- “Nestas máis de dúas décadas que levo competindo coa selección española podería dicir que, se non cambiou todo, cambiou case todo”
- “O obxectivo que nos marcamos é intentar entrar nunha final. Irei a dalo todo en cada proba”
- “Logo de volver a España valoraremos se sigo ou non nadando. De non facelo, seguirei metido no deporte”
A de Sebastián ‘Chano’ Rodríguez é unha das carreiras máis destacadas do deporte paralímpico internacional. E non é para menos: en Tokyo 2020 alcanza os seus sextos Xogos, e faino como o nadador español con máis medallas de ouro da historia. Aos seus 64 anos, ‘Chano’ parte como o máis veterano nos 200 metros libres. Iso si, coa mesma ilusión que un debutante.
Hai ocasións nas que as presentacións acaban sobrando. Es a persoa con máis ouros da natación paralímpica española, unha lenda en activo, que encara os seus sextos Xogos… E todo iso con 64 anos. En primeiro lugar, cales son as túas sensacións tras todos estes anos de competición?
As sensacións despois de todos estes anos de competición son, por grande fortuna, todas boas. Iso a pesar das lesións, de loitar por encontrarme cada día mellor. Os feitos están aí, sigo competindo ao máximo nivel á miña idade.
Nestas dúas décadas que pasaron desde Sidney ata Tokyo, evidentemente, cambiaron moitas cousas. Variou o teu método? Como te preparas?
Si, nestas máis de dúas décadas que levo competindo coa selección española podería dicir que, se non cambiou todo, cambiou case todo. Tanto a nivel mediático, como físico, como todos os métodos de adestramento. Afortunadamente, todo o relacionado coa mecánica e a medicina deportiva acompañounos. É un pouco o que máis nos axuda a mellorar. Ter cámaras subacuáticas que che van dicindo onde tes que ir mellor, onde non… Digamos que a ciencia aplicada á natación, como calquera outra cousa na vida, é o que nos axuda a cambiar todo isto. Eu prepárome como calquera outro deportista, cun adestrador. Ás veces é un agravante e outras veces é todo o contrario. A idade dáche certas cousas, como saber manter a calma en competicións internacionais. Eu aí vou, como se acostuma dicir, a cabalo gañador. Iso, se cadra, un rapaz novo non o pode facer.
Estes Xogos, ademais, chegan nunhas condicións sanitarias sen precedentes. Como afectou a pandemia ao teu día a día nos adestramentos e nas competicións?
Como xa comentei noutras ocasións, as condicións destes Xogos son diferentes ao igual que o é o mundo en xeral. O deporte non está ó marxe da sociedade a ningún nivel. Todos pensabamos que non se ían celebrar e aquí estamos, en Toquio, baixo un nivel de seguridade moi alto, cun control sanitario exhaustivo e puidemos adestrar e prepararnos do mellor xeito posible. O certo é que a piscina, que é o que nos corresponde a nós, é incrible. Se non é a mellor, é das mellores que vin, tanto a nivel de auga como de estrutura. Non é tan bonita por fóra como a de Pekín, por exemplo, pero por dentro é espectacular e ten a última tecnoloxía aplicada á auga, tanto na iluminación, no fondo… Algo verdadeiramente incrible. Imos gozalo ao máximo.
Custou o camiño a Tokyo 2020, pero a marca mínima acabou por chegar en Berlín. Con moitos cambios no teu estilo, alcanzaches os teus sextos Xogos Paralímpicos e participas como o nadador máis veterano. Foi duro adaptarse e conseguir a praza?
Pois si, o certo é que conseguir a mínima para Tokyo 2020 levounos un tempo importante, entre outras cousas porque houbo unha variación hai uns anos nas categorías e cambiaron a moitos competidores dunhas a outras. Houbo que facer axustes. Eu sempre participei nos 50 metros libres e tiven que pasar a preparar, en menos de dous anos, os 200. Non é que sexa unha proba longa, pero é moi táctica. Hai que axustar moi ben os pases do 50. O certo é que, como di o meu adestrador, no último momento e na última opción, saíu. Saíu porque o traballo estaba feito. Había que agardar as condicións necesarias, e como di el, ata lles deixamos propina. Pedían 2:54:36 e fixemos 2:54 pelados. Foi unha satisfacción enorme e unha grande alegría para o meu adestrador, para min e para o seleccionador, ademais da familia, claro, que é outra parte que sofre todo o noso traballo. A ausencia de estar na casa, sobre todo.
Que obxectivos te marcas logo de todo o traballo?
O obxectivo que nos marcamos despois de conseguir a mínima, que era o máis importante, é intentar entrar nunha final. Está moi complicado, tanto ou máis que chegar á marca mínima, pero hai que estar aquí. Estou moi animado, fisicamente atópome moi ben, moi forte, e irei a dalo todo en cada proba.
E tras Toquioo… Que lle espera a ‘Chano’?
Pois tras Toquio… (risas), agárdanme unhas boas comidas cos amigos, coa familia, que penso que as merecemos, que perdemos moito peso nestes últimos meses. Dedicarlle tempo á familia e logo ver que opcións hai. Ver se sigo ou non sigo nadando. Logo da chegada a España, xa despois dos Xogos, é cando analizamos cos técnicos como foi todo, como foi o ciclo Olímpico, e valoramos se seguir ou non seguir. Pero en calquera caso, penso que se non sigo nadando, seguirei metido no deporte. Ademais, outra parte que adoito facer e que agardo seguir facendo, é levar a miña experiencia na vida e no deporte aos colexios, á universidade, sobre todo á xente nova, que é quen máis pode aprender tanto dos meus erros como dos meus acertos desta longa traxectoria vital e profesional.