- A práctica deportiva ensínache valores como respectar aos teus maiores e ser responsable en cada paso que dás na vida.
- Agora non temos representante feminina no boxeo pero está a facerse un bo traballo para poder ter representación feminina en París.
O camiño vital de Enmanuel Reyes ata chegar á Coruña e poder cumprir seu soño de progresar no boxeo, daría para encher as páxinas dun libro enteiro. Saíu da súa Cuba natal buscando novas oportunidades que atopou na cidade herculina no ximnasio dos irmáns Planas, o Planasbox. O profeta é un peso pesado que di que o boxeo é “sacrificio”, unha máxima que se repite en moitas disciplinas deportivas.
No mundo do boxeo detrás de cada alcume sempre hai unha gran historia. De onde vén o de ‘O Profeta’?
O alcume do profeta vén por mor dunha competición que era semi profesional e todos se puxeron alcume de animais. Eu decidín poñerme ‘O profeta’ porque a miña avoa inculcoume o cristianismo e por iso o puxen. Creo que foi ben acertado.
Ás túas costas queda un pasado difícil sempre cheo de trabas e obstáculos. Que lle achegou o deporte a Emmanuel Reyes e que supón para ti disputar uns Xogos Olímpicos?
O deporte ensinoume moito, a crecer, a converterme en home e depender só do meu traballo. Crecín e madurei como persoa grazas ao deporte e aprendín a respectar a todos grazas a el. Estar agora aquí disputando uns Xogos Olímpicos é un soño feito realidade. Grazas a Deus e tamén grazas a España por darme a oportunidade e a confianza de poder representar este país.
Desde a túa perspectiva, cres que o deporte pode chegar a cambiar vidas?
Por suposto, o deporte pode cambiar vidas. Ensínache valores como respectar aos teus maiores e ser responsable en cada paso que dás na vida.
Podemos dicir que Galicia supuxo un punto de inflexión na túa carreira e foi clave para que poidas estar hoxe nos Xogos Olímpicos de Tokyo 2020?
Galicia, e en especial A Coruña, déronme todo o seu apoio. Dou grazas ao meu club, Planasbox e cada unha das institucións que puxeron toda a súa confianza en min.
Que é no primeiro que pensas en canto pos un pé encima do ring?
Trato de estar concentrado no que pasa enriba do cuadrilátero. Son unha moi crente e pídolle a Deus que me coide, me dea sabedoría e forza para vencer e continuar o camiño que el está a facer para min.
Cres que hai igualdade no deporte?
Xa se está vendo unha maior igualdade. Agora non temos representante feminina no boxeo pero está a facerse un bo traballo para poder ter representación feminina en París. A igualdade no deporte está a verse e iso é xenial.
Nunha soa palabra, o boxeo é…
Sacrificio.