Gustavo Nieves
Gustavo Nieves

Gustavo Nieves: “Se todo se dá ben, agardo estar entre os cinco primeiros”

  • “Con 17 anos cando mandaban facer o test de Cooper eu pasábao fatal, e mira agora, ao final acabo sendo deportista de maratón”.
  • “Nestes maratóns de verán os mellores postos son para os que chegan máis sans”.

 

Gustavo Nieves encara os seus sextos Xogos Paralímpicos coa esperanza de acadar unha medalla na distancia de maratón. Na actualidade sitúase en sexta posición no ranking mundial, sendo un dos aspirantes claros a subirse no caixón.

Gustavo Nieves, Maratón T12 - EFE Mikael Helsing CPE
Gustavo Nieves, Maratón T12 – EFE Mikael Helsing CPE

Chega a París nun bo estado de forma logo de sufrir dúas lesións ao longo deste ano, pero cun tempo de recuperación suficiente para loitar polos postos altos.

Apunta que o quilómetro 30 será decisivo de cara a unha boa clasificación nesta proba, pois hai dúas costas importantes nesa zona, que darán boa conta das forzas dos corredores ata os quilómetros finais.

– En que estado de forma chega Gustavo Nieves aos Xogos de París?

Este ano foi un pouco complicado, porque tiven un par de lesións. No maratón de Valencia tiven unha pequena fisura no tendón de Aquiles e despois, como tiña que acreditar unha marca de cara a París, acelerei a recuperación en Hamburgo e tiven un edema no sacro.

Gustavo Nieves, Maratón T12 - EFE Mikael Helsing CPE
Gustavo Nieves, Maratón T12 – EFE Mikael Helsing CPE

Aínda así, desde maio estou adestrando ben e chego, a falta de 5 semanas, sen dores e creo que vou estar nun bo estado de forma, a pesar da idade, que xa teño 42 anos. Se tivese que asinar ao principio do ano competir nestas condicións, faríao.

– Xa son os teus sextos Xogos Paralímpicos. Vívense como a primeira vez?

Cada Xogo é diferente. Os primeiros poden que sexan os de maior ilusión, porque tamén era ese rapaz que saía por primeira vez con 18 anos de Galicia. E indo ata Australia, pois imaxínate!

Estes sextos vívense con ilusión tamén. Non pensas en ningún momento que xa levas 6. Dos que fun, os que máis me gustaron foron os de Londres e estes de París tamén me fan especial ilusión, porque están aquí preto e é o máis parecido ao que temos e desde o punto de vista organizativo considero que están levados de mellor maneira. A xente sempre está animándote todo o tempo. Ademais, nunca estiven en París, así que… dous paxaros dun tiro.

Gustavo Nieves
Gustavo Nieves

– Cal é o teu obxectivo para estes xogos?

Ser competitivo e desfrutar da carreira. Se ambas as cousas se cumpren, posiblemente imos estar na loita polos primeiros postos. Se ves o ranking, estamos practicamente todos entre 2 horas e 23 e 2 horas e 25, polo que a priori vai ser unha proba bastante igualada.

Nestes maratóns de verán os mellores postos son para os que chegan máis sans. Adestrar no verán é complicado polas condicións climatolóxicas. Mais se todo se dá ben, agardo estar entre os 5 primeiros.

– Agardas unhas condicións meteorolóxicas duras?

Non me preocupei bastante por iso. En Toquio foi horrible durante a nosa estancia. Non durante a proba en si, pero durante os Xogos estivemos case sempre a 40 graos e case o 100 % de humidade. En Río foi o mesmo, moita calor e moita humidade. Eu creo que iso en París non o imos atopar. Pode ser que che toque un día de calor, pero eu estou adestrando agora en Madrid, así que xa estou bastante adaptado.

Gustavo Nieves, Maratón T12 - EFE Mikael Helsing CPE
Gustavo Nieves, Maratón T12 – EFE Mikael Helsing CPE

– Ao longo da túa carreira alternas 5.000 e 10.000 metros. Cal é a túa distancia favorita?

Agora mesmo xa o maratón. O corpo xa non me dá esa velocidade. Do 5.000 gustábame que tiñas máis oportunidades de correr ao longo do ano. Sáeche mal unha carreira pero dentro de dúas semanas tes outra, así que podes axustar o teu adestramento.

No maratón tes dous cartuchos ao ano, como moito. Ademais, hai moitos factores externos que te poden condicionar ese día en concreto, que non dependen de ti, que che poden arrebatar unha oportunidade, polo que é moi bonito, pero tamén moi duro. Cada maratón é diferente. Podes ter experiencia, pero as sensacións coas que te atopas son sempre unha incerteza.

– Cando comezou a preparación?

Eu diríache que ao finalizar os Xogos de Toquio. Tomeime seis meses de adestrar ao meu aire, pero en marzo de 2022 xa chamei ao meu adestrador e xa comezamos esa preparación para facer a marca para poder estar en París.

Se continúo, de cara aos seguintes, xa desde París planificarei os clasificatorios do ano 2027.

– Motivado entón para chegar aos Ánxeles?

Agora mesmo atópome ben. Hoxe, diría que si. Cando as cousas van ben, sempre miras con optimismo, pero despois hai que ver. De cara aos Xogos de Toquio adestrei con bastante dor e foi moi complicado.

O que mellor cho pode explicar é Rafa Nadal cando rematou o partido de dobres nestes Xogos de París, que lle preguntaron se ía seguir e respondeu que rematara un ciclo, que tiña que descansar e que despois xa vería.

Gustavo Nieves, Maratón T12 - EFE Mikael Helsing CPE
Gustavo Nieves, Maratón T12 – EFE Mikael Helsing CPE

Se el non tivese esa dor, seguiría adestrando con normalidade e competindo. Eu seguirei ano a ano e se no 2027 teño esa opción, iremos por ela.

Gustavo Nieves: “Se te organizas, hai tempo para todo”

– Como de complicado é compaxinar o traballo cos adestramentos?

Acostúmaste a todo. Diríache que desde que empecei a adestrar e traballar estableces unha rutina para que todo vaia máis programado. Ao principio descubrín que tiña menos lesións que ao comezo da miña carreira, que tiven anos de moito traballo a alta intensidade e agora son máis longos.

Se te organizas, hai tempo para todo. Ademais, este ano puiden acollerme a unha xornada reducida no traballo e teño máis tempo, sobre todo para descansar.

Nestes dous últimos meses, que teletraballo, e este mes, que xa estou máis liberado, podo meter máis volume de adestramento.

Se nun mes normal durante estes anos facía 150 quilómetros semanais, agora podo estar metendo case 200 quilómetros.

Gustavo Nieves
Gustavo Nieves

– Son moitos anos a un gran nivel, cal é o teu segredo?

Ao comezo, cando estaba en Pontevedra, adestrabamos a un ritmo moi duro. Se tivese seguido a ese ritmo, a miña carreira acabaríase ao redor do ano 2012, porque tiña moitos problemas de lesións.

Logo afrouxei, adestrando a un 80 ou 90 por cento, alongando a miña carreira ata aquí, ata París, e incluso podo alongala outros catro anos máis. Entón, diría que rebaixar a intensidade e asimilar o traballo que fas.

Iso que está de moda agora de “adestrar en zona 2” que é rebaixar a intensidade vese que está producindo mellores marcas e que fai que os deportistas suban de nivel.

Se nun mes normal durante estes anos facía 150 quilómetros semanais, agora podo estar metendo case 200 quilómetros.

– Como de complicado foi ter esa perda de vista aos 17 anos?

Daquela eu tiña outro tipo de vida. Xogaba ao fútbol, andaba en moto cos colegas, saía de festa en Ourense…. Unha vida completamente diferente, e dun día para o outro tiven o brote e perdín a vista, practicamente na súa totalidade nun ollo. Visión moi borrosa, e no outro, notei menos agudeza visual.

O cambio foi brusco, porque cousas que facías antes con total normalidade, xa non as podías facer. Non podías xogar ao fútbol, non podía ir coas motos… E empecei a correr polo parque de Castrelos en Vigo como unha maneira de distracción.

Foi xa o meu primeiro paso cara ao atletismo paralímpico. Aí xa comecei a adestrar con Alfonso Ortega e xa me esquecín un pouco de todo o anterior. Cando empezas a competir, primeiro a nivel autonómico, logo a nivel nacional e finalmente a nivel internacional, xa te esqueces un pouco de todo.

O primeiro ano foi complexo polo golpe de realidade, pero agora mesmo, se che digo a verdade, xa nin me acordo de como era ver por completo, e tampouco é algo que bote de menos. Grazas a isto tiven a oportunidade de ser un deportista paralímpico, con todo o que teño viaxado e vivido.

Unha das cousas que digo é que hai que saber verlle o lado positivo ás cousas e ver oportunidades en algo que a priori é un hándicap.

O percorrido de París ten trampas, porque ten dúas subidas nos quilómetros 27 e 35 que hai que chegar aí bastante forte. Se se di que no maratón o muro está no quilómetro 30, neste especialmente. Ademais, vai haber chan empedrado, que para os atletas que temos un problema na visión, pois faise máis complicado.

– Digamos entón que para ti o atletismo foi unha especie de salvavidas?

Si. Abríuseme aí unha ventá de oportunidade que eu nin sequera tiña en mente. De feito, eu cando xogaba ao fútbol, o que peor levaba era o traballo aeróbico. Cando mandaban facer o test de Cooper eu pasábao fatal, e mira agora, ao final acabo sendo deportista de maratón.

A raíz de perder a visión dei un cambio na miña vida e non o desaproveitei. Desde o ano 2000 e seguimos correndo.

– O percorrido de París favorece ou vai en contra de Gustavo Nieves?

O percorrido ten trampas, porque ten dúas subidas nos quilómetros 27 e 35 que hai que chegar aí bastante forte. Se se di que no maratón o muro está no quilómetro 30, neste especialmente. Ademais, vai haber chan empedrado, que para os atletas que temos un problema na visión, pois faise máis complicado.

O que chegue con máis forza a eses quilómetros finais é o que vai levar o gato á auga. A carreira vai empezar no quilómetro 35.

A raíz de perder a visión dei un cambio na miña vida e non o desaproveitei. Desde o ano 2000 e seguimos correndo.

– Tes controlados os teus rivais polos postos altos?

En realidade non sei quen vai correr, porque en atletismo paralímpico temos un ranking mundial, pero non sabemos quen vai. Se vai o gañador de Toquio, El Amin Chentouf, que é un crack e xa gañou os dous Xogos Olímpicos é un claro favorito. Logo o australiano, que é o que ten o récord do mundo, que non sei se participa en maratón, tamén é favorito. Logo están os africanos, que tanto Alberto, o meu compañeiro no maratón, como eu, temos marcas similares.

Logo hai un xaponés… Entre este grupiño de sete ou oito corredores vai estar a loita polas medallas.

Compartir en