Juan Antonio Reinaldo Saavedra - PARALIMPICOS.ES
Juan Antonio Reinaldo Saavedra - PARALIMPICOS.ES

Juan Antonio Reinaldo Saavedra: “Cholo Simeone di que hai que ir partido a partido e eu digo que hai que ir tiro a tiro”

  • A medalla é unha consecuencia, pero non é o meu obxectivo. A miña meta é marchar da competición coa sensación de que o fixen o mellor que sabía.
  • A experiencia venche ben á hora de afrontar a competición, pero dá igual o que fixeras, nin sequera o tiro anterior conta.

Juan Antonio Reinaldo Saavedra (Pontevedra, 1973) comezou no tiro olímpico “por casualidade”, tal e como el mesmo recoñece e benditas casualidades, porque desde que iniciou a súa carreira profesional neste deporte, foron moitos os éxitos acadados. Conseguiu a prata nos Xogos Paralímpicos de Londres 2012, no 2018 quitou o seu billete a Tokyo 2020 tras converterse en oro na Copa Mundial de Tiro, un fito que repetiu tamén en 2021.

Ademais do tiro olímpico, practicaches outros deportes como o balonmán e a natación. Por que, finalmente, te decantaches por este deporte?

O balonmán deixeino porque me detectaron o cancro e tiven que deixar de xogar, foi por obrigación. No seu momento compaxinei natación e tiro, pero chegou un momento en que deixei de competir en natación porque nese deporte nótase moito a idade. Cada ano custábame máis.

E como xurdiu a túa paixón polo tiro olímpico?

En tiro empecei de casualidade, participando nunha escolas deportivas que organizou o Concello de Pontevedra. Dixéronme que había un curso de tiro e anoteime, disto que non tes nada que facer un sábado, sabes? E déuseme ben. O meu primeiro tiro foi un dez e o segundo tamén. De seguida me enganchei. A primeira competición na que participei foi aos seis meses dese primeiro tiro, foi o Campionato de España e gañei. Foi todo unha casualidade, ti vas ao teu, acabas na final e gañas.

Juan Antonio Reinaldo Saavedra, Londres 2012 - PARALIMPICOS.ES
Juan Antonio Reinaldo Saavedra, Londres 2012 – PARALIMPICOS.ES

Es xa un veterano dos Xogos Paralímpicos, xa que estiveches nos de Atenas, Londres, Sidnei e Río. Cres que esta veteranía pode xogar ao teu favor nos Xogos de Tokyo 2020?

Dáche certa confianza e experiencia, malia que a experiencia non che garante nada no futuro. Ao final, en cada competición tes que facer as cousas ben. A experiencia venche ben á hora de afrontar a competición, pero dá igual o que fixeras, nin sequera o tiro anterior conta. O tiro é un deporte do agora, non do pasado e do futuro.

A concentración é fundamental en calquera deporte, pero semella que no tiro olímpico cobra aínda máis importancia. Cales son as calidades que debe ter un bo xogador?

Á hora de tirar son moitas as cousas nas que tes que pensar. Hai que seguir unha rutina estrita paso a paso. O tiro é un exercicio moi mental, pero tamén moi físico, aínda que non o pareza. Hai que ter en conta a postura corporal, a posición de todo o corpo. É como unha tensión controlada. Tampouco podes estar todo o tempo centrado, porque a competición en tiro é moi longa, polo que estar todo o tempo concentrado é imposible. Cholo Simeone di “imos partido a partido” e eu digo que imos “tiro a tiro”.

Juan Antonio Reinaldo Saavedra - PARALIMPICOS.ES
Juan Antonio Reinaldo Saavedra – PARALIMPICOS.ES

Que che aportou o tiro?

Aprendes a controlar o teu corpo e a túa cabeza. Cando estás competindo, tes tensión e tes nervios e, ao final, trátase de afrontar estes medos e superalos. Aprendes a competir con este nivel de nervios e presión e creo que é moi beneficioso neste sentido, porque aprendes a manter esa “calma controlada” da que falabamos. Ademais, é un deporte moi metódico, algo que podes aplicar na vida. Tes que facer un gran esforzo, adestrar moito e ter moita memoria. Cada experiencia tenche que servir para buscar o mellor tiro posible. Ti sabes que ese tiro existe, pero dá a sensación de que nunca chegas a el. Eu das competicións saio sempre coa sensación de que o podía ter feito mellor.

Cres que en Tokyo 2020 vai chegar ese tiro perfecto que che dea o ouro?

A medalla é unha consecuencia, pero non é o meu obxectivo. A miña meta é marchar da competición coa sensación de que o fixen o mellor que sabía.

Se botas a vista atrás, houbo algún cambio no teu xeito de enfrontar a competición?

Cambiou moito, pero cada competición é diferente. Dá igual se son os primeiros ou os primeiros Xogos Paralímpicos. O que cambia é que e te atopas menos peixe fóra da auga. O sistema de competición é o mesmo, pero xa sabes o que tes que facer e a onde tes que ir. Os primeiros xogos estás case como pedindo perdón, pero unha vez que repites xa sentes que é o sitio ao que pertences. Esa comodidade adquírela co tempo.

Juan Antonio Reinaldo Saavedra - XUNTA
Juan Antonio Reinaldo Saavedra – XUNTA

Estes serán os teus 5º Xogos Paralímpicos, planeas tomar parte nuns 6º?

Cando rematen os Xogos Paralímpicos, a miña seguinte meta será competir no Campionato de España e, despois, no de Europa. E si, penso que podería ir aos seguintes Xogos sempre e cando me siga divertindo facéndoo e mentres estea en condicións de seguir. Ata o de agora nunca pensei en deixalo, vivo o día a día. Ao final, a competición acaba poñéndote no teu lugar. En natación sacoume a idade, vin que chegara ao meu límite, pero en tiro non.

Compartir en