Enmanuel Reyes Pla / EFE - SASHENKA GUTIÉRREZ
Enmanuel Reyes Pla / EFE - SASHENKA GUTIÉRREZ

Enmanuel Reyes: “Chego a estes Xogos Olímpicos de París co obxectivo claro de conseguir a medalla de ouro”

  • “Paciencia, tranquilidade e alegría” son as tres palabras que Enmanuel Reyes elixe para definirse.
  • “Nestes Xogos Olímpicos estou mellor preparado física e mentalmente”.

 

El ProfetaEnmanuel Reyes (La Habana, 1992) participará nos seus segundos Xogos Olímpicos co obxectivo claro de volver á Coruña coa de medalla de ouro ao peito.

Tras máis de 20 anos subido a un ring, recoñece estar desfrutando máis do camiño desta segunda experiencia olímpica e di estar a pasar por unha etapa doce da súa carreira.

Sen esquecer nunca as súas orixes e a súa familia da súa Cuba natal, ‘El Profeta’ chega  a estes XX.OO. de París 2024 cargado de paciencia, tranquilidade e moita alegría para cumprir todos os seus soños.

Presentación do equipo olímpico de boxeo con Enmanuel Reyes Pla / EFE - SASHENKA GUTIÉRREZ
Presentación do equipo olímpico de boxeo con Enmanuel Reyes Pla / EFE – SASHENKA GUTIÉRREZ

Co traballo feito en Italia e o billete para os teus segundos Xogos Olímpicos, cal é o obxectivo para París?
O meu obxectivo en París é claro, quero a medalla de ouro. Estou adestrando física e mentalmente para lograr este obxectivo e coa axuda de Deus espero logralo.

Es un deportista con percorrido que leva máis de 20 anos boxeando. Como chega Enmanuel Reyes Pla a estes XX.OO.?
Chego a estes Xogos Olímpicos mellor preparado física e mentalmente. Estou a desfrutar máis que os primeiros Xogos de Toquio. Estou seguro de que París será algo fermoso para min e para o boxeo español e galego.

O boxeo é un deporte moi esixente a nivel físico e mental, cal é o maior sacrificio que tes feito para dedicarte a este deporte?
O maior sacrificio é estar lonxe do meu fillo e da miña familia. Por desgraza, non lle puiden dedicar todo tempo que merece para estar co meu fillo, pero todo este esforzo e dedicación tamén o fago polo seu futuro e para que poida ser una boa persoa.

Presentación do equipo olímpico de boxeo con Enmanuel Reyes Pla / EFE - SASHENKA GUTIÉRREZ
Presentación do equipo olímpico de boxeo con Enmanuel Reyes Pla / EFE – SASHENKA GUTIÉRREZ

Enmanuel Reyes: “Estou listo para enfrontarme a Julio La Cruz ou a calquera dos demais contrincantes”

Gustaríache ter un desquite con Julio La Cruz? Como lembras ese combate nos pasados Xogos Olímpicos de Toquio?
O combate con Julio La Cruz xa todo o mundo o viu en Toquio e agora, no caso de repetirse, volvería a facer o meu traballo, pero desta vez estou seguro que o faría moito mellor que nos anteriores Xogos. A estes xogos de París 2024 chego mellor preparado e non deixarei dúbidas, estou listo para enfrontarme a el ou a calquera dos demais contrincantes.

Cambiaches en algo a túa preparación con respecto aos anteriores Xogos Olímpicos?
Chego mellor preparado e coa idea moi segura de volver a desfrutar deste deporte e de querer gañar a medalla de ouro nestes Xogos.

Que non pode faltar na maleta de Enmanuel Reyes cando viaxa a uns Xogos Olímpicos?
Non pode faltar o sagrado Corán e a Biblia da niña avoa paterna.

Evolucionou a igualdade no deporte? Cres que aínda queda camiño que percorrer?
Afortunadamente si evolucionou e seguirá evolucionando coas previsión que hai nos Xogos Olímpicos de Os Ánxeles para que sexan 5 divisións de mulleres e 5 de homes, que creo que xa é un paso importante.

Presentación do equipo olímpico de boxeo con Enmanuel Reyes Pla / EFE - SASHENKA GUTIÉRREZ
Presentación do equipo olímpico de boxeo con Enmanuel Reyes Pla / EFE – SASHENKA GUTIÉRREZ

Que outros deportes segues ou es seareiro ademais do boxeo?
Gústanme case todos os deportes pero non teño preferencia por ningún. Gústame mirar, observar e aprender doutras disciplinas e doutros deportistas.

Como estamos seguros/as de que volverás cunha medalla de París, a quen lle dedicarás o metal? Pódese saber?
Antes de nada a Deus, porque el encamiñoume desde que nacín ata chegar onde estou agora. E, por suposto, tamén á miña familia porque estivo sempre presente, apoiándome. Non podo esquecerme de todo o meu equipo de boxeo español, desde os federativos, adestradores, compañeiros/as e ao meu club en Galicia por sempre darme o seu apoio incondicional. E tamén a Galicia, por acollerme como un máis e por darme toda a axuda para estar aquí nestes Xogos Olímpicos de París. E a este gran país como é España onde volvín nacer.

Para acabar, dinos tres palabras que definan o ‘Profeta’.
Paciencia, tranquilidade e alegría.

 

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Enmanuel Reyes Pla (@reyespla)

 

Compartir en