Ester Navarrete durante un adestramento en pista
Ester Navarrete durante un adestramento en pista

Ester Navarrete: “O circuíto de París é duro, ten subidas e baixadas”

  • “O meu obxectivo é quedar entre as primeiras europeas”.
  • “Din que teño moita marxe de mellora e iso dáme moita seguridade”.

 

O caso de Ester Navarrete (Vigo, 1990) é realmente inusual. Esta atleta e enfermeira galega estará nos Xogos Olímpicos de París 2024 competindo nunha das probas máis duras: o maratón. Pero o sorprendente é que ata febreiro deste ano nunca afrontara esa distancia nunha competición.

Ester Navarrete competiu en cros, en pista, afrontou os 5.000 m e os 10.000 m, de feito leva no atletismo desde os nove anos, pero o de ser olímpica non era algo que entrase na ecuación vital desta viguesa ata hai pouco cando rompeu todas as previsións proclamándose campioa de España de maratón a primeira vez que corría esa distancia. Asinou a segunda mellor marca española feminina da historia nesta proba e gañou a pulso o seu billete a París 2024. Poderiamos dicir que o seu foi chegar e encher, pero o certo é que detrás desta clasificación olímpica hai moitos anos e quilómetros de traballo.

– Empezaches no atletismo con 9 anos, non es nova correndo, fixeches cros, probas de pista, pero onde es unha ‘novata’ (se me permites a licenza) é no maratón que é xusto o que ao final te leva a uns XX. OO. Cando e como empezas a aumentar quilómetros de 5.000 a 10.000 e así ata chegar ao maratón?

O meu adestrador sempre me retivo para non facer moitos quilómetros nin facer longas distancias, sempre me dicía que tiña moito tempo e moita carreira deportiva, que había que facer primeiro as probas curtas e traballar a velocidade. Con todo, eu encontrábame cómoda en probas longas. Con 19-20 anos pedinlle que me deixase probar e deixoume, foi o meu primeiro Campionato de España Sub-23 de 5.000 e gañei a medalla de prata. A partir de aí seguín nos 5.000.

Para chegar aos 10.000 pasaron uns anos, iamos aos poucos incrementando quilómetros, e fómonos metendo en 10.000. Nestes cinco últimos anos si que nos centramos máis nos 10.000, incrementamos máis quilometraxe, metemos máis series para esta distancia e entramos en Copas de Europa coa selección.

– Como chegas a maratón que é este último paso?

No Campionato de España de xullo do ano pasado dinme que, de fronte ao seguinte ano (este), o Europeo será en Roma e vai haber un equipo español para o medio maratón, e dinme que tente ir. Valóroo. O meu representante tamén o ve. E preparamos o medio maratón de Valencia para tentar facer a mínima para o Campionato de Europa. Saíu moi ben. E así como terminei, ese mesmo día e ao longo desa semana empezáronme a dicir, Ester, pásate a maratón. O meu representante tamén me dicía “tes que facer maratón”. Reuninme coa miña familia e o meu adestrador e empezámolo a debater. Quixemos arriscar e ver como aceptaba eses quilómetros e valorar.

Fomos metendo quilómetros e funme atopando ben. E fomos ao maratón de Sevilla.

– En Valencia, en 2023, na terceira ocasión na que corres un medio maratón, acadas o récord galego (tíñao Julia Vaquero desde 1998) cun tempo de 1.09:58, é correcto?

Para min significou moito. Julia é unha persoa moi importante no atletismo. Foi un referente moi importante no atletismo español. Para min era unha persoa estratosférica, inalcanzable. E estar entre as tres primeiras de España aínda máis.

– Este ano debutas na distancia dos 42,195 km no Maratón de Sevilla e rematas a proba primeira. Sei que detrás de todo isto hai anos de adestramentos e competición, pero non me negarás que con respecto ao maratón o que ti fixeches en Galicia chamámoslle “chegar e encher”, ou non?

Foi así: “chegar e encher”. Nese momento non sabía nin o que acadara. Sabía que tiña unha mínima, estar preseleccionada, pero conseguira moitas máis cousas ao mesmo tempo. Foi un pouco shock. Pasaron semanas e custoume asimilalo. Foi un shock e un soño.

Ester Navarrete durante un adestramento en pista
Ester Navarrete durante un adestramento en pista

– Fuches campioa de España cun tempo de 2.24:40, a segunda mellor marca española de todos os tempos, e mínima olímpica. Para ser a primeira vez… pinta moi ben!

Dimo todo o mundo: “tes moita marxe de mellora se no primeiro maratón fas esta marca con máis preparación e experiencia imaxina o que podes facer”. Dáme moita seguridade que mo digan. Véxome tan cómoda nesta distancia que espero que sexa verdade.

Ester Navarrete correrá a maratón nos Xogos Olímpicos de París 2024
Ester Navarrete correrá a maratón nos Xogos Olímpicos de París 2024

– No Europeo en Roma fuches parte do equipo español que conseguiu o bronce no medio maratón, remataches como segunda española cun tempo de 1.11:08. Daquela dixeches que te atoparas ben na carreira, semella que chegas nun bo momento de forma a París, é así?

Si. Isto foi un test previo para París. En realidade non era o meu obxectivo, o meu obxectivo son os Xogos. Acabei con moita forza, fun remontando. Quedo con esas ganas de seguir adestrando e querendo máis, con esa ambición e gárdoo para expoñelo en París que é o meu obxectivo. Foi un test bastante bo que me serve para ter máis seguridade e para ver que as cousas van ben.

Ester Navarrete durante o Europeo de media maratón en Roma / SPORTMEDIA
Ester Navarrete durante o Europeo de media maratón en Roma / SPORTMEDIA

Ester Navarrete: “Roma foi un test para París que é o meu obxectivo”

– Para ti non existiu o ciclo olímpico. Todo chega un pouco precipitado. Pero os tempos indican que este é o teu momento. Como estás a preparar a recta final cara a estes Xogos?

Baseámonos moito na preparación de Sevilla. Pero cambiamos só un par de cousas, sabemos que o circuíto non será un circuíto de facer marca nin de correr. Será moi esixente, moi duro. Estamos a traballar moito a forza e cousas que non puidemos traballar en Sevilla.  Os ritmos xa son fortes, agora tócame meter moita quilometraxe para chegar ben. Cambiamos un par de cousas para afrontar ese percorrido tan duro.

– É a túa primeira cita olímpica, o soño de todo deportista, pero se cadra hai uns anos nin pensabas en acadar un éxito tal, ou si?

Vou ser sincera, eu sempre quixen chegar a uns Xogos pero víao inalcanzable, un reto bastante difícil e tras ser mamá nin mo expuxen. Pero isto chegoume como un soño. Todo o traballo que fixen vese reflectido agora.

Ester Navarrete durante un adestramento en pista
Ester Navarrete durante un adestramento en pista

– Coñeces o percorrido que afrontarás e as condicións que se prevén, cousas como temperatura, humidade, creo que os desniveis son unha das características do circuíto.

Fun facer recoñecemento do circuíto. Paréceme importante saber onde vou competir e máis despois do que escoitei, que ía ser moi duro, con pendentes con gran desnivel. Plantámonos alí e vimos que aínda era máis duro. Imaxina a dureza que poden ter esas costas que teñen unhas pendentes dun 13 % que é unha barbaridade. Sobre todo na parte final do maratón que é cando xa vas ao límite, cando a musculatura xa sufriu bastante.

Pero máis que as subidas, hai unha baixada de 2 km que pode amolar moito, pode pesar moito muscularmente. Pero hai que prepararse para todo. Non é imposible. Cando fomos ía frío, choiva, e era xuño, pero pode haber calor e facerse un circuíto moi, moi duro.

O circuíto de París é moi duro. Imaxina a dureza que poden ter esas costas que teñen unhas pendentes dun 13 % que é unha barbaridade. Sobre todo na parte final do maratón que é cando xa vas ao límite, cando a musculatura xa sufriu bastante. Pero máis que as subidas, hai unha baixada de 2 km que pode amolar moito.

– Que atletas ves coma favoritas para esta proba?

Pode pasar de todo. Non creo que sexa un circuíto para as kenianas. Alguén que estea afeito a facer trails, probas máis esixentes, de montaña… pode facérselle máis doado este circuíto.

– Poderíamos inferir das túas palabras que a túa experiencia en cros pode virche ben para esta cita?

Si. Creo que o cros é unha base moi boa para este circuíto aínda que sexa de asfalto.

– Cal é o teu obxectivo en París? 

O meu obxectivo é quedar entre as primeiras europeas. Xa, non todo depende de min, tamén están factores externos como o calor que me parece moi importante á hora de afrontar este maratón.

O meu obxectivo nos Xogos Olímpicos de París é quedar entre as primeiras europeas.

–   Cal consideras que é o teu punto forte no maratón e cal o feble?

O meu punto forte é a forza. Sei que teño moita forza. Son unha persoa que sobe ben as costas, pero o meu punto débil é baixalas. Vou máis reservona por ser máis precavida.

– Ademais de atleta, es enfermeira, pero agora mesmo non exerces para poder preparar ben este reto deportivo. Cando rematen os Xogos tes pensado que vas facer, volver compaxinar deporte e traballo, manterás esta aposta polo atletismo?

Fíxenme autónoma para dedicarme a isto, agora a miña profesión é ser deportista e é incompatible coa enfermería polos horarios irregulares que temos. Eu non teño unha praza fixa e ao final non descansas, tes un estrés engadido moi grande. Necesitas ter unha rutina con adestramentos, descansos e comidas.

Quixen pensar o que farei tras os Xogos, pero decidín non pensalo porque me xeraba incerteza e estrés… Gustaríame facer outro maratón e baixar esa marca porque creo que podo.

– Entón o que pase logo dos Xogos, xa o pensaramos logo dos Xogos?

Si.

Ester Navarrete durante un adestramento
Ester Navarrete durante un adestramento
Compartir en