- A medalla é o obxectivo, pero do obxectivo á realidade hai un treito.
- A clave vai estar na consistencia e en valorar a distancia cos rivais para ver o risco que podemos asumir.
Para Iago López estes serán os seus segundos xogos olímpicos. O regatista de Portosín aspira a loitar por subirse ao podio ao final da Metal Race de 49er. Pero como el mesmo di nesta entrevista “a medalla é o obxectivo, pero do obxectivo á realidade hai un treito”. Ese treito vano percorrer Iago López Marra (proel) e Diego Botín (timonel) navegando nas augas dos campos de regatas habilitados en Enoshima e Sagami.
Segunda participación nuns xogos olímpicos para ti, Iago. Cuns resultados, ademais, moi favorables nas últimas competicións. Con que aspiracións encaras Tokyo 2020?
Pois comezo estes Xogos coa medalla como obxectivo. É a miña segunda participación, xa con máis experiencia e vindo de facer un traballo excelente. Pero claro, ese é o obxectivo, e do obxectivo á realidade hai un treito. Veremos que pasa.
Por desgraza, está a ser unha edición dos Xogos moi condicionada pola situación sanitaria. En que medida afectou a pandemia á túa preparación?
Tivemos un ano máis de preparación polo cambio de data, que ao principio foi un pouco duro porque é como se che cambian o día do exame. A preparación extra, por outra banda, si que nos vai axudar para estar máis fortes na loita polos metais.
Sempre se di que nunha regata pode pasar de todo. Moito máis ao máximo nivel, non? Cal vai ser a clave para poder aspirar aos metais?
A clave, como non podería ser doutro xeito, vai estar en ser consistentes. Ao principio ir pouco a pouco e os últimos días facer unha valoración do risco que podemos asumir. Comprobar a distancia cos rivais, ver as nosas posibilidades…
“Xa hai case dous anos que logramos un subcampionato do mundo, pero somos conscientes do que fixemos e de que podemos alcanzar o éxito de novo”
A realidade é que chegas a estes Xogos cun subcampionato do Mundo no 2019 e tres medallas nos Europeos de 2016 e 2018. É unha motivación extra?
Si, si que o é. É certo que xa hai case dous anos logramos un subcampionato do mundo e un pouco antes un europeo, pero somos totalmente conscientes do que fixemos e de que podemos alcanzar o éxito de novo.
As condicións climáticas en Tokyo tamén van xogar un papel importante para moitas disciplinas. Como se pode anticipar este aspecto en vela?
É moi duro, realmente duro. Moita calor, moita humidade… Pero cando digo moita calor, é moita calor (ri). Temos que parar a beber continuamente porque se non estamos deshidratados e ata levamos chalecos de xeo para refrescar o corpo. Pero en fin, son as mesmas condicións para todos os participantes.
“Temos que parar a beber continuamente porque se non estamos deshidratados e ata levamos chalecos de xeo para refrescar o corpo”
Na comitiva española de vela para este ano hai un nivel indubidable tanto na sección masculina como na feminina. A igualdade de condicións en adestramentos tradúcese en bos resultados?
Si, o certo é que temos un equipazo. Só tres países do mundo lograron clasificar as súas dúas clases olímpicas de vela e España é un deles, polo que non podemos sentir outra cousa que non sexa orgullo. O nivel das rapazas é tremendo e agardamos que poidan conseguir uns resultados de categoría.