Dani Castro - WORLD ARCHERY - FG DE TIRO CON ARCO
Dani Castro - WORLD ARCHERY - FG DE TIRO CON ARCO

Dani Castro: “Non vou poñer un gran, senón unha pada de area para que o meu equipo con Inés de Velasco sexa o mellor destes Xogos Olímpicos”

  • Sempre tiven a ilusión de volver atrás no tempo e competir de novo nos clasificatorios para estar en Tokyo. Acabeino conseguindo.
  • As miñas aspiracións pasan por irme dos Xogos satisfeito por conseguir cumprir con todos os factores que dependían de min
  • Facer o meu traballo vai ser o que me permita incrementar todas as posibilidades que teño de asegurar o éxito; iso é o que de verdade me permitirá render por riba doutros arqueiros.

O tiro con arco galego ten nas Pontes una canteira que segue sacando bos arqueiros. É o caso de Dani Castro que acode á súa primeira cita olímpica cheo de ilusión e con ganas de baleirarse na competición frecha a frecha.

24 anos e primeiros xogos olímpicos. Cales son as túas aspiracións para a competición?

As miñas aspiracións para a competición son facer o meu traballo, todo o que depende de min ao 100%, non dar ningunha das frechas por tirada que non faga o meu traballo. A verdade é que pasa por irme duns xogos olímpicos satisfeito por facer o que dependía de min e acadar todo o que tiñamos planificado para esta tempada. Todo á marxe do resultado, porque ao final é algo que non podemos controlar nunca, como si que é o caso do que facemos nós. Iso vai marcar a diferenza entre irme contento ou non de Tokyo. Vou facer todo o posible por marchar de aquí satisfeito.

Dani Castro no Preolímpico de París - WORLD ARCHERY
Dani Castro no Preolímpico de París – WORLD ARCHERY

Un debut ademais nunhas circunstancias sanitarias moi particulares. Afectou a pandemia á túa preparación?

A verdade é que á miña preparación non lle afectou para nada a pandemia. De feito, son un dos que se beneficiou dunha pandemia mundial. Ao final tomeino non como unha viaxe espiritual, xa que non me despracei a ningún lugar, pero si que é certo que foi un tempo que me tomei para reiniciar a cabeza e poñerme en forma de cara a seguinte tempada, sempre sen saber como ían ser as competicións. Con esa incerteza presente conseguín prepararme ben desde a miña casa na corentena e despois cando viaxei de novo a Madrid para participar nos adestramentos.

Síntome bastante agradecido con esta pandemia porque penso que me facía falta para acabar de despegar de todo. No ano 2019 non estaba clasificado, no que quedei quinto, e grazas á pandemia aprazouse todo e acabei chegando a Tokyo, a uns Xogos Olímpicos, que quen mo diría. Adestrei como se soubese que ía ir, pero a realidade era que cando o estaba facendo non o tiña 100% seguro. Sempre tiven esa ilusión de volver atrás e facer de novo os clasificatorios para entrar no equipo nacional e acabeino conseguindo.

“Estou agradecido á pandemia. No ano 2019 non estaba clasificado, no que quedei quinto, e grazas á pandemia aprazouse todo e acabei chegando a Tokyo, a uns Xogos Olímpicos, que quen mo diría”

Este ano estréase ademais a disciplina do dobre mixto, na que vas participar. Pensas que o tiro con arco galego pode marcar a diferenza?

Si, pode ser. Hai moitas posibilidades de ter esa sorte e lograr que o bo traballo se vexa reflectido. Ou non, quen sabe. Pola nosa banda imos facer todo o posible e eu confío plenamente na miña compañeira, Inés de Velasco, que é de Madrid. Non vou poñer un gran de area, vou poñer unha pada de area porque este equipo sexa o mellor destes Xogos Olímpicos, ou polo menos ser o que mellor compita desde a liña de tiro, á marxe sempre dos resultados.

Penso que facemos un gran equipo e que podemos lograr grandes cousas nesta competición e nas que veñen, xa que isto é un proxecto a longo prazo.

Dani Castro compite en dobre mixto con espírito de equipo xunto a  Inés de Velasco 

O deporte en igualdade entre mulleres e homes cobra importancia tamén coa incorporación do dobre mixto. Traballar en equipo é clave?

Si, o certo é que traballar en equipo é dos factores máis importantes que te podes atopar nunha competición e de seguro que a imos atopar tamén nesta. É verdade o que din de que a unión fai a forza. Nós como equipo estamos bastante unidos e iso nótase. Ela vai tirar tranquila porque a estou apoiando e eu vou tirar tranquilo porque ela vaime apoiar cando o necesite. Así o imos facer ata o final.

“Inés vai tirar tranquila porque a estou apoiando e eu vou tirar tranquilo porque ela vaime apoiar”

Dani Castro con Inés Velasco nos XX.OO. de Tokyo - REAL FEDERACION ESPAÑOLA DE TIRO CON ARCO
Dani Castro con Inés Velasco nos XX.OO. de Tokyo – REAL FEDERACION ESPAÑOLA DE TIRO CON ARCO

Afrontas tamén o gran reto de chegar aos metais despois de moitos anos de ausencia de representación española nos primeiros postos. É unha motivación extra?

Agora mesmo non estou pensando nos metais. Penso que cando pasa iso o único que sucede é que te afastas deles. As medallas son expectativas, todo o mundo as quere. Estamos nuns Xogos Olímpicos e todos os competidores queren chegar ata aí. Moitos están no camiño pero cando chega o momento da verdade poden chegar a poñerse nerviosos.

Eu teño claro que vou facer o meu traballo, incrementar todas as posibilidades que teño de asegurar o éxito, e iso vai ser o meu lema ata o final destes Xogos. Iso é o que de verdade me acabará facendo render por riba de moitos arqueiros. Como xa dixen, o resultado non o podemos controlar, pero o que teño claro é que vou facer unha boa competición afrontándoa da miña maneira. O que vai ser, acabará sendo.

Compartir en