- “Xógome o todo ou nada para conseguir medalla no primeiro día”
Este coruñés facía historia aló polo 2018 no deporte estatal ao ser o primeiro nadador con discapacidade física que subía a un podio absoluto en competición convencional en España.
Jacobo Garrido foi bronce en remudas mixtas no Campionato de España 4×1.250m de augas abertas. Logo chegou un terceiro posto no Europeo e o campionato do Mundo en 400m libres no ano 2019, polo que xa ten escrito o teu nome na historia do deporte estatal.
Coas cores do CN Liceo ten batido récords mundiais e estatais na súa modalidade. Agora este mozo galego apunta ao máis alto representando a España e a Galicia nos Xogos Paralímpicos de Toquio.
Di que desde neno sempre quixo “ser o mellor” 0e defínese como unha persoa “moi competitiva”. No obxectivo máis inmediato está unha presea olímpica. Non lle perdamos a pista, estes son os seus primeiros Xogos, pero todo apunta a que non serán os últimos.
Cumprirás os 19 anos en Toquio. Creo que que o teu aniversario é un día antes da inauguración e con dous días sobre os 19, debutarás nos teus primeiros Xogos… Vaia agasallo!
Ao final, estar nuns Xogos é un soño, xa estaba mentalizado de que sería nestas datas.
Menos de 20 anos e xa estás nuns Xogos Paralímpicos. Cando empezaches a soñar con esa posibilidade?
Desde pequeno fun moi competitivo, sempre quixen ser mellor e iso implica tentar chegar a ser o mellor do mundo. Xustamente iso son os Xogos. No 2019 ao saír campión do Mundo tiña claro que o meu seguinte obxectivo era unha medalla olímpica. Quedar primeiro sería o mellor, pero un bronce tampouco está mal.
Cando foi que viches que o soño podía chegar a ser realidade?
En 2018 cambiáronme á categoría S9 e aí xa dixen que quería asistir a Tokyo 2020. No Mundial de 2019 o quedar campión din un paso adiante e con iso a proba olímpica estaba máis preto.
Estudaches no Liceo, de feito levas no Club Natación Liceo desde os 7 anos, din que é unha institución académica na que o deporte intégrase totalmente no día a día do alumnado, foi así para ti?
Si. Sempre me axudaron os mestres e directores. O pasado ano, por exemplo, preparaba os Xogos Paralímpicos e estudaba 2º de Bacharelato. Tiven que ir a sudáfrica a adestrar con xente como Mireia Belmonte e axudáronme para adaptar os exames.
E agora, no CAR de San Cugat, en Barcelona, mudou moito o xeito de adestrar? notas progresión?
Este año ao ser o ano de transición e cambio, pódese mellorar, pero non é o momento no que vou dar o salto de calidade enorme. Iso vén despois. Pero xa notei moita melloría nas probas de velocidade, non tanto nas de fondo, como nas de velocidade. Aquí dedícome o 99% do tempo á natación.
Rematado o bacharelato por onde camiña a túa formación fóra da piscina?
Estou estudando un ciclo formativo dedicado ao deporte, o que era o TAFAD.
Que che levou a optar pola natación?
Non o decidín eu. O médico sempre lles recomendaba aos meus pais que fixese natación. Era un deporte con menos contacto. Eu son moi competitivo e adestrei forte.
Que dirías que che leva aportado o deporte polo de agora?
Toda a miña vida xira ao redor do deporte, incluso as miñas amizades está ligadas ao deporte.
Na túa traxectoria deportiva houbo algún punto de inflexión?
O Mundial de 2019 foi un boom para optar ao máis grande. A partir de aí so podía apuntar a medallas olímpicas. Pero foi o ano anterior, no Europeo, cando quedei terceiro que falei cos meus adestradores e acordamos mudar adestramentos para mellorar rendemento. No primeiro día de volta, no primeiro adestramento, o meu preparador, Jesús, díxome: “prepárate por que vas ser campión do Mundo”. Eu dicíalle que era imposible, e mira.
Vaste perder o desfile de inauguración, xa que compites cedo ao día seguinte.
Na primeira proba xógome o todo ou nada para conseguir medalla. Antes cando pensaba na cerimonia inaugural, dábame pena non estar, decíanme que non fose xa que había de estar canso ao día seguinte, pero por outro lado pensaba: son os primeiros Xogos! Agora que vai ser sen público, xa o teño asimilado.
Que obxectivos te marcas para os Xogos de Tokyo 2020?
Os tres que están diante miña por ránking sácanme uns segundos. Alí pode pasar calquera cousa. Poden mellorar eles, ou podo mellorar eu. O que sei é que vou0me romper a cara contra dos meus rivais e que pase o que teña que pasar.
Os deportistas sodes referentes para a xente nova. Desde a Xunta de Galicia contan con vós para concienciar sobre cuestións de grande calado como a loita contra a violencia de xénero. Cres que cando a mocidade escoita a xente moza coma ti dicir NON á violencia de xénero pode chegarlles máis a mensaxe, vela más próxima?
Si, eu creo que si. Se cadra a min coñéceme menos xente, pero cando son deportistas con máis sona, teño para min que axuda moito.