O meu futuro no balonmán pasa por seguir atopando a motivación para, en días como o debut nos Xogos, sentir a emoción que sentín.
Para os deportistas é unha responsabilidade dar o 100% para, en momentos tan difíciles como estes, alegrar a xente, aínda que sexa un día ou unha mañá.
O máis bonito que me levo do deporte é ter a posibilidade e a sorte de que me abriu a mente o suficiente para entender que hai varios puntos de vista e despois escoller un. Non sei se o mellor, pero no que eu creo.
Rodrigo Corrales (Cangas, 1991), compite nos Xogos Olímpicos de Tokyo 2020 nunha disciplina de equipo, o balonmán masculino. É un dos chamados Hispanos. A súa posición é a de porteiro.
Cales foron as sensación no primeiro partido dos Hispanos?
Non xoguei pero gañamos de un gol. Foi un partido moi disputado. Xa agardabamos contra a Selección de Alemaña unha partido así. Tivemos sorte que ao final puidemos gañar dun gol, pero o partido podía caer para o lado de calquera dos dous equipos. Nos últimos segundos houbo unha falta en ataque, perdemos o balón e despois xusto eles tiveron o tiro de falta directa que lanzaron por riba da portería e con iso xa nos valeu para gañar.
Comezar con vitoria un torneo sempre dá un plus de enerxía.
Si, para nós era moi importante, porque despois temos un grupo moi complicado. Non é que gañando hoxe xa esteamos clasificados, pero isto dános moita tranquilidade de cara a pasar aos cuartos de final e comezar o campionato con confianza.
A non clasificación para os Xogos Olímpicos de Río foi un duro golpe para os Hispanos. O equipo afronta esta participación cunha motivación extra?
Obviamente. O que pasa é que como nós hai moitos equipos na procura das medallas. Xa non che digo de gañar o ouro, para iso hai moitísimos candidatos, pero nós temos esa motivación. E despois tamén temos o aval de facelo ben os últimos anos. Pero tanto como nós hai moitas selección que son aspirantes, porque penso que moitos partidos se van resolver como o noso contra Alemaña, pola mínima.
Dobre Campión de Europa, Bronce no Mundial deste ano. O ouro olímpico é a meta dunha vida dedicada ao balonmán?
Eu creo que, falando a título persoal, pero tamén a nivel colectivo, é o soño de todos. Nestes Xogos Olímpicos somos seis ou sete xogadores os que debutamos e sentimos que tanto para os novatos como para os que xa estiveron estes Xogos Olímpicos son moi especiais polo ano do que vimos, coa pandemia mundial. Ao final, tivemos un ano para agardar por eles e isto fai que sexan moito máis especiais.
A nivel persoal, para min xogar uns Xogos é un soño e unha recompensa a unha vida dedicada ao balonmán. Non podo esconder que estaba moi ilusionado no primeiro partido. Había moitísimo tempo ou non recordo unha sensación tan bonita para min como hoxe cando ía para o partido e no momento cando puxemos o pé no estadio. E creo que é un momento moi especial porque engloba a todos os equipos cos mellores atletas do planeta.
“Para min xogar uns Xogos é un soño e unha recompensa a unha vida dedicada ao balonmán. Había moitísimo tempo ou non recordo unha sensación tan bonita”
Como se está vivindo o protocolo COVID na vila olímpica?
Xa non é soamente na vila olímpica, ao final levamos todo o ano seguindo protocolos. Unhas medidas ás que ninguén na sociedade estaba acostumado. Grazas a Deus os Xogos Olímpicos estanse a celebrar e os protocolos están á altura dunha responsabilidade tan grande que engloba a milleiros de atletas.
Obviamente os primeiros días hai que acostumarse a isto, porque facemos test cada día, temos que levar a máscara sempre e tamén é unha mágoa non poder desfrutar ao 100% como foron edicións anteriores ao non ter público, pero iso non quita o especial e único que é estar nuns Xogos Olímpicos e que se poidan celebrar ao final é para aplaudir a moitísima xente que fai posible isto.
Pero é verdade que é bastante estraño, porque ao final hai moitísimas normas que cumprir. Por exemplo, nós estamos acostumados a comer todos xuntos e aquí, nos comedores, as mesas están separadas por dous plásticos para non ter contacto e non escoitamos ben ao compañeiro que temos ao lado, co cal faise un pouco estraño, pero é o que hai.
Comparado co que seguides a nivel de clubs, notas algún cambio?
Non, a verdade é que máis ou menos estamos a vivir o mesmo. Cando estamos a nivel de clubs facemos PCR’s dúas ou tres veces por semana. Aquí, ao estar competindo, ao estar na vila olímpica, estámolas facendo todos os días. Empregar a máscara sempre, para os partidos, para os adestramentos, os lugares nos que estás con moita xente.
Ao final é o que vivimos este ano: moitos protocolos, moitas probas, partidos aprazados. Nós tivemos a oportunidade de vir días antes e adaptarnos aquí e estar todos ben que é o importante par poder disputar a competición sen ter ningunha baixa.
Desde que saíches do Balonmán Cangas, pasaches polo Barcelona, Huesca e en 2014 xogas fóra de España. Aínda segues os partidos da Liga Asobal e do teu clubs de orixe?
Sobre todo cando sigo da Liga Asobal, sigo os partidos do Cangas claro. Son unha persoa á que lle gusta moito o deporte e co cal pois aproveito todas as oportunidades que temos para ver moitísimos deportes. Obviamente vexo máis o balonmán, pola parte que me toca. E sigo ao Balonmán Cangas, que é o meu club do berce, é o club onde me formei, a vila onde nacín e cada vez que teño a oportunidade ver os partidos, vexoos. Hai unha aplicación da liga, moitos partidos os dános pola tele, entón podo seguilos. Ademais cun club como o Cangas, que nos últimos anos está pelexando pola permanencia e por exemplo este ano salvouse na última xornada, sófrese bastante, pero despois soe acabar coa alegría de que o equipo se manteña outro ano máis na máxima categoría.
E falando de Cangas, que pode ter unha vila tan pequena para que saían tantos olímpicos de aí?
Creo que é incrible. É incrible o que pasa en tan poucos quilómetros cadrados. Non é unha vila tan grande, non chegamos ás trinta mil persoas. Unha vila, como moitas en Galicia, de tradición mariñeira. Unha vila que ten un ambiente no que se respira moito deporte. No meu caso, ao ter o Balonmán Cangas na máxima categoría é doado introducirse neste deporte.
No caso dos clubs da ría de Aldán por exemplo, é obvio que teñen moitísimo traballo e reputación no piragüismo e saen moitísimos mozos e mozas, tamén noutras disciplinas. É incrible ver como a nivel olímpico tempos a honra de ter a David Cal, con cinco medallas olímpicas, a Carlos Pérez Rial, poder contar coa sexta participación de Teresa Portela. Tamén está Rodrigo Germade ou Iván Villar, que é amigo meu, que vai coa Selección Olímpica de Fútbol. Ao final, pois é un orgullo para nós.
“Isto ao final é para a xente do noso pobo, pero gústanos moito que a xente en Galicia se sinta feliz e orgullosa coa nosa participación, xa non só nos Xogos Olímpicos senón en todas as competicións”
Sempre digo o mesmo, para o deportistas, e máis coa situación na que estamos vivir, é unha responsabilidade de dar o 100% para, dalgún xeito, alegrar a xente aínda que sexa o día ou a mañá. Que se sintan identificados con nós e que saiban que nós representamos con moito orgullo a nosa vila de Cangas e, obviamente, a todo o territorio galego. Porque isto ao final é para a xente do noso pobo, pero gústanos moito que a xente en Galicia se sinta feliz e orgullosa coa nosa participación, xa non só nos Xogos Olímpicos senón en todas as competicións.
E a nivel estatal, pois repito, neste momento tan complicado da sociedade que vexan que podemos darlle unha alegría e que se sintan identificados con nós, cos nosos valores e coa nosa forma de sacar as cousas para adiante.
Encontro casual coa medallista Adriana Cerezo
Si, ao final, viuse hoxe coa medalla en Taekowondo dunha moza de 17 anos, que todo o mundo estaba pendente da televisión para ver a final.
O outro día eu estaba camiñando pola Vila Olímpica e estaba ela buscando a delegación española. Eu pregunteille e díxenlle onde estaba, e estivemos falando un rato, e foi súper gracioso porque me dixo: “Ah, ti xogas a balonmán, meu pai xogaba a balonmán”, non sei que e tal. Pregunteille que facía ela, díxome que taekwondo e desexeille sorte. Cando a vin non imaxinaba o seu potencial. Eu son unha persoa de dous metros e 30 anos, e a ela a vía coma unha rapaza, aínda ten cara de rapaza. Xusto ao acabar o partido xa comecei a ler que nos cuartos batera a chinesa, que nunca caera por KO nas competicións internacionais e que é unha das mellores de todos os tempos. En semis gaña a unha turca por 39-19 e na final escapóuselle o ouro a falta de tres segundos. Pois imaxínate a emocións que nos transmitiu a nós esa rapaza. Ao final é un símil do que temos que facer nós a nivel colectivo.
O que ela transmitiu hoxe unindo a moitísima xente e que nós queremos facer. Tentar facer a xente feliz, porque creo que hoxe vendo o sorrir desa rapaza, ver a súa capacidade, aínda que non conseguiu chegar ao máis alto, ver como se superou nesta competición, é o obxectivo de todos os deportistas, co que soñamos todos tamén. Estar na final é todo un logro, é máis con 17 anos! Que eu teño 30 e estou a vivir os meus primeiros Xogos Olímpicos, con esa idade ten que ser incrible. Eu creo que aínda non é consciente do que viviu e alégrome moitísimo por ela.
Con 30 anos e unha carreira chea de éxitos a nivel de clubs e selección, cal é o futuro de Rodrigo Corrales no balonmán?
Pois o futuro agora mesmo, e máis no mundo do deporte, mídese en obxectivos a curto prazo. O obxectivo que temos a dúas semanas vista é tentar chegar á cima olímpica. Tentar competir en todos os partidos para chegar ao máis alto. O balonmán non é un deporte no que se pare moito, porque xogamos competicións no mes de xaneiro, practicamente non temos Nadal.
Este verán, como temos os Xogos Olímpicos, tampouco temos moitas vacacións. Despois dos Xogos teremos unha semana de cortesía e volveremos ao traballo. O futuro baséase en tentar facer un bo papel aquí e facer o mesmo co club, que ten aspiracións de gañar a Liga de Campións.
Despois tampouco penso en moito máis, porque no deporte o máis coherente é ir ano a ano, ver como te sentes. Obviamente, con 30 anos, xogando como porteiro, síntome moi ben, con moita confianza e con capacidade para seguir moitos anos máis. Isto fáloche a día de hoxe, dígoche que estou moi contento e con moitas gañas de seguir moitos máis anos no balonmán. Despois, como todo no deporte, se a perdes dis que non tes tantas ganas de seguir xogando, pero a verdade é que non.
O obxectivo é seguir cumprindo soños. Nestes Xogos Olímpicos cumprín un soño que tiña desde pequeno e hoxe facía moitísimo tempo que non sentía algo tan especial. O orgullo por ter chegado ata aquí porque é algo incrible. Polo tanto, o meu futuro no deporte, no balonmán, pasa por seguir atopando a motivación para que, en día como os de hoxe sinta, o que sentín. E mentres pase iso seguirei xogando. O día que non, ou o día que non me vexa capacitado para seguir xogando pois deixareino, pero os porteiros de balonmán duramos moitos anos.
En Francia, onde xogaches ata a pasada temporada, conseguiuse asinar este ano o convenio colectivo para o balonmán feminino, que recoñece a baixa por maternidade e unha suba do salario mínimo, algo que en España non existe. Cres que o noso país está menos avanzado que outro países europeos en materia de igualdade?
No noso país hai cousas nas que estamos máis avanzados e nesta eu penso que tamén. Falar así tamén é falar moi xeral. Por facer a comparación, facémola con Francia. Hai moitos países, sobre todo pensando en Europa, hai países escandinavos ou nórdico que, pola súa cultura, poden ser máis equilibrados, pero hai outros países que menos. Eu sempre penso que nestes casos, xa non só cando hai desigualdade de xénero, senón calquera tipo de desigualdade, pois racial, por calquera tipo, non é conformarse con quen está mellor, hai que tentar de buscar ferramentas para mellorar sempre.
E neste caso, coa campaña que se fai en Galicia, co “Non á violencia de xénero”, a reflexión que fago sempre con este tema é que estamos facendo unha campaña cunha cousa que non debería de existir. O triste de facer unha campaña da violencia de xénero é que moita xente non teña de base, pola súa educación, que isto non debería existir, porque a violencia de xénero é un dos peores males que hai na sociedade.
É triste que haxa mulleres neste caso que sufran a violencia, que é unha cousa que é contranatural. Non pode ser que unha persoa abuse da forza contra outra. Este é un tema moi delicado no que a día de hoxe non estamos no obxectivo que sería cero violencia de xénero, estamos, se cadra, lonxe desa meta. Entón é moi importante visibilizar unha campaña como esta.
Despois temos a igualdade de xénero. No caso de Francia, foi unha proposta moi interesante por parte da Liga de defender os dereitos laborais das mulleres igual que os homes. Eu son unha persoa que leo moito e creo que hai dous países no mundo que lideran a igualdade de xénero por dúas razóns moi curiosas. Un foi Ruanda, que polo xenocidio que houbo no ano 1994, as mulleres ocuparon postos de traballo nos que estaban moitos homes que foron asasinados e continuouse con esta política de que as mulleres tivesen que ocupar postos de policías, médicos, bombeiros… e agora séguese con esa tradición.
E o outro país é Islandia, porque teñen unha cultura moi interesante, no que dá igual se es home ou muller, cando vas facer unha entrevista de traballo non van mirar nunca se tes a posibilidade de ter un fillo ou unha familia. No caso dos homes, se a túa muller ten un fillo, tes a obriga de coller a baixa. Se non a colles, tes que pagarlle ao Estado, no caso de collela, páganche a ti. Entón aí si que realmente tes que ter moi bo traballo para que che compense pagar a multa por ir traballar.
O que fan na liga de Francia parece que é unha revolución e simplemente é un dereito básico. Garantirlle a unha muller a liberdade para escoller o momento no que decida ser nai, sen ver comprometido o seu futuro. Porque xa non é só o seu, tamén é o de seu fillo ou filla. Iso é o que eu creo que son novas que saen, pero creo que entre todos temos que loitar para que iso sexa a normalidade e a lexislación sexa así. Non sei ten que ser responsabilidade do club, da federación, do goberno, axudas da Xunta o Deputación ou de quen sexa, pero hai que atopar un equilibro na sociedade para que as cousas funcionen. E por iso a min gústame moito participar na campaña “NON á violencia de xénero” da Xunta de Galicia, porque creo que aínda hai moito camiño por percorrer.
E ao final creo que somos unha sociedade que podemos mellorar moito, para eliminar todo tipo de discriminacións, como che dicía antes, como de xénero, raciais ou de calquera tipo. As persoas hai que tratalas polo seu valor persoal, independentemente de idade, sexo, raza. É o que creo. Xa vivín en catro países, falo bastantes idiomas, coñezo xente de moitísimos sitios do mundo e ao final o máis bonito que me levo do deporte é ter a posibilidade e a sorte de que me abriu a mente o suficiente para entender que hai varios puntos de vista e despois escoller un. Non sei se o mellor, pero no que eu creo.
Gústame estar informado, estar ao día e axudar. Non é a única cousa na que axudo. Agora mesmo arrepíame a sensibilidade cos animais. Desde o momento no que tiven un can, deime conta que axudando nas canceiras, falando con eles, da cantidade de problemas que hai e que veñen da educación base. Eu sempre digo que na escola tiñan que ensinar o respecto ao noso entorno, ao medio ambiente, aos animais e ás persoas. Creo que é unha das cousas das que podemos mellorar na educación.
Gústame colaborar coas cousas nas que aínda hai moita marxe de mellora para ter un mundo máis equilibrado. As persoas non van ser sempre perfectas, todos van ter momentos, pero na escola, na ensinanza básica, pódese ensinar aos nenos que teñan respecto por todo o que lles rodea. Así, un neno vai a copiar a outro neno, outro a este e ao final crearase unha sociedade mellor.
Hai que traballar desde a base, igual que no balonmán. Se van todos os rapaces a adestrar, un cópialle a outro, outro a outro e ao final acabas xogando a isto. Se traballas desde a base a podes chegar a cousas moi boas.