David García Torné / KULUMBEGASHVILI TAMARA - IJF
David García Torné / KULUMBEGASHVILI TAMARA - IJF

David García Torné: “A París vou polo ouro, é o único obxectivo polo cal traballamos”

  • “As lesións son cousa do pasado, chego a París nun gran estado físico e con moita gana”.
  • “Despois da última operación o meu obxectivo era recuperarme o mellor posible, non tiña como meta estar en París”.

 

Hai tres anos David García Torné (Tarragona, 1997) nacía novamente, polo menos na súa dimensión deportiva. Logo dunha longa travesía polo deserto provocada por unha infinidade de lesións no seu xeonllo esquerdo, o judoka regresaba aos tatamis coa mesma ilusión que tiña aquel cativo en La Canonja.

Máis de vinte anos despois, enrolado nas filas do Famu de Frutos de Vigo, García Torné presume nas súas vitrinas dun subcampionato continental e de metais como o ouro acadado en Astana e Linz ou os bronces nos Grand Slams de Antalya e París.

Precisamente, na capital gala aparece como un dos principais candidatos na categoría de -66 kg para subir ao podio. Ás portas dos Xogos Olímpicos amosa confianza en que o ouro olímpico non tarde en sumarse ao resto dos seus galardóns.

David García Torné / EFE CHEMA MOYA
David García Torné / EFE CHEMA MOYA

Non son poucas as quinielas que te colocan como unha das opcións máis sólidas para facerte co ouro. Cal é a meta que se marca David García? 

Sempre o ouro, é a nosa meta e estamos traballando niso. É o gran obxectivo que nos marcamos.

– Hai uns anos atravesaches unha longa travesía polo deserto debido ás diversas lesións de xeonllo, en que momento físico chegas a París?

A París chego nun estado perfecto. As lesións son cousa do pasado, a última operación foi hai tres anos e por sorte non volvín a ter ningunha molestia, polo que como dixen, chego nun gran estado. A preparación destes últimos meses foi moi boa e chego aos Xogos Olímpicos con moita gana.

– Como afectou a nivel mental esta concatenación de lesións?

Ao principio foi moi duro, cando che din que estás lesionado e que vas estar tanto tempo fóra da competición faise difícil. Logo afróntalo con disciplina e con gana de traballar, aí atopas novamente o camiño para regresar, traballando e facendo todo o posible para mellorar. Os deportistas facemos todo o que está na nosa man nestes casos e iso dános un oasis de tranquilidade nas situacións adversas.

David García Torné / SABAU GABRIELA - IJF
David García Torné / SABAU GABRIELA – IJF

– Nalgún momento as lesións fixéronche ter o pensamento de tirar a toalla?

Nunca, si que é certo que a última vez que me operaron o obxectivo era recuperarme o mellor posible, non participar nos Xogos Olímpicos. Eu víame no nivel no que estou competindo, pero era consciente que faltaba chegar ás competicións para poder reafirmarme. Por sorte todo saíu ben e aquí estamos.

– Anticipándonos aos acontecementos. Cando che estean colgando a medalla de ouro no podio en París, que ou quen vai estar na túa cabeza?

Moitas cousas. Sobre todo a miña familia, a xente que me acompañou durante este camiño, Quino, o noso adestrador… moita xente, iso será o que me veña á mente.

– Para rematar. Que consello lles dá David García Torné a todas as nenas e nenos que están comezando no judo e que ven nel un referente?

Que teñan sempre moita gana, a pesar dos malos momentos que sempre chegan. Que afronten a adversidade con actitude e disciplina, esas son as claves para saír adiante. O que vence é o que persiste, hai que traballar duro e ser constantes para que cheguen os éxitos.

Compartir en