Damián Ramos / ALBERTO PEREIRAS
Damián Ramos / ALBERTO PEREIRAS

Damián Ramos Sánchez: “Logo da evolución nos últimos meses penso que podo aspirar a medalla na contra o reloxo, que non é unha loucura”

  • Damián Ramos Sánchez é un recoñecido deportista galego de alto nivel que forma parte da Selección Española de ciclismo adaptado.
  • O deporte adaptado vaise dando a coñecer pouco a pouco, pero aínda hai que facer moito esforzo.
    Seguramente non vou ser o mellor da historia, pero confórmome con ser a miña mellor versión.

 

Damián Ramos / ISABEL PIZARRO
Damián Ramos / ISABEL PIZARRO

Leva máis de media vida vencellado ao deporte e á competición. Os seus primeiros grandes logros deportivos foron lonxe do deporte adaptado, como padexeiro, chegando a formar parte da Selección Española entre os anos 2009 e 2011. No ano 2014 un accidente levou a Damián Ramos Sánchez a reenfocar a súa vida deportiva desde o piragüismo cara á bicicleta e ao deporte adaptado. Leva varios anos destacando e os seus logros levárono a poder competir nos seus primeiros Xogos Paralímpicos. Estará en París 2024 en tres probas dentro da clase 4. Na que ten máis esperanzas postas é na de ciclismo e na contra o reloxo.

No ciclismo en ruta afrontará 90 km de percorrido na zona de Clichy Sous Bois ao nordeste de Sant Denis. Este coruñés estará tamén na carreira contra o reloxo na que no mesmo circuíto parisiense que na cita de ruta sumará un total de 28 km ao dar menos voltas, pero pensa que pode ser a que lle faga subir ao podio.

Finalmente no velódromo de Saint Quentin en Yvelines afrontará a persecución individual, un reto deportivo máis curto que adoita ser moi vistoso para o público polos ataques que fan os deportistas nos que a estratexia e a psicoloxía agroman con máis forza se cabe.

Damián Ramos / ALBERTO PEREIRAS
Damián Ramos / ALBERTO PEREIRAS

– Como foron os teus inicios co deporte? Sabemos que antes do ciclismo, competías en piragüismo.

Os meus inicios foron como os de moitos nenos, no verán, que non hai moitas actividades para a cativada. A miña nai apuntoume a un curso de piragüismo e con 14 anos empecei a dar as primeiras padas. Fixen amigos, divertíame, pasábao ben, así que continuei nos invernos ata acabar na Selección Española.

– Cando empezaches no ciclismo adaptado?

Ata o 2017 non me recuperei do accidente, empecei no ciclismo como rehabilitación. Despois cando acabei a rehabilitación continuei ao ver que podía facelo ben, sen grandes limitacións funcionais. Camiñar custábame bastante, pero en cambio a bicicleta permitíame, coa miña discapacidade, facer deporte sen ter dores o día despois.

A partir do 2017 comecei a facer probas amigables, tipo cicloturistas. Pouco a pouco, como a competición se a levas no sangue, empecei a facer probas de pequena entidade. Foi Iván Montero quen me dixo que me apuntase ao ciclismo adaptado dado que tiña un grao de discapacidade que me permitía participar neste tipo de probas. A min parecíame incrible que puidese participar. Non era coñecedor de que non só as grandes discapacidades teñen oco no ciclismo adaptado. Foi a través del que obtiven a licenza de ciclismo adaptado.

A partir de aí xa as primeiras probas no ciclismo adaptado foron dando bos resultados. O seleccionador fixouse en min cando competín por vez primeira internacionalmente. E no ano 2022 entrei a formar parte da Selección Española participando nas Copa do Mundo, e fun mellorando pouco a pouco ata acadar nestes dous últimos anos os resultados máis relevantes.

Damián Ramos / ALBERTO PEREIRAS
Damián Ramos / ALBERTO PEREIRAS

– Hai moito descoñecemento ao respecto dos diferentes graos que hai no deporte adaptado e iso seguramente fai que persoas que poderían estar competindo lles pase como che pasaba a ti, que non teñan nin idea de que poderían estalo facendo.

O ciclismo e o deporte adaptado en xeral non é de todo coñecido para o gran público. Cando se pensa en deporte adaptado pénsase en alguén que está nunha cadeira de rodas ou que ten unha gran discapacidade. Pero non pensamos en deportistas con discapacidades máis leves que tamén teñen sitio no deporte adaptado que está dando unha segunda oportunidade a deportistas. É unha pena. Pouco a pouco vaise dando a coñecer pero aínda hai que facer moito esforzo.

– Por que escolliches o ciclismo e non outro deporte adaptado?

Sempre fun un namorado da bicicleta, xa na miña época de padexeiro compaxinábao coa bicicleta, simplemente como complemento. Como a Rafa Nadal lle gusta o golf a min gustábame a bici de sempre. Xa tiña unha boa bicicleta, simplemente por gusto. Os deportes son complementarios uns con outros en determinadas épocas do ano. A min a bicicleta sempre me enganchou desde rapaz. Non me dediquei a iso porque os meus amigos fíxenos na piragua, e por iso non lle tocou. Pero se non fose por iso seguramente o meu primeiro deporte tería sido a bicicleta.

Damián Ramos / ALBERTO PEREIRAS
Damián Ramos / ALBERTO PEREIRAS

– Son modalidades moi distintas, tamén o é o ambiente deportivo que as rodea?

Moito non se parecen porque o ciclismo é un deporte que, aínda que o practiques na faceta competitiva, é moi social. Podes ir falando cos compañeiros, visitando zonas… A piragua é un pouco máis austera nese sentido. Podes coñecer un río, transcorrer por unha ría… pero a competición é nun encoro e como deporte é máis competición. Como a natación, non podes ir falando co compañeiro da estaxe do lado (ri). Non permite esa parte social.

Por iso me gustou sempre o ciclismo. Permíteche facer deporte e tamén esa parte social que na piragua se bota en falta.

O ciclismo é un deporte que, aínda que o practiques na faceta competitiva, é moi social.

– Nos teus inicios no deporte pensaches en chegar a ser campión de España, europeo e chegar a disputar uns Xogos Paralímpicos?

Nunca. Sempre hai un soño que é ir a uns Xogos pero sabes desde ben pequeno que é moi difícil. Acudir a uns Xogos é moi complicado, algo reservado ao olimpo. É súper complicado pola limitación de prazas. Coñeces a complexidade e sabes da cantidade de xente que está intentando acudir, así que coñeces a dificultade que ten. Sempre aspiras a iso, pero realmente non cres que che vai tocar.

De feito, unha das sensacións máis grandes que puiden vivir neste ano foi acadar eses bos resultados na Copa do Mundo. Pensei: isto ponme na liña de saída para os Xogos Paralímpicos. Foi como un reforzo mental. Efectivamente non estaba errado, eu valía para isto. Tantos anos pelexando para arriba e para abaixo, dunha forma ou doutra, e foi reconfortante mentalmente saber que non estaba equivocado: valía para isto.

Chegou tarde pero finalmente chegou.

Sempre hai un soño que é ir a uns Xogos pero sabes desde ben pequeno que é moi difícil. Acudir a uns Xogos é moi complicado, algo reservado ao olimpo. É súper complicado pola limitación de prazas

– Tarde… tampouco non es tan maior…

Prefería que fose con 20 anos pero tocoume con 38. Nunca é tarde se a dita é boa. Pero se fosen os meus 5.º ou 6.º Xogos tampouco me importaría en absoluto. Pero son consciente do extraordinario nivel que hai no deporte que sexa. Así que estou súper agradecido e contento cos meus resultados. Seguramente non vou ser o mellor da historia, pero confórmome con ser a miña mellor versión.

– Que expectativas tes para París 2024?

Se son sincero, hai catro meses diríache que con ir estaría contento, pero vendo os bos resultados que obtiven este ano, vexo que non é disparatado pensar que podo ter medalla na contra o reloxo. Hai uns meses sería máis conservador. Agora teño unha mellora de rendemento. Diríache que podo aspirar a medalla na contra o reloxo, non é unha loucura.

– Como é a preparación dun deportista paralímpico? Cantas horas adestras ao final dunha semana? Concentras ese adestramento en saídas nas fins de semana?

Entre saídas en bicicleta, o ximnasio e algunha sesión adicional de exercicios complementarios como respiracións ou estiramentos podemos estar falando ao redor de 30 horas á semana. Se me poño a contar o tempo que lle dedico a limpar a bicicleta seguro que son máis de 40 horas á semana, seguro. Pero de adestramento serían unhas 30 horas semanais.

– E como levas a preparación concreta desta recta final cara aos Xogos?

A raíz do cuarto posto no Mundial de 2023 o Comité Paralímpico Español deume unha bolsa ADOP e puiden compaxinar a vida laboral e a deportiva. Por iso este ano puiden dedicarlle moito máis tempo á bicicleta. Sobre todo tiven máis descanso que é moi importante. Isto traduciuse nunha mellora de rendemento bastante importante. Esa foi a chave da mellora.
De aquí aos Xogos farei dúas concentracións, xa fixen unha en Portugal para adestrar no velódromo. E volverei a mediados de agosto.

Tiña opción de ir a Serra Nevada para adestrar en altura, pero poñendo os pros e contras do desprazamento dos teus lugares habituais de adestramento onde estás máis cómodo, decidín estar en Portugal e será mellor para min. Porque o desprazamento complícase moito e os beneficios non compensan estar lonxe da casa tanto tempo.

Damián Ramos: “A París levarei tres bicicletas”

– Se vas competir en ruta, contra o reloxo e na persecución, terás que levar a Francia diferentes bicicletas. Cada unha desas especialidades require unhas características técnicas nas monturas, diferentes, é así?

Si. O ciclismo é un deporte moi técnico. Usarei tres bicicletas para as tres probas que vou competir. A do velódromo non ten cambios e ten rodas lenticulares, é unha bicicleta moi cerrada só para velódromo.

A de contra o reloxo é un mix entre a de ruta e a de velódromo que xa é máis coñecida porque é como as que usan os profesionais do Tour de Francia, ten unhas extensións para apoiar os cóbados e este tipo de cousas que che permiten ir a máis velocidade.

E por último levarei unha de ruta que é unha bicicleta de estrada máis convencional.

– Que lle aporta o deporte á túa vida?

Practicamente todo. Os días que non fago deporte síntome algo baleiro. Cando non o fago bótoo de menos. Ademais as miñas mellores amizades están rodeadas do deporte en maior ou menor medida, a miña parella tamén fai moito deporte. O deporte sexa ao nivel que sexa forma parte da miña vida. É como dicir que lavas os dentes todos os días, pois eu fago deporte todos os días.

O deporte sexa ao nivel que sexa forma parte da miña vida. Os días que non fago deporte síntome algo baleiro.

– Que achegou o deporte á túa forma de ser?

Creo que o espírito de superación. Eu fago deporte para mellorar eu a miña mellor versión. Iso trasládoo á vida cotiá. Todos temos dificultades na nosa vida, no traballo, a familia, e ter esa capacidade de antepoñer os obxectivo ás pedras que vas atopando no camiño son as maiores vantaxes que me proporcionou ser deportista.

– Como te describirías a ti mesmo como deportista?

Sen dúbida creo que a miña constancia e a miña cabeza, a capacidade de esforzo e sacrificio son as miñas fortalezas como deportista. Haberá outros rivais con mellores capacidades físicas, pero a dureza de cabeza, ter os obxectivos ben claros e ir por eles sen dubidar creo que é a miña fortaleza.

Damián Ramos / ALBERTO PEREIRAS
Damián Ramos / ALBERTO PEREIRAS

– Tes un grupo de ciclistas cos que adoitas adestrar?

Si. Teño un pequeno grupo de adestramento. Por iso non quero marchar desta zona porque co meu grupo de adestramento doulle unha calidade extra aos adestramentos e non me quero afastar deles. Permíteme facer con máis facilidade os adestramentos. Compartes minutos con xente coa que o pasas ben e fante esforzar máis.

A miña constancia e a miña cabeza, a capacidade de esforzo e sacrificio son as miñas fortalezas como deportista. Haberá outros rivais con mellores capacidades físicas, pero a dureza de cabeza, ter os obxectivos ben claros e ir por eles sen dubidar creo que é a miña fortaleza.

– A quen quererías ter sempre na túa grupeta? Quen é esa persoa vitamina coa que che gusta adestrar porque saca o mellor de ti?

Non sería unha persoa coa que adestro, senón que é o meu adestrador que nos acompaña na moto ou no coche co pinganillo cando adestramos a contra o reloxo. É a persoa que me di a palabra que preciso en cada momento. Que estou canso, pois non pasa nada ti esfórzate o que poidas. Sempre che di a palabra que precisas. Cando fago rodete en interior está sempre comigo… É esa persoa que sempre che di o que precisas para que a cabeza non te traizoe. Sen dúbida, o meu adestrador é a quen máis preciso no adestramento.

Aínda que temos unha diferenza de idade importante, temos un vínculo persoal xa de antes de que competise no ciclismo e temos una relación persoal case de pai fillo. El sería esa persoa vitamina.

Esa persoa que sempre che di o que precisas para que a cabeza non te traizoe, sen dúbida, o meu adestrador é a quen máis preciso no adestramento.

– Animarías a outras persoas con ou sen discapacidade a practicar algún deporte?

Sen dúbida. Sobre todo ás persoas que non coñecen o deporte e están nunha situación de discapacidade. O deporte adaptado, ademais da competición (que está nun segundo plano), dáche unha visión do mundo ou das amizades que non che van dar outras actividades da vida. Aquelas persoas que están nunha situación na que non teñen obxectivos, ou que teñen unha situación difícil para afrontar outros problemas, o deporte permite coñecer xente nova, sitios novos, dáche un impulso. Animaría a persoas con discapacidade a facer deporte, xa non por competir, senón polo que está asociado ao deporte.

– Ademais da bicicleta creo que traballas como enxeñeiro.

Compaxino a bicicleta coa enxeñería. Non me limita para non estar canso cando empezo a xornada de adestramentos. É perfectamente compatible co deporte. Cando saio da oficina e monto na bicicleta os problemas da oficina quedan alí. E ao revés, cando regreso só queda a dor de pernas e a satisfacción do traballo feito. E afrontas os retos do traballo cunha relaxación importante.

Compartir en