Diego Domínguez, padexeiro, competirá nos Xogos de París 2024 na proba de C2 500m
Diego Domínguez, padexeiro, competirá nos Xogos de París 2024 na proba de C2 500m

Diego Domínguez: “Trataremos de volver cunha medalla para a casa, oxalá sexa un ouro”

  • “Creo que deberiamos centrarnos en gozar moito máis do proceso, moito máis do que o facemos”.
  • “Agora mesmo estou cansado fisicamente, pero en canto ao psicolóxico estou bastante ilusionado”.
  • “Coñecemos os nosos rivais, Brasil ten catro medallas olímpicas e irá a por máis, e o barco alemán vén de quedar Campión do Mundo o ano pasado, son os rivais máis fortes”.
  • “Adoito dedicar os meus logros á miña nai, que faleceu hai 4 anos”.

 

Diego Domínguez Martín é un deportista madrileño afincado en Galicia que compite en canoa na modalidade de augas tranquilas e que forma parte do equipo español de piragüismo, compite tanto de xeito individual como en C2. Xustamente estará en París na proba de C2 500 m.

Actualmente, aos seus 21 anos, atópase estudando o Grao de Publicidade e Relacións Públicas na Universidade de Vigo, compaxinando os estudos coa súa carreira deportiva.

Esta será a súa primeira participación nuns Xogos Olímpicos. Debutará en París na mañá do 6 de agosto. Esa é a data prevista no calendario dos XX.OO. para o arranque das series clasificatorias do C2 500 m masculino. Logo, se todo vai ben, chegarán os cuartos de final ese mesmo día. As semifinais nesta disciplina e distancia están marcadas para o xoves 8 de agosto, tamén en horario matutino. Ese mesmo día está fixada a final para os aspirantes a medallas e diplomas no C2 500 m masculinos.

Diego Domínguez pertence á disciplina do Club CMDC Breogán do Grove. No C2 500 fai parella co padexeiro mallorquino Joan Antoni Moreno. A prata acadada na Copa do Mundo de Sprint Olímpico que asinaron en Szeged (Hungría) foi o seu billete para París 2024.

Diego Domínguez, padexeiro, competirá nos Xogos de París 2024 na proba de C2 500m
Diego Domínguez, padexeiro, competirá nos Xogos de París 2024 na proba de C2 500m

– Como foron os teus inicios neste deporte? A que idade empezaches a adestrar?

En realidade empecei por unha casualidade, con 6 anos estaba paseando coa miña familia polo lago da Casa de Campo de Madrid e atopámonos cun ex compañeiro de colexio do meu pai que estaba facendo piragüismo. Foi o seu compañeiro quen lle propuxo apuntarnos ao meu irmán e mais a min, xa que había un grupo súper bo de rapaces, así que o meu pai apuntouse primeiro para tentear un pouco o terreo e logo entrou meu irmán aos 6 meses e aos outros 6 meses empecei eu.

– Compartes afección coa túa familia entón.

Si, sobre todo agora mesmo xa o meu pai non, non rema tanto. Si que segue en contacto e de feito é presidente do club no que empezamos pero non está xa remando tanto, e o meu irmán si que segue, de feito, a un nivel súper alto tamén indo a competición oficiais e campionatos europeos.

– Por que escolliches o piragüismo e non outro deporte?

Pois eu era moi futboleiro, antes de empezar co piragüismo xa adestrada a fútbol nos equipos do colexio, de feito o fútbol deixeino ao redor de 12 anos, que aí foi cando xa me centrei máis no piragüismo A min ao principio o piragüismo non me gustaba demasiado porque pasaba moito frío e un neno pequeno tampouco entende moi ben por que está a pasar frío podendo ir xogar cos seus amigos ao fútbol.

Así como anécdota, sempre lle pedía ao meu pai que me desapuntara de piragüismo e o meu pai seguíame apuntando como dicindo, “Boh, ao final vai competir e pasalo ben cos outros nenos. É un deporte san”, e ao final, aínda que non o vira daquelas, era bo para min.

– Cando caes na conta de que padexar dáseche ben e que podes ter unha traxectoria deportiva destacada como canoísta?

Pois mira, como che dixen, meu irmán está a un nivel alto. El ten 4 anos máis ca min, desde os 11 anos xa comezou a gañar os campionatos de España. Eu na casa sempre vin como o meu irmán gañaba medallas de ouro, porque ademais el gañaba absolutamente todo de pequeno. Entón eu creo que ao ter un pouco esta referencia, pois ti queres ser como o teu irmán.

Eu creo que cando me dei conta de que realmente podía ser bo neste deporte foi en cadete de segundo ano, que foi o primeiro ano que conseguín medallas a nivel nacional. Que de feito nin quedei primeiro, pero foi no selectivo que me daba praza ao Campionato de Europa e Campionato do Mundo.

– Lembras a sensación que tiveches ao gañar esa primeira medalla?

A verdade é que foi unha sensación moi boa. Acórdome do sitio, acórdome de todo.

Foi nun Campionato de España de 5000 m celebrado na fronteira de Cádiz e a verdade é que foi como unha liberación, é dicir, esa sensación de darte conta de que podes estar aí, sabes?

Porque conseguín igualarme a xente maior ca min e cando conseguín esa medalla contra todos os nenos que adestraban neses centros foi, a verdade, unha sensación súper boa porque se puxo en valor todo o esforzo que eu viña facendo.

– Estudas na UVigo Publicidade e Relacións Públicas, como levas o compaxinar os teus estudos co exercicio do deporte profesional?

Estudo na UVigo porque os últimos 4 anos vivín en Pontevedra, coincidindo cos meus dous primeiros anos do Grao en Publicidade e Relacións Laborais, pero agora estou estudando o terceiro curso desde Mallorca, aínda que eu sigo estando nun club galego e sigo estando empadroado alí.

E o feito da universidade agora mesmo ao ser a distancia si que está sendo algo máis complicado, xa que algúns profesores non prestan toda a axuda que necesitamos os deportistas que estamos nestes casos.

Gustaríame tratar de ligar deporte e comunicación, se cadra, como community manager dunha marca deportiva, por exemplo. Na actualidade estou montando unha empresa de creación de contido para redes sociais e trato de enfocala tamén moito no sector deportivo.

Aínda así, eu trato de ser bastante esixente, sei que o deporte é algo temporal, a non ser que no deporte me vaia espectacularmente ben durante ao longo de moitos anos, como a Teresa Portela, por exemplo. Sei que a miña faceta profesional vai ser enfocada igual ligada ao deporte, pero non no deporte como tal, non como deportista. Entón, pois trato de darlle moita importancia aos estudos.

Gustaríame tratar de ligar deporte e comunicación, se cadra, como community manager dunha marca deportiva, por exemplo. Na actualidade estou montando unha empresa de creación de contido para redes sociais e trato de enfocala tamén moito no sector deportivo.

Diego Domínguez: “Definiríame como perseverante, optimista e agradecido”

– Que dirías que lle achega o deporte á túa vida? Como te describirías a ti mesmo como deportista?

O deporte marca a miña vida completamente. Agora mesmo dálle todo, ou sexa, a miña vida é deporte en xeral, eu non sei vivir sen deporte.

Eu como deportista considérome un perfil bastante perseverante, adoito basear a miña faceta deportiva no mental tamén porque realmente xente con calidades físicas hai moita, eu teño calidades físicas, pero tamén teño moi boas calidades mentais en canto a confianza en min mesmo, a forma de afrontar os problemas e mellorar o meu rendemento. Entón definiríame como perseverante, optimista, agradecido. Son bastante agradecido tamén co que me pasa.

– Que consello lle darías a alguén que está empezando neste deporte?

Eu trataría de se é un neno pequeno que está empezando, pois evidentemente dicirlle que goce do deporte. E se nos centramos no piragüismo, avisalo de que o piragüismo é un deporte moi duro no que as condicións climáticas son adversas, a maioría do ano hai vento, frío, choiva… pero é un deporte que tamén che dá moitas alegrías, mantente moi en forma, san e que sobre todo o grupo humano que creas ao redor do piragüismo, creo que é súper súper bo e nada… que goce dese camiño.

Creo que deberiamos centrarnos en gozar moito máis do proceso, moito máis do que o facemos.

Eu sei que é algo que teño moi pendente no meu día a día. Estou a preparar uns Xogos Olímpicos que é a máxima cita á que vou poder acudir na miña vida, os meus primeiros Xogos Olímpicos, que seguramente sexan máis ilusionantes que os segundos. Porque os primeiros pois son un pouco máis emblemáticos, supoño. Aínda así, moitas veces a mente xógame malas pasadas e non acabo de gozar todo o que me gustaría, entón no meu día a día sempre trato de ter iso na cabeza, desfrutar do proceso.

Diego Domínguez, padexeiro, competirá nos Xogos de París 2024 na proba de C2 500m
Diego Domínguez, padexeiro, competirá nos Xogos de París 2024 na proba de C2 500m

– Como está a ser a túa preparación para estes Xogos?

Pois se nos imos un pouco á parte máis técnica de rendemento, a verdade é que agora mesmo está sendo algo dura. Estamos no momento máis duro para os Xogos Olímpicos, porque estamos a 5 semanas de empezar a competir alí e agora mesmo necesitamos meter moita carga para poder reducila xusto antes da cita e non chegar fatigado aos días de competición.

Así que agora mesmo estou cansado fisicamente, a verdade, pero en canto ao psicolóxico estou bastante ilusionado. Imaxínome en París vivindo a experiencia, teño moitísimas ganas. Trataremos de volver cunha medalla para casa, que oxalá sexa un ouro. E se non hai medalla, pois tratarei de loitar con todo o que teño.

As expectativas son altas. Con isto non quero dicir que teña presión de medalla, pero estou convencido de que podo conseguila.

– Chegas aos Xogos Olímpicos de París 2024 sendo moi novo pero con boas marcas. Cales son as vosas expectativas nesta cita olímpica?

Pois a verdade é que as expectativas son altas. Con isto non quero dicir que teña presión de medalla, pero estou convencido de que podo conseguila. Que pasa, que hai que chegar alí e conseguila, pero o primeiro paso é convencerse a un mesmo e telo claro. E a partir de aí empezas a construír un camiño e empezas a construír un proceso para chegar ata aí, pero ata que chegas ata aquí, non o cres posible ata que non te igualas.

Pois en realidade, vimos da Copa do Mundo na que xa competimos con case todos os barcos que nos imos atopar nos Xogos Olímpicos e vimos de quedar segundos, posto grazas ao cal conseguimos a nosa clasificación olímpica.

Por sorte xa coñecemos os nosos rivais, por exemplo, Brasil, é un barco que ten catro medallas olímpicas e seguramente vaia a por máis, ou o barco alemán, que vén de quedar Campión do Mundo o ano pasado. Eu creo que eses son os rivais máis fortes, logo pois alí haberá que baterse con eles.

– Cal é o punto forte e o feble que tendes Joan Antoni e ti na auga?

O noso punto forte eu creo que é a estabilidade mental que temos. Creo que damos un plus competindo cando estamos contra outros barcos xa que somos capaces de sacar a nosa mellor versión, que iso é moi difícil. Así que creo que o noso punto forte é ese e a conexión que temos o meu compañeiro e eu. El é un mozo moi explosivo e eu son un perfil un pouquiño máis resistente, pero que nos compenetramos moi ben.

E o noso punto débil. Quizais igual que son os nosos primeiros Xogos Olímpicos, que iso non creo que sexa un punto débil, pero se cadra sentirse un pouco fóra do que estamos afeitos, é unha experiencia nova para nós.

Adoito dedicar os meus logros á miña nai que faleceu hai 4 anos, sérveme de motivación e de inspiración para mellorarme día a día, para facer a miña mellor versión. Entón pois todo o bo que que me pase evidentemente vai cun pensamento cara a ela. Desa forma creo que aínda que ela non o viva presencialmente, víveo comigo na miña cabeza.

– Os méritos que acades en París teñen unha dedicatoria preparada?

Eu sempre adoito dedicar os meus logros á mesma persoa. Miña nai faleceu hai 4 anos e sempre trato de dedicarllo, ao final sérveme de motivación, sérveme de inspiración para mellorarme día a día, para facer a miña mellor versión. Entón pois todo o bo que que me pase evidentemente vai cun pensamento cara a ela. Desa forma creo que aínda que ela non o viva presencialmente, víveo comigo na miña cabeza.

Así que se vén unha medalla, se vén… Oxalá que veña esa medalla e poida dedicarlle o podio a ela. E se non lle dedico unha medalla, pois dedicareille un pensamento igualmente e ela vivirá eses xogos comigo.

Compartir en