin cabrearte, igual que tampouco hai que sobrevalorar as medallas porque hoxe podes gañar e mañá non, igual que hoxe perdes e mañá gañas. Nunca se sabe.
– Cando comezaches seguramente non había moita información deste deporte. Como chegaches ata el?
Comecei nas escolas deportivas que había no Concello de Pontevedra. Fun, probei e gustoume. Si que o coñecía, sabía que existía e que había un campo de tiro en Pontevedra, pero nunca fora. Dedicábame a nadar, o meu deporte era a natación e xogaba ao balonmán polo que non tiña tempo para outro deporte.
Empecei e durante moitos anos estiven compatibilizando ambos os deportes, non se me daba mal ningún dos dous. En 1998 fun subcampión do mundo en natación e no 2000 foron os meus primeiros Xogos en tiro, pero na natación xa me facía maior, polo cal deixei de competir e centreime no tiro olímpico.
– Que che aportou na túa vida o tiro olímpico?
Sobre todo moitas experiencias. O deporte en xeral apórtache e coñeces xente, cultura, viaxas, ensínache e aprendes a estar centrado, a concentrarte, a superar nervios en competición que logo o aplicas á vida cotiá, a ter unha rutina, a esforzarte para conseguir as cousas.
O deporte non regala, o deporte telo que gañar. Tes que loitar e pelexar por el, calquera deporte che achega ese tipo de valores. Despois a nivel máis persoal, coñeces moita xente, teño amigos por todo o mundo, nese sentido estou moi contento do que fago.
– A concentración que mencionas, neste deporte, debe ser clave.
Si, chegados a certo nivel de competición a diferenza esta aí. Na capacidade que teñas ti de manexar a tensión que tes nunha final. Ao final todo o mundo sabe facer as cousas ben, todo o mundo sabe facer un 10, o problema é sabelo facer no momento que o tes que facer con toda a tensión e sabendo o que tes detrás diso, todo o que supón. Non é o mesmo estar competindo na túa casa, tranquilo, ou no teu campo de tiro, que ter dúas mil persoas detrás gritando, aplaudindo, meténdoche presión. É un pouco diferente.
O deporte non regala, o deporte telo que gañar. Tes que loitar e pelexar por el, calquera deporte che achega ese tipo de valores. Despois a nivel máis persoal, coñeces moita xente, teño amigos por todo o mundo, nese sentido estou moi contento do que fago.
– E despois de tantos anos, cal cres que son os factores claves para conseguir o “tiro perfecto”?
Facer ben a rutina. O tiro perfecto valo buscando, perfecto, perfecto, creo que o fixen tres ou catro veces ao longo da miña vida. O tiro que dis “vaia, incrible”, deses que tes gravados na retina. Ás veces achégaste bastante, pero non chega a ser perfecto de todo.
A competición perfecta é aquela na que si es capaz de estar concentrado, desde o principio ata o final, enfocado e pelexando ata o último tiro. Como a diferenza é mínima, ata o último tiro non se decide nada, incluso nese último tiro, ás veces, tes que tirar un de desempate. Despois de toda a competición, despois de toda a final, todo se decide nun tiro, nun cara a cara, de facer unha décima máis que o outro tirador.
– Cal é o obxectivo nestes Xogos Paralímpicos?
Ser capaz de competir ao 100 %, se son capaz de facelo calquera cousa pode pasar. O normal sería que estivese loitando polas medallas, estes son os meus sextos Xogos, non vou coa intención de vivir a experiencia, iso xa o vivín moitas veces. Eu enténdoo, é normal, todas as persoas que van ao principio, que ese é o seu obxectivo.
O meu obxectivo é ir competir e pelexar polas medallas, o día que vexa que non teña a capacidade de non loitar por iso, pois ese día irei velos pero como espectador.
O meu obxectivo é loitar polas medallas, se o consigo ou non, pois non o sei. Hai que ter a cabeza ben amoblada, mente fría, e saber onde estás e as cousas que tes que facer, ir o mellor preparado posible.
– Queda claro que a idade non é un impedimento para ti, pensas xa nunha sétima participación nos Xogos Paralímpicos ou xa estás pensando nunha posible retirada?
Esa pregunta fanma desde Toquio. Eu, sinceramente, non mo cheguei a propoñer, faime graza que o resto o baralle cando eu non o fago. Son moito mellor tirador hoxe que hai catro anos en Toquio, os meus puntos son moito mellores, e cada vez son mellor tirador e fago mellores puntuacións, entón na miña cabeza non cabe retirarme.
En natación adestraba e chegaba a un punto no que non era capaz de mellorar, ese foi o momento no que decidín retirarme e deixar de nadar. De momento en tiro a sensación que teño é que cada vez que vou adestrar, melloro, entón non penso en retirarme.
Agora mesmo o meu obxectivo é París, e despois de París seguramente sexa prepararme para Os Ánxeles, pero agora mesmo estou pensando en París coa incerteza de que colguen as competicións do ano seguinte, pero non está nos meus plans o de retirarme nin nos próximos dez anos. Non é un escenario que contemplo. Eu non me vou retirar do deporte, ao final é o deporte o que te termina retirando.