A de Desirée Vila é unha vida ligada ao deporte antes incluso de que a discapacidade lle dese unha volta á súa existencia. Foi campioa galega e española de ximnasia acrobática, pero unha lesión que derivou na amputación dunha das súas pernas truncou totalmente ese futuro de pinchacarneiros. O médico que lle salvou a vida foi o primeiro que lle falou do reto de ser paralímpica. A el, e á súa familia, desexa dedicarlle os seus logros nestes Xogos.
Non foi doado o camiño, tiña tan só 16 anos, pero logo do necesario loito pola perda, Desirée Vila reinventouse e volveu ao deporte esta vez como atleta. Compite nos 100 m e no salto de lonxitude onde ostenta actualmente o récord estatal na súa categoría, T63. Estos serán os seus primeiros Xogos Paralímpicos.
Esta deportista de Gondomar é, ademais, toda unha influencer nas redes sociais. Atesoura máis de 55.000 persoas seguíndoa en Instagram, 88.000 subscritas á súa canle de YouTube e suma un total de 760.800 persoas seguíndo a súas evolucións en Tik-Tok, en Twitter son máis de 7.200 Escribiu un libro, Lo único incurable son las ganas de vivir, unha frase que leva incluso tatuada na súa pel. Optimista, loitadora e inspiradora, Desi Vila acude a Tokyo 2020 co desexo de subirse ao podio.
Como foi esa burbulla pre Xogos xunto a outra atleta galega, Adi Iglesias?
Coñecémonos desde hai tempo por competir ambas as dúas a nivel internacional. Así que estou moi contenta por compartir este tempo con ela, foi duro estar encerradas adestrando. Para min foi un pracer compartir esa concentración con galegos e co resto de compañeiros.
Vós sodes agora os espellos nos que se miran atletas que comezan. En que espello te mirabas ti cando eras máis moza. A que deportista admirabas ou tiñas como referente?
Facía ximnasia e fixábame nas de ximnasia acrobática, cheguei a coñecelas e logo competir contra elas no Mundial. Agora fíxome en deportistas paralímpicos que lograron estar no máis alto do seu deporte. Por exemplo, Alfonso Cabello un ciclista co que nesta ocasión poderei compartir competición. Compite tamén con xente sen discapacidade e fai podios nos campionatos de España. É un exemplo de que ter una discapacidade non te fai menos ca o resto, depende do teu esforzo e das ganas que lle poñas.
Como moza do teu tempo es unha persoa bastante activa nas redes sociais, diría incluso que as empregas como unha ferramenta de normalización da vida diaria dunha deportista con discapacidade.
No primeiro momento tiven moito complexo coa miña discapacidade. Logo decidín amosarme como son para que, as persoas con discapacidade, sobre todo a mocidade en redes como tik tok, teñan algún referente con discapacidade para que vexan cousas diferentes. Agora céntrome máis na parte deportiva para ensinar que é o mundo paralímpico e que deportes paralímpicos existen. É fundamental xa que son temas que non se falan na escola e que moita xente non coñecería se non fose polas fotos e polos vídeos que nós amosamos nas redes sociais. Polo xeral os comentarios son positivos. Algunhas preguntas para min son moi obvias, pero se as preguntan é por que non se saben. A verdade é que non adoito ter haters. Algún comentario negativo hai pero é algo ao que estás exposta cando estás nas redes sociais. Non lles dou máis importancia que a que teñen.
Se cadra outras persoas ao verte competir e adestrar, anímanse a tentar facer deporte, chéganche mensaxes nese sentido?
Chéganme sobre todo persoas que teñen unha discapacidade e non saben a onde ir para poder facer deporte. Intento orientar. Por exemplo, no mundo paralímpico as federacións non van por deporte, se non por discapacidades. Por poder, podes adestrar en calquera club, pero para competir tes que sacarte a licencia coa federación que corresponde á túa discapacidade.
Se o esforzo físico e mental é notable nun deportista, no caso dun deportista paralímpico, cres que é maior o igual ou simplemente diferente?
Non diría que é máis ou menos. Cada un sabe o que lle custa chegar a uns Xogos. Calquera deportista que chega a uns Xogos suou a gota gorda para chegar alí. Pero é verdade que no caso dos paralímpicos tes que ter en conta moitas cousas que outra persoa coas súas dúas pernas non ten lidiar. Por exemplo, eu teño que desembolsar unha inversión económica moi elevada para poder competir. Unha persoa con dúas pernas non ten que facer unha inversión tan grande, con ter unhas zapatillas e uns pantalóns para correr xa case está. A parte diso, eu teño que desenvolver un traballo fundamental co ortopeda para que a miña prótese funcione perfectamente, non rompa, non te manque… Hai unha parte do traballo dun deportista paralímpico que ten que ver co traballo coa súa discapacidade é máis específico. Pero non por iso ten máis ou menos mérito.
O que non é igual é a repercusión mediática que ten o voso esforzo e os vosos méritos, e polo tanto as axudas que se conseguen por parte de entidades privadas. Entendo que iso fai aínda máis fundamental contar con bolsas como as que recibides de entidades como a Xunta de Galicia?
É necesario tanto a nivel de axudas económicas polo feito de que a práctica do deporte no noso caso é moito máis custoso, e tamén é necesario que se nos recoñeza o noso traballo, o noso esforzo… Eu nótoo moito. Nos Xogos Olímpicos todo o mundo estaba atento, estábase falando dese tema. E cando poño vídeos no tik tok adestrando a xente preguntábame por que estaba adestrando se os Xogos Olímpicos xa remataron. Non saben nin que existen os Xogos Paralímpicos. Darlle repercusión é tamén o noso traballo.
Para que se fagan a idea as persoas que lean esta entrevista, canto pode valer unha prótese para competir?
A que levo agora custou 20.000 euros. No que levo practicando atletismo xa levo tres prótesis. Antes facía 100 metros lisos e agora tamén fago salto de lonxitude e precisa unha prótese máis específica. Este ano saíu unha bésta nova que empezaron a empregar as miñas rivais e melloraron moitísimo pola tecnoloxía que ten. Eu non quixen quedar atrás e merqueina. Esta bésta coa que competirei en Tokyo 2020 é a nova.
Como deportista e como persoa desde fóra véseche como alguén que se esforza á procura de metas pero sobre todo como alguén que fai do positivismo unha actitude vital, é así?
O positivismo é algo que tes que traballar. Intento ser positiva, pero non sempre sae. Tamén depende da situación exterior. Hai veces que tes moita presión. Penso que no caso de persoas con obxectivos grandes, sexa ou non deportista, é importante traballar cun psicólogo, pola presión. O traballo coa miña psicóloga en Madrid foi fundamental. Tiña medos, non era quen de dalo todo saltando. Traballeino e pouco a pouco gañei en confianza e positividade. Nas competicións púñame nerviosa. E agora desfruto moito máis as competicións. Pero todo iso, trabállase.
De feito tes escrito un libro que leva por título Lo único incurable son las ganas de vivir, so con esa frase xa da ganas de lelo.
É unha especie de diario, é moi, moi persoal, falo en primeira persoa. O que vivín co accidente e logo, despois da amputación. Está enfocado ao positivismo e á superación, animando a xente que teña unha situación complicada como a miña a que siga adiante, pero é tamén un libro moi realista. Escribino nun momento vulnerable. Escribía exactamente o que sentía nese momento. Entón, os días malos tamén os describía. É importante contalo. A xente pode pensar que che pasa algo así e non pasa nada, e si que pasa. Tes que sacar fóra todos eses sentimentos encontrados para logo poder sentirte mellor.
Dirías que te reinventaches como deportista a raíz da lesión que deriva na amputación da túa perna e que te fai deixar a ximnasia acrobática na que xa destacabas con 16 anos?
Reinventeime. Non existe a ximnasia paralímpica así que tiven que cambiar de deporte. Tiven que aprender de cero. Coa prótese deportiva non sabía nin correr. A parte psicolóxica do deporte si que a tiña traballada, estaba afeita a adestrar todos os días ás rutinas diaria de deportista de coidar a alimentación, de viaxar, de ter que renunciar a ir ao cine cos amigos, ás escursións do cole… esa parte xa a tiña traballaba.
Escoitei nalgunha entrevista que decidiches centrarte no que si podes facer. É unha actitude de resiliencia. Non sei se xa era unha ‘lección’ que tiñas aprendido da túa practica deportiva previa ao paraatletismo, falo diso que leva aparellado o deporte de caerte e erguerte tantas veces como sexa preciso ate conseguir a meta que te propós.
Si, o deporte foi moi importante. Deixei a ximnasia, volvín ao colexio, volvín a miña vida previa, pero sentía que me faltaba algo moi grande, que era o deporte. Eu dedicáballe moitas horas á semana. Non tiña outros obxectivos ao non ter a ximnasia. Volver ao deporte foi unha motivación, volveume dar obxectivos. Permitiume coñecer a outros deportistas paralímpicos e compartir con eles os meus medos sobre a discapacidade coñecer outros tipos de discapacidade… todo iso axuda a relativizar, aprendes, ves que hai xente que viviu momentos traumáticos e que loita por ter unha vida plena. O deporte era o que me faltaba para ter unha vida cento por cento feliz.
E falando de metas, cando decides poñerte ese reto deportivo chegar a competir nuns XX.PP.?
Foi progresivo. Cando empezo nin pensaba chegar lonxe, só avanzar e mellorar cada día. Na primeira competición xa vin que me gustaba e quería tomalo máis en serio e adestrar máis horas e ver ata onde podería chegar. Logo do Europeo empecei a vivir na Blume, e todos os que viven alí teñen ese soño olímpico e dalgún xeito contaxéime dese soño e poñer a miña mirada en Tokyo 2020.
E cal é a aspiración de Desi Vila en Tokyo 2020?
Estou moi nerviosa. Por fin vou vivilo. Quero demostrar as boas condicións nas que chego. Síntome moi ben, moi forte, moi preparada física e psicoloxicamente. Quero facer marca persoal e oxalá subir ao podio.
A quen lle adicarías o éxito nos Xogos?
Se subo, voullo dedicar ao doutor Lores, o médico que me salvou a vida, que foi o primeiro que creeu en min antes incluso de que eu asimilase que me faltaba unha perna. E tamén a miña familia (aos meus pais e á miña irmá) que son un apoio fundamental no emocional. Antes de que ti podas pagar as mallas eles fan a investimento, lévante dun sitio ao outro… Tanto na ximnasia como no atletismo sempre foron os meus maiores fans.
Que distancia pensas que podes alcanzar no salto de lonxitude nestes Xogos Paralímpicos?
Quero saltar máis de 4.30. Teño a marca persoal do bronce no Europeo en 4.23 m. Coido que as medallas estarán entre os 5.00 e os 4.40m. Así que teño que estar polo menos nos 4.30m e penso que é unha marca bastante factible.