- Ser guía faite ser máis consciente e poñerte no lugar dos demais.
- As persoas que teñen unha discapacidade física ou metal teñen o mesmo dereito que nós a facer deporte.
- Á figura do guía danlle máis importancia, pero aínda non está valorado ao 100%.
Celso Comesaña (Vigo, 1988) acudirá aos Xogos Paralímpicos de Tokyo 2020. Farao como guía de Susana Rodríguez, pero o seu papel na competición merece o mesmo mérito e recoñecemento. No ano 2019, a parella quedou 4ª na Copa do Mundo e foron subcampiós de Europa en 2021.
O primeiro que nos gustaría saber é como acaba un converténdose en guía de atletismo, cal foi o proceso?
A verdade é que foi unha casualidade. Eu facía tríatlon no mesmo club que Susana (pola súa compañeira Susana Rodríguez) e un día o seu adestrador preguntoume se a podía axudar cun exercicio. Ao final empezamos a coincidir e unha cousa levou a outra e logo, tiña que participar nunha carreira e díxome se quería ir con ela. Realmente, non era algo que buscase, pero empecei a axudarlle a adestrar e, ao final, chegamos ata o día de hoxe. Non foi algo buscado, pero xurdiu así. Ao principio era raro, porque eu estaba acostumado a competir só e tiven que acostumarme e coordinarme coa miña compañeira. Agora, a pesares da diferenza de altura, estamos moi ben coordinados, é como conducir, unha vez que aprendes xa non tes que pensar nos pasos que dar.
Que se sinte ao ser “os ollos” doutra persoa? Que che aportou o teu papel como guía?
Sobre todo, moita responsabilidade. Pode parecer sinxelo pero, ao final, ela compite cos ollos tapados, polo que calquera mínimo detalle que poidamos imaxinar pode acabar coa carreira ao traste. Cada competidor vai ao seu, polo que é sinxelo que poida pasar calquera cousa. No momento en que lle tapan os ollos, eu póñome na súa pel e penso nela. Por sorte aquí está todo moito máis controlado.
Que che aportou o teu papel como guía?
Aportoume moito. Ser guía faite ser máis consciente e poñerte no lugar dos demais. Dáste conta de que existe máis do que pensamos. As persoas que teñen unha discapacidade física ou metal teñen o mesmo dereito que nós a facer deporte. Nós non o valoramos, porque adestramos cando queremos e non dependemos de ninguén para facelo. Para min é importante ser guía por iso, precisamente. Síntome ben con min mesmo cando o fago. Eu adestro con Susana e é gratificante ir aos Xogos Paralímpicos, pero hai que ter en conta que hai outras persoas que non están a ese nivel e que tamén teñen dereito a facer deporte. Creo que debería darse a coñecer e valorarse máis a figura do guía. Mesmo desde os clubs creo que deberían potenciar este papel.
Susana Rodríguez xa competiu nuns Xogos Paraolímpicos, pero para ti vai ser a primeira vez. Ao ter ela xa unha experiencia dáche consellos de cara á competición?
Ela competiu nos Xogos Paralímpicos en tríatlon, pero Tokyo 2020 vai ser a primeira vez que o faga en atletismo. Si que me dixo que os Xogos Paralímpicos eran outra dimensión, algo que non se semellaba co que viamos pola televisión.
Tanto Susana como ti tivestes e seguides tendo un papel importantísimo durante a crise sanitaria da covid-19, ela como doutora e ti como garda civil, como compaxinastes os adestramentos co voso traballo diario?
Ao principio do confinamento había moitas restricións, polo que adestrabamos desde as nosas casas, porque non podiamos saír para facer deporte. Despois, aos deportistas de alto nivel deixáronnos saír e intentamos adestrar o máximo posible. O meu traballo variaba moito de quendas, polo que intentei adaptarme o máximo posible. Tiñamos máis ou menos claro que non se ían celebrar os Xogos, polo que non adestrabamos con presión mental.
Levastes a cabo algunha rutina especial para prepararvos para os Xogos?
Máis ou menos continuamos coas mesmas rutinas. Os Xogos Paraolímpicos esixen unha capacidade física e mental superior. A xente chega aos Xogos nun estado de forma 10, polo que sempre nos temos que esixir un pouco máis.
Cres que aínda queda terreo por gañar para os guías olímpicos?
Creo que si, queda moito terreo por conquistar. Á figura do guía danlle máis importancia, pero aínda non está valorado ao 100%. En Galicia somos dous guías, unicamente. Estamos abrindo camiño para as futuras xeracións. O problema é que a figura do guía se formula para os deportistas de certo nivel. Na miña opinión, os guías deberían acompañar aos deportistas con esta necesidade desde que son pequenos.